publicidade hoxe

Pelota de trapo

pelota-de-trapo-materialMATERIAL: Un feixe de trapos, unha media gorda, fío de cánabo, unhas tesoiras ou unha navalla.

TEMPO: 15 minutos.

ESTACIÓN: Verán.

Como quedaban aqueles pés despois de xogaren descalzos a maioría das veces, porque o calzado era escaso e un ben demasiado prezado como para rompelo no xogo. Procurábase un campelo, un terreo baldío ou un prado seco despois de ser segada a herba para desenvolver esta actividade lúdica. Comezábase pola escolla dos dous equipos, empregando o método de medir os pasos camiñando os dous mellores xogadores, un cara ao outro, ata que o que montaba primeiro era quen comezaba a escoller. Realizado isto, non sen dificultades por mor da compensación da calidade dos compoñentes, botábanse a xogar ata caeren de cu de cansazo, normalmente nas tardes dos domingos da época estival.

É un enredo moi común por todo o mundo, aínda que, evidentemente, non sempre se empregou única e exclusivamente para xogar ao que nós entendemos como fútbol. Xa ben antes de existir este xogo, convertido en deporte, esta pelota de trapo, en diferentes medidas, era utilizada para outros xogos, dependendo un pouco dos costumes que existisen en cada lugar. Tense constatado que xa na época dos antigos gregos e romanos e durante toda a Idade Media se empregaba esta pelota para o xogo e, cando non, utilizaban a vexiga do porco, aínda que esta última era pola época da matanza. Nas Illas Baleares tiñan variedade, podía ser unha pilota de roba cosida, é dicir, unha pelota cosida con anacos de vestido e chea de trapos, serraduras ou area; ou unha pilota de calça ou calcetí, que era igual cá nosa, chea de trapos. En Portugal, chamábanlle bóla de trapo e, cando non había os trapos, enchíana de papeis. Tamén tiñan as pelas ou pelotas de trapos, aínda que eran de inferior tamaño e adoitaban decoralas con fíos de cores de la ou algodón. No Brasil, denominábana bola de meia, aínda que tamén utilizaban outras como a bola de cabelo e plha de milho, talo de bananeira, bexiga de boi, …, o importante era xogar.

ASÍ SE FAI
pelota-de-trapo-paso-1 pelota-de-trapo-paso-2 pelota-de-trapo-paso-3

Buscamos todo tipo de trapos de roupa vella e desfeita, mesmo xerseis de la. Tratamos de atopar tamén unha media vella, aínda que teña buratos vale igual, para nos sirva de funda envolvente. Co fío de cánabo dámoslle un nó ben apertado á media, á altura do que é o nocello. A continuación dámoslle a volta sobre o pé á parte da media que cobre o papo da perna, quedándonos a forma dunha bolsa na que xa queda dentro todo o que é a parte do pé da media. Deseguido, imos metendo dentro desa bolsa todos os trapos que poidamos ata ir conformando unha bóla, o máis redondeada posible, ata que nos alcance uns 20 cm de diámetro. Cando observemos que xa son abondos e que a bóla está ben a bóla está ben apertada e maciza, aproveitamos para volver a anoar moi apertada a media, coa finalidade de que fique ben redondiña. Volvemos darlle a volta á media sobrante e finalmente, volvemos a anoar para que nos quede ben firme e segura. Xa para rematarmos, cortamos o sobrante. Agora só cómpre buscar os membros suficientes para botar un partidiño e, por suposto, o lugar de celebración do evento. Téñense constatado outras formas de facer esta pelota. Así, en vez de enchela con trapos, por non os haber, metíanlle á media unhas boas presadas de herba seca ben prensada. Por outra parte, tamén podía variar a parte da media a empregar para a facer, pois había que só utilizaba a parte da perna, por ser máis ancha, en vez da do pé.

pelota-de-trapo

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 12 de Agosto do 2014 | 1:02 p.m.

Outros temas de Picaraxadas