publicidade hoxe

Carouta de noz

Existen moitos xoguetes que, por así dicilo, non son para xogar. Isto semella unha contradición, posto que se algo se considera un xoguete é porque serve para o entretemento, a diversión, o xogo en definitiva. Estes xoguetes, polas súas características, xa son un xogo en si mesmos. O xogar con eles é o momento da súa creación, da súa realización. Todo aquel tempo que se pasaba entretido e totalmente absorto, mentres se facía.

No caso deste tipo de carauta, xogábase mentres se estaba modelando coa punta da navalla, se cadra ó tempo de reparar no gando, co cal non era todo perdido.

Podían empregalas para crear pequenos personaxes teatrais ou simplemente coleccionalas.

Este tipo de carauta ou máscaras podíanse facer con diversos materiais, case sempre todos eles moito máis doado de traballar e moldear. Adoitaban aproveitar as castañas, coas que despois facían colgantes; as cabazas tétricas polo Samaín, mazás, laranxas, peras, etc, en xeral froitas moito máis brandiñas. En Catalunya, empregaban a miúdo as landras cortadas pola metade e facíanlles a figura da cara cun lapis e, para que se aguantase en pé, cortábana unha migiña pola base e chamábanlle caps d´aglà d´alzina. En Francia, por exemplo, eran moi típicos os lampions grotesques en légumes (pomm de terre, carotte, navet, betterave, concombre, pomme, poire, coing,…) e mesmo o radis-hochet, un moneco de nabo rosado.

ASÍ SE FAI

material-carouta-de-nozMATERIAL:Unha noz, navalla e un arame con mango ou un tarabelo.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Sobre unha hora, aproximadamente. 

ESTACIÓN:Outono ou inverno, aínda que, de termos noces, pode realizarse ne calquera época.

carouta-de-noz-paso-1
carouta-de-noz-paso-2
carouta-de-noz-paso-3
carouta-de-noz-paso-4

Temos que procurar unha noz ben feitiña e de bo tamaño, para que a presenza da futura carauta sexa aparente e impresione. Comezamos por realizarlle a forma do nariz, facendo dúas fendas a ambos lados da unión das dúas caras da noz e á altura do medio dela. Para iso, coa punta da navalla, e con moita paciencia, imos facendo uns pequeniños buratos, xirando a navalla a xeito de trade. Logo cortámolos e unímolos ata quedar feita unha pequena fenda. Xusto por debaixo do nariz, dun xeito proporcionado,a uns 3 ou 4 mm, realizamos tres ou catro buratiños, seguindo o mesmo proceso. Ficaranos así unha boca con certas redondeces que nos lembrarán unha dentadura tétrica. A continuación, botamos man, outra vez, da navalla e, a ambos lados da parte superior do nariz, facemos dous buratos, separados uns 4 mm do tabique nasal, estes serían os ollos. Aquí podía voar a imaxinación todo o que se quixera, aparecendo carautas tristes, alegres, desdentadas, birollas, … Finalmente, collemos o arame con mango e procedemos ao baleirado da devandita noz. Este é un proceso laborioso porque os buratiños son moi pequenos e cómpre escaravellar moito para que a parte carnosa quede ben desfeita. Se as noces están ben secas é máis doado o seu baleirado. Cómpre engadir que é moi aconsellable empregar noces do país, pois as afamadas de California son moito máis quebradizas.

carouta-de-noz

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 20 de Outubro do 2015 | 11:05 a.m.

Outros temas de Picaraxadas