publicidade hoxe

Coroa de recandeo

castineiro-con-recandeoEra unha vez… un rei que tiña tres fillas, as princesas, e chegou por alí un príncipe dun reino veciño e … Deste xeito comezaban múltiples e variados contos tradicionais, nos que personaxes reais protagonizaban diferentes fazañas nos seus castelos, vivindo rodeados de luxo, cando a inmensa maioría da poboación era labrega e pobre. Isto non quere dicir que os nenos e nenas non tiveran devezos de chegar a ser ou, cando menos, soñar con ser príncipes, princesas, reis ou raíñas coma aqueles dos contos que lles chegaban aos ouvidos e tanto os entusiasmaban. Vestidos longos e coloridos, pendentes, aneis, colares, espadas no cinto e, por suposto, coroas que concedían distinción e outorgaban mando e privilexios. Todo isto foi trasladado ao xogo e divertimento infantil.

Este tipo de coroas son moi coñecidas en toda Europa e o mundo en xeral. O que acontece é que se empregaban outro tipo de flores ou plantas para facelas. Así, por exemplo, en Portugal eran bastante comúns as coroas ou grinaldas de pervinca, que tiñan unha flor azul e medraban entre marzo e maio; tamén as coroas de hera, de hedra, que substituía a miúdo as coroas de loureiro que se poñían a aqueles que vencían en torneos. En Cataluña, adoitaban facer as corones de caps blancs (Alyssum maritimum) ou lobularia marítima. En Francia tamén facían as súas couronnes de fleurs tressées con diferentes flores, sobre todo marguerites. Existía na Provenza unha tradición pagá na honra da flora, la Bello-de-Mai, que consistía en vestir de branco unha rapaza, coroada de flores, nun día de maio. Era algo semellante aos nosos Maios.

ASÍ SE FAI

recandeoMATERIAL: Unha boa presada de recandeos ou florón do castiñeiro, mellor é que sobren.

TEMPO: Unha hora, pouco máis ou menos.

ESTACIÓN: Entre finais da primavera e comezos do verán.

coroa-de-recandeo-paso-1
coroa-de-recandeo-paso-2
coroa-de-recandeo-paso-3
coroa-de-recandeo-paso-4

Antes de comezar a facer este enredo debemos recoller unha boa cantidade deste material. Hai varios tipos de castiñeiro e, de aí, tamén os diferentes recandeos segundo a largura, pois uns son máis curtos cós outros. Nin que dicir ten, que é mellor recoller aqueles que sexan máis longos, posto que se acaba máis rápido a construción da argallada e trénzase moito mellor. Pois ben, collemos tres recandeos e comezamos a trenzalos coma se fixésemos unha coleta co cabelo dunha nena, pola parte máis grosa, é dicir, aquela que está agarrada á árbore. Unha vez realizados os tres primeiros trenzados, inserimos perpendicularmente un recandeo, tamén pola parte máis grosa, ao tempo que seguimos trenzando. Cando levemos outras tres voltas máis, introducimos outro, da mesma maneira. Pasadas outras tres, inserimos outro máis. Seguimos avanzando outras tres e espetamos a punta do primeiro que colocaramos. Deseguido, avanzamos, coma sempre, outras tres e metemos outro recandeo. Continuamos con outras tres e introducimos a cabeza do terceiro que meteramos. Continuamos con este proceso ata ter unha trenza, o suficientemente longa, como para rodearnos a cabeza. Cando estean a punto de rematarse os primeiros tres recandeos do trenzado, engadimos un máis a un deles, damos un par de trenzados, unimos outro e, co terceiro, realizamos o mesmo e así ata o final da trenza, segundo o vaia pedindo. Agora, chegados ao remate, debemos coller o segundo recandeo que tiñamos colocado e que ficara dereito e enganchalo no último punto do trenzado. Damos unha volta máis e unimos co principio da trenza. Xa estaría feita a coroa, pero observamos que o conxunto non se mantén en pé. Para que isto aconteza, temos que ir trenzando outros recandeos alternativamente entre os diferentes enganches dos recandeos curvados, igual que se fixeramos un cesto de vimbio. Xa podemos campar coa nosa coroa na cabeza e inventarmo un xogo relacionado con ela.

coroa-de-recandeo

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 19 de Xuño do 2017 | 9:38 a.m.

Outros temas de Picaraxadas