publicidade hoxe

Zoadeira de botón

É este un enredo que se pode construír en calquera época do ano, mais adoitábase realizar cando o tempo de friaxe chegaba, as nosas avoas, nais ou costureiras dedicaban máis tempo á costura e ao arranxo da roupa escangallada durante o verán e o outono, por mor dos traballos máis dificultosos. Daquela os máis pequenos estaban atentos aos caixóns das máquinas de coser ou aos cestos da costura, nos que ficaban botóns abandonados ou agardando a seren postos noutra prenda. Eran moitas as veces que acontecía que, cando se requiría a presenza do devandito botón, para facer a súa natural función, pois xa voara como por arte de maxia.

En Galicia tamén é coñecido con outros nomes, por exemplo, rumbón de botón,ioió de asubiar, botón zoador, botón zumbador, rinrán de botón, funga-gatos, fungona, funga, bramadeira…

Por España é coñecido como zumbador de botón ou bramadera. En Catalunya, denominábano brunzidor de botó. Nas Illes Balears chamábanlle brunyidor de botó e era considerado como un elemento de comunicación cos espíritos para provocar o crecemento dos vexetais, pois o seu zunido espertaba os devanditos vexetais.En Asturies, bufa el gatu. En Euzkadi, furruna, ferrela, zumbadera,que facían moitas veces cunha caixa do betume, machacada, e con dous buratos no centro. En Italia denominábano il frullino a bottone, roundela ou rotella vibrante,aínda que hai quen lle chama o xogo de tira e molla. En Sicilia, lapuni. En Francia era coñecido como le bouton siffleur ou coupeur d´air e tamén moulinette.En Portugal ten moitos nomes,aínda que varía en función das formas e dos materiais empregados, segundo nos indica Joao Amado: fungadeira, funga-gatos, bufagatos,zangao,zorra, azona, azungona, balhadeira, chira, zingarrilha. En Inglaterra e EE.UU. coñécena como buzzsaw, pola súa forma de serra dentada que fai un zunido ao axitala, probablemente o material utilizado fose unha rodiña de madeira, dentada. Corrupio en Brasil. En definitiva, é unha argallada universal, xa coñecida na Grecia Antiga como rhombus, aínda que hoxe denomínano Τοκουμπι, o botón.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Un botón canto máis grande, mellor. Eran moi axeitados os das gabardinas ou abrigos. Ademais cumpría un fío forte, podía ser de cánabo, de coser ou mesmo de la.

TEMPO: Uns 10 minutos, dependendo se temos o material á man.

ESTACIÓN: Calquera época do ano é boa, aínda que se facía máis no inverno porque o tempo non deixaba xogar por fóra.

zoadeira-paso-1

Cumpría achar un botón, canto máis grande mellor, de aí que era aconsellable os dos abrigos, gabáns, gabardinas, zamarras, … Deseguido, procurabamos un fío resistente de 1 m de longo, aproximadamente, podía ser o de atar os chourizos. Introducíase o devandito fío, primeiro por un dos dous buratiños do botón e,logo, polo outro. Unha vez feito isto, uníanse os dous extremos ben anoados. De seren botóns de catro furados, debía de ser introducidos nos opostos, por razóns de equilibrio. Situábase o botón no centro do fío, agarramos por cada un dos extremos, xirando nun sentido. Tensamos e destensamos o cordel e.este, ao tensar e destensar, enrólase sobre si mesmo. Daquela, o botón dará voltas nas dúas direccións, producindo un zunido importante. Xaora, se empregamos o botón de catro buratos, o ruído é bastante maior.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 16 de Decembro do 2014 | 11:04 a.m.

Outros temas de Picaraxadas