publicidade hoxe

Muíño de papel

muino-de-papel-materialMATERIAL:un papel de cartolina, da cor que máis nos apeteza; unha cana delgada ou vara duns 40 cm, unha punta pequena ou alfinete, un lapis, unha escuadra ou cartabón, unhas tesoiras, unha navalla e un tarabelo, opcionalmente.

TEMPO:entre 30 e 40 minutos.

ESTACIÓN:verán ou outono.

Moi coñecido este muíño, non só no territorio español, senón polo resto do mundo. Se non é feito dunha maneira, éo doutra, mais a función de divertimento, é a mesma.

En Galicia, tamén é coñecido por outros nomes, ás veces emulando ou imitando outro tipo de construcións semellantes , aínda que non sexan expresamente feitas ven papel. Así, chámanlle andaravía, remuíño, viraventos, muíño de vento, tarabela, tarabelo, martabela, tarabel, gurrupés, …

En castelán é coñecido como molinillo, bolaera, molinillo de papel, girador de papel, hélice. En Catalunya, denomínano el molinet. En Euzkadi, molinillo de papel, volador ou errotatxo. Nas Illes Balears, molinet d´albó i paper, mais tamén panell, molinet de vent. En Portugal tamén ten varias denominacións, moinho de vento, vira-vento, catavento ou corroipio. En Francia falábase de hélice en papier, moulin à vent en papier. En Italia ten varias denominacións, dependendo da zona, así en Sicilia, lu firrialoru; en Bisceglie, muinu a veint; na Toscana, mulinello ou frullino; en Venezia, zirandola.

ASÍ SE FAI
muino-de-papel-paso-1
muino-de-papel-paso-2
muino-de-papel-paso-3
muino-de-papel-paso-4
muino-de-papel-paso-5

Comezamos por facer un cadrado na cartolina. Trazámoslle as diagonais e dividímolas en tres partes iguais. Todo isto marcado co lapis na cartolina.

Coas tesoiras recortamos o devandito cadrado e, a seguir, cortamos pola diagonal dende o vértice ata marca, antes realizada. Repetimos este proceso en todas as diagonais. Imos dobrando cara ao medio cada unha das puntas alternas.

Pasámolas un pouco máis do medio e furámolas coa punta pequena ou o alfinete, coa fin de queden suxeitas. Preparamos a vara ou cana, puíndo todo tipo de imperfeccións ou nós.

Collemos un anaquiño de pau redondo de 1 cm, que pode ser da propia vara se utilizamos este material, e facémoslle un burato no centro, para que despois ao meter a punta que suxeitaba os vértices da cartolina, xire mellor sen estar apegada á vara.

Xa estamos en disposición de correr cara ao vento ou de soprarlle para que funcione o mellor posible.

Había algún lugar en Galicia que empregaban como material unhas follas de calendario que estaban impresas nunha especie de folla de lata, que recortaban con tesoiras e realizaban o mesmo proceso.

muino-de-papel

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 13 de Outubro do 2014 | 11:41 a.m.

Outros temas de Picaraxadas