Fonda de xonza
O devezo por enrestrar vén de moi vello. Segundo ían xurdindo necesidades cotiás para a realización de moitos traballos e labores agrícolas, así ían aparecendo diferentes técnicas de enrestrado. Facíanse restras con allos, cebolas, mazarocas de millo, nestes casos sempre coa propia folla da planta. Era, evidentemente, un traballo estacional, pois adoitaba ser realizado cando viña a colleita, mais case sempre se aproveitaba un día de mal tempo ou de moita calor que impedía emprender outra tarefa fóra da casa. Ninguén apuraba a quen as facía, pero sabían que estaban destinados a eles e a elas, aqueles que se daban xeito ou tiñan a maña ou arte de enrestrar entretecendo unhas follas coas outras, ao tempo que as mazarocas, allos ou cebolas ficaban prontas para seren colgadas sen estaren en contacto co chan. Mais tamén se podía trenzar palla para atar os monllos de trigo, cebada, centeo, avea ou millo despois de segados. Pero houbo un aproveitamento lúdico desta sabedoría coa finalidade de confeccionar fondas para arrebolar pedriñas ou croios ao máis fiel estilo da Antigüidade de Grecia ou Roma, pois esta argallada é tan antiga coma os comezos da caza e da pesca. Os nosos antepasados romanos xa empregaban a funda, para tirar pedras. Hai constancia en Virxilio de que lle chamaban funda a unha rede para pescar e ValeriusMartialis, poeta da zona de Aragón do S.I d.C., denominaba así a unha rede pequena para cazar paxaros.O material que empregaban para a súa confección eran cabelos, nervios de animal, esparto, segundo nolo explica Estrabón nos seus escritos. Tamén parece ser que a empregaban os pegureiros para recoller os seus rabaños, segundo o explica Ramis no ano 1787.
Aínda que na maioría dos lugares se utilizaba para a súa fabricación corda e coiro, esparto ou unha simple corda, aquí na nosa terra tamén se fixo esta de xonza ou xunco, imitando esas máis fortes e duradeiras.
Coñécense co nome de funda, funga, atiradeira, en Portugal, funda, baladeira, estilingue, en Brasil, fronde en Francia, fiondaen Italia, fona en Cataluña e Illas Baleares, hondaen España ou ufreilla, abilla, aballie, aballa, habailae ebillia, en Euzkadi.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha presada de xonzas e unha navalla, coitelo ou similar. ESTACIÓN: Verán. TEMPO DE FABRICACIÓN: Unha hora, máis ou menos. |
Despois de ir procurar unha presada de xonzas a un prado onde as houber, comezamos pola preparación de cada unha delas. Quitámoslles primeiro as tres follas que teñen na punta e máis a flor. A seguir, fendémolas en tres tiras, que serán as que nos servirán para tecer a futura fonda.
Unha vez preparado o suficiente material, iniciamos o proceso de trenzado. Collemos nove tiras de xonza e unímolas mediante un nó frouxo, trenzámolas, do mesmo xeito que fariamos coa coleta dunha nena, uns 15 centímetros. Desfacemos o primeiro nó e xuntámolo co final da trenza para formar unha ansela. A cada tira que se nos vaia rematando incorporámoslle outra. Unha vez chegados a 35 centímetros amecemos tiras ata ter dezaoito, repartidas en tres agrupamentos de seis, ata chegar a un longo de trenza duns 60 cm, aproximadamente.
Chegado a este punto, hai que dividir cada un dos grupos noutros dous. Seguimos trenzando estes grupos ata ter un longo de 12 cm. Trenzamos os tres grupos restantes ata a mesma altura ca os anteriores e volvemos xuntalos e seguimos trenzando. Vai acontecer que algúns se vaian rematando, daquela temos que ver se nos cómpre a incorporación doutros, ou non, dependendo das necesidades do trenzado, para que nos quede parello á parte inicial anterior. Só nos queda eliminar as puntas sobrantes coa navalla.
Para empregala metemos a man na ansela e colocámoslle unha pedra entre a abertura dos trenzados centrais da fonda, agarramos a outra punta coa mesma man e dámoslle voltas no aire á fonda; cando queiramos lanzar abrimos a man e, debido á forza centrífuga, a pedra sae disparada con moita forza.
Recomendación:por mor de que a munición é a base de pedras, debemos ter moita prudencia á hora de empregala.