publicidade hoxe

Frauta traveseira de cana

canasA música entretén e cultiva o espírito, iso é obvio, pero dá moita compaña a quen está só. Vaite ti a saber se esta intención de acompañamento na soidade dun monte ou dun prado, foi o que fixo que moitos pegureiros ou pastores fosen uns dos primeiros en sacarlles notas a estas humildes argalladas. Dende logo, non sería casualidade que aquel burro, que pracenteiramente pacía nun prado calmando as súas ansias de comer, atopase, froito do azar, un brinquedo destes e lle fixese soar ao botarlle o seu alento polo burato da embocadura. Que facía alí, abandonada á súa sorte esta frauta? A quen lle esquecera? Nunca o saberemos. O que si coñecemos é que estaba nun campo e por alí no actuaban as bandas de música, pero ben puidera ser que un pastor a tivese feito e, ao correr detrás dunha cabra ou carneiro que fuxía, caéralle do seu zurrón. O que está claro é que xa veñen de hai moitos moitos anos, cando aínda os tataravós dos nosos tataravós eran uns nenos pequerrechos.

En Portugal, este tipo de brinquedos son coñecidos como flauta, gaita ou pífaro e pífana. En Catalunya, chamábanas xiulets ou flabiols. Nas Illas Balears, falaban de flabiol, flauta de canya, … En Euzkadi, txibilitua, en xeral para estes instrumentos. En Francia recibían o nome xeral de chalumeau (unha frauta rústica), pero podían tamén chamarse musette, pipette, trompette, sonette, bouèze, tcharamel ou coromelo. Á que era igual á nosa, pero só de cana, moitas veces engadíanlle na punta un anaco de cabaza seca para que resoase máis. En Brasil denominaban a este tipo de instrumentos, gaita e podía ser feita de talo de mamoeiro, carrapateira ou taquari. En Sicilia falaban de clarinetto di canna, zammaruni ou cannizzola.

 ASÍ SE FAI

frauta-traveseira-de-cana-materialMATERIAL: Un tubo de cana seco duns 2 cm de grosor, cun nó na cabeza; unha navalla, un ferro para quentalo no lume ou unha ferramenta substitutiva, para realizar buratos con maior facilidade.

TEMPO: Unha media hora ou tres cuartos.

ESTACIÓN: Calquera época do ano.

frauta-traveseira-de-cana-paso-1
frauta-traveseira-de-cana-paso-2
frauta-traveseira-de-cana-paso-3

En primeiro lugar, de querermos facer unha frauta de cana que soe o mellor posible, debemos lembrarnos de coller no inverno unha cana e deixala secar durante bo tempo, para que despois, ao minguar de tamaño, non desafine. Indicado isto e imaxinando que temos unha cana que reúna as condicións devanditas, podemos comezar o noso labor de realización da frauta. Temos que arranxar o nó coa navalla, deixándoo ben puído. Deseguido, cortamos de xeito perpendicular o outro extremo e iniciamos o proceso de quecemento do ferro ou do estañador. De o facermos co ferro, é conveniente poñerlle un mango illante, para non nos queimar. Adoitábase, para rematar axiña, espetarlle un carozo de millo nun extremo. Unha vez quente, empezamos por facer o burato da embocadura a uns 2 cm do nó e duns 8 mm de diámetro. A continuación, xusto na metade do tubo, facemos un buratiño duns 0,5 cm de diámetro e, a seguir, separados uns 1,5 cm outros tantos buratos como creamos necesarios. O normal sería facer sete, de desexarmos sacar as correspondentes notas da escala musical, pero non debemos esquecer que isto é unha argallada e a maioría das veces servía ben con que fixese certos asubíos. Unha vez rematado este proceso, podemos gravarlle uns adornos ao noso gusto co ferro quente ou co estañador. Xa queda o instrumento listo para non pasar desapercibido.

frauta-traveseira-de-cana

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 13 de Febreiro do 2018 | 9:58 a.m.

Outros temas de Picaraxadas