publicidade hoxe

Cachorrillo

paraugasA rapazada, non exenta de imaxinación, quería darlle un anaco de realismo ao mundo dos bandoleiros, ladróns e asaltadores de camiños. Deste xeito comezarían a realizar este invento cun canón da vara do paraugas porque brillaba e ademais co misto e unha miguiña de pólvora armaban un verdadeiro estrondo cheo de verismo, aínda que non exento de certo perigo ao estoupar e saír o fogonazo polo cano da pistola. Non sería a primeira vez que queimasen os fociños en plena acción. Este tipo de disparadores aparecen noutros lugares, aínda que o tubo non era de vara de paraugas. Así, nas Illes Balears xorden o que denominan bombes, e había a bomba de carbonat i vinagre e explosió amb tub d´aspirina, a primeira estoupaba botando liquido pola cana ao contactar o vinagre e o carbonato e, a segunda, quentábase o tubo de vidro cun misto e saltaba o tapón.

ASÍ SE FAI

cachorrillo-paso-1MATERIAL: un pau curvado con forma de pistola duns 3 cm de grosor, un pau duns 4 cm de longo, unha pinza de lavandeira, de madeira; un tubo dun paraugas de 20 cm, catro puntas dunha polgada e uns 30 cm de arame delgado, unha navalla, unha serra do ferro e un alicate.

 

TEMPO: unha hora.

ESTACIÓN: verán, principalmente, porque é cando os máis pequenos teñen máis tempo para argallar e xogar aos ladróns e policías e luz do día para enredar por fóra.

cachorrillo-paso-2
cachorrillo-paso-3
cachorrillo-paso-4

Comezamos pola preparación do tubo metálico do paraugas. Cortámolo polas dúas cabezas e facémoslle dous buratiños, cunha punta. O primeiro deles debe traspasar ao o outro lado e estar situado a 1 cm do extremo e, o segundo, realizarémolo a 1,5 cm do anterior, mais non nos debe pasar ao outro lado. A seguir imos realizar o resto das pezas. Primeiro facemos o taco que, posteriormente, servirá de peche para o canón. Este será do mesmo grosor có tubo, daquela temos que facerlle un rebaixe de 1,5 cm de longo e o mesmo espesor cás paredes do tubo, para que nos encaixe axustado. Podemos aproveitar para sacarlle tamén unha miguiña ao resto do taco, deixándoo aplanado por un lado, coa finalidade de que axuste ben a pinza. Seguidamente, cortámoslle á pinza a parte dianteira e a traseira dunha das súas metades. Finalmente, procedemos á realización da culata, comezando polo arredondamento das cachas e do soporte do canón. Despois realizamos o rebaixe da parte superior, para que nos encaixe o tubo e o taco. Agora cómpre realizar a montaxe.

Introducimos o taco no tubo, coa cara plana na mesma posición que estean os dous buratiños do canón. Cravamos unha punta no burato máis próximo ao taco, para que o traspase e fixe á culata. Facémoslle un rebaixe á culata a 1,5 cm da punta, do mesmo espesor có arame e de 1 cm de ancho, coa finalidade de suxeitar perfectamente o canón á   devandita culata. A continuación desmontamos a pinza e colocamos a parte anteriormente cortada no rebaixe do taco e mais na culata, procurando esta quede á mesma altura có canón. Finalmente cravamos con dúas puntas a pinza ao taco. Montamos a outra metade da pinza para comprobarmos en que lugar exacto debemos colocar a punta que servirá de percutor. Este ten que coincidir co segundo burato. Cortamos a punta a 0,5 cm da cabeza e cravámola. Rematada a montaxe, xa podemos pasar á acción. Apañamos un misto, colocámolo no segundo burato e percutimos, deixando petar a pinza contra o misto. Existe outro modelo de cachorrillo con outro sistema de percusión máis primitivo que consistía en empregar a seda da crina dos cabalos para facer o sistema de percusión.

cachorrillo

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 9 de Decembro do 2014 | 11:15 a.m.

Outros temas de Picaraxadas