publicidade hoxe

Diábolo

Este xogo semella que foi inventado aló pola China durante a dinastía Han, no século III a. C., aínda que hai quen afirma que xa existía na dinastía Chang, entre o 1766-1112 a. C. Puxéranlle o nome de Kouen-gen, que significaba “facerlle asubiar ao tronco oco do bambú”. Era utilizado polos venderes de doces para atraer os seus clientes. Foi introducido en Europa por uns misioneiros que o trouxeron para Francia antes da Revolución. En Inglaterra vaino introducir lord Macartney, e denominábano diaballo. No territorio español, vai ser o rei Afonso Xll a comezos do século XX, quen o introduza. En Euzkadi chamábanlle diaboloa, diablo e txabila e era un xogo feminino de desenvolvemento ao aire libre e durante o curso escolar. Nas Illas Baleares denominábano diábolo de rodets de fil. Se cadra sexa, en definitiva, unha argallada moi esparexida por toda a xeografía mundial. Hoxe en día empréganse diversos materiais para a súa fabricación, plástico, coiro, ferro ou mesmo madeira e, dependendo do seu peso e tamaño pode ser mellor ou peor o seu manexo.

ASÍ SE FAI

material-diaboloMATERIAL: Un carrete de fío, un pau duns 10 cm de longo e 1 cm de diámetro, dous paus duns 35 cm de longo e 1 cm de diámetro, un fío de cánabo duns 60 cm de longo e unha navalla.

TEMPO: 45 minutos.

ESTACIÓN: Calquera época do ano.

 

carrete-fio-diabolo
diabolo-paso-1
diabolo-paso-2
diabolo-paso-3
diabolo-paso-4

Comezamos por procurar un carrete de fío, feito en madeira. De non o atoparmos, podemos facelo nós empregando un anaco de pau e darlle a forma de diábolo. Cortamos o eixo do carrete xusto polo medio e medio. Deseguido, coa navalla, afiamos cada unha desas partes, coma se fose un lapis, ata chegar con esa inclinación ao burato do propio eixo do carrete. Quédannos agora dúas partes cónicas. Collemos o pau de 10 cm e axustámolo para que entre polo oco de ambas rodas cónicas, coa finalidade de que fiquen montadas e unidas pola parte afiada. O resto do pau sobrante, cortámolo a rentes da parede da roda, quedando así un corpo único, que sería o diábolo. Botamos man dos dous paus de 35 cm e arranxámolos de xeito que queden libres de nós e ben lisiños, para termos un manexo máis doado e tamén por cuestión estética. A madeira aconsellable para tal fin é a de abeleira, salgueiro, vimbio ou, de non termos este a man, outros calquera. A 1 cm dun dos extremos, facemos un rebaixe coa navalla todo arredor, para que non esvare o fío. Feito isto en cada un dos paus, atamos o fío, ben anoado, en cada extremo de cadanseu pau. Para facerlle funcionar, colocamos o diábolo no medio do fío que suxeitan os paus e tratamos de que xire sobre si mesmo impulsándoo cara arriba. De todas formas, non é unha manobra doada por mor do pouco peso do carrete.

diabolo

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 17 de Xuño do 2014 | 1:57 p.m.

Outros temas de Picaraxadas