publicidade hoxe

Chalanas de lata

chalanas-de-lata-materialMATERIAL:Catro latas de conserva ovaladas, 1 metro de cordón de 2 ou 3 mm de espesor, unha punta, un martelo de presas e unha navalla.

TEMPO:20 minutos.

ESTACIÓN:Inverno ou outra.

Nos portos de mar adoitábase amarrar os barcos coa maroma ao norai, aquela peza de ferro macizo, semellante a un asento, que se colocaba na beira do peirao. De feito, cando as embarcacións marchaban faenar, eran empregados polos pescadores para agardaren, pacientemente sentados, a que un peixe enganchara o engado e o anzol. Noutras ocasións, os barcos fondeaban ancorados no centro dos peiraos, bastante afastados das beiras. Cando isto acontecía, podíase observar acotío como os mariñeiros trasegaban combustible, comida ou aparellos ata eles nunhas embarcacións pequerrechas, de fondo plano e propulsadas a remo. Isto mesmo tamén se acostumaba a realizar nas rías, onde as ondas son case imperceptibles e os desprazamentos curtos. A estas lanchiñas denominábanas chalanas. Esta tarefa cotiá estimulou a imaxinación dos nenos para seren, por un momento, mariñeiros igual ca os que eles ollaban no seu tempo de lecer. Daquela, aquelas latiñas de conserva de mexillóns, agullas, xoubiñas ou berberechos, que atopaban abandonadas ou que usurpaban nos galiñeiros cando facían a función de bebedeiros para pitos ou galiñas, foron, cunha grande dose de imaxinación, reconvertidas en auténticas embarcacións. Ficaban así satisfeitos os seus devezos  de se transformaren en verdadeiros mariñeiros, de baixura, claro está.

Esta argallada tamén se ten visto en Portugal, onde o chamaban comboio, e á  hora de xogar con el, cargábano de pedras, terra ou area e simulaban o ruído dunha locomotora. Algúns tamén lles poñían rodas de cortiza enganchadas con arame.

ASÍ SE FAI
chalanas-de-lata-1chalanas-de-lata-2chalanas-de-lata-3

Collemos tres desas latas de conserva e facémoslles un burato en cada un dos extremos, xusto por debaixo do aro que as bordea. A lata que nos queda só lle facemos ese furado nun dos extremos. Para facérllelo debemos apoiar o extremo derriba dun pau de madeira, colocar a punta no sitio axeitado e petarlle co martelo ata facer un buratiño polo que caiba o cordón. Facémoslle un nó nunha das puntas ao cordón e enfiámolo polo burato da lata que ten só un, introducíndoo de dentro para fóra. Logo imos, de fóra a dentro, enfiándoo nunha das outras. Facémoslle un nó a uns 4 cm do nó anterior e cortamos. A continuación realizamos a mesma operación co resto ata que nos quede un único burato libre na última. Volvemos a facerlle un nó na punta ao cordón que nos queda e un lazo na punta, para agarrar e tirar por ela, co fin de que as embarcacións naveguen. De non termos un lugar apropiado para a singradura ou de querermos ser maquinistas, podemos empregar o conxunto como unha locomotora cos seus vagóns.

chalanas-de-lata

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 11 de Marzo do 2014 | 11:14 a.m.

Outros temas de Picaraxadas