Frauta de sabugueiro con palleta de cana
“Esta gaitiña que eu toco, |
Non cabe dúbida que os nosos tradicionais virtuosos da gaita, se cadra, expresaban mellor os seus sentimentos a través do son dunha gaita que verbalizándoos diante doutra persoa. Os seus estados de ánimo escoitábanse ao eles sopraren polo cano deste instrumento tan de noso. Pero non todos tiñan acceso a teren unha gaita de “verdade”, co que había que botar man das navallas e da natureza para poder suplir esta carencia musical. Podía ser que non soase como é debido, pero o feito de pasar o tempo intentando facela, xa era enredo abondo.
En Galicia tamén se denominaba frauta de bieiteiro ou sabugueiro. Con este mesmo sistema de realización tiñamos tamén, feita en cana, a frauta de canaveira, frauta de pallón ou punteiro de cana, tal como informa Antón Cortizas no seu Tastarabás. En Portugal, coñecidos son a flauta, gaita ou pífaro e pífana. En Eivissa, confeccionaban esta frauta en cana e denominábana xeremia. Noutras destas Illas Balears, falaban de flabiol, flauta de canya, … En Euzkadi, txibilitua, en xeral para estes instrumentos. En Francia recibían o nome xeral de chalumeau (unha frauta rústica), pero podían tamén chamarse musette, pipette, trompette, sonette, bouèze, tcharamel ou coromelo. Á que era igual á nosa, pero só de cana, moitas veces engadíanlle na punta un anaco de cabaza seca para que resoase máis. En Brasil denominaban a este tipo de instrumentos, gaitae podía ser feita de talo de mamoeiro, carrapateira ou taquari.En Sicilia falaban de clarinetto di canna, zammaruni ou cannizzola.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Un tubo de sabugueiro duns 30 cm de longo e uns 2 cm de espesor, recto e sen nós; un tubo de cana duns 8 cm de longo e 1 cm de grosor; unha navalla, un arame aceirado duns 3 mm, un papel de lixa e un ferro para quentar ou un pirogravador. ESTACIÓN: Calquera época do ano é boa. TEMPO DE FABRICACIÓN: Unha hora, pouco máis ou menos. |
Comezamos pola procura do pau recto e sen nós de sabugueiro. Se fósemos algo previsores, xa o debiamos ter buscado con anterioridade para que, á hora de ir manipulalo, estivese o suficientemente seco, para que non diminuíse de tamaño unha vez feito. Podemos aproveitar para sacarlle a pel, así en verde, que é moito máis doado. Para realizar este labor, empregamos a navalla e imos pelándoa con xeito de non levarmos madeira de por medio. De todos os xeitos, se quedase algunha imperfección sempre se lle pode pasar unha lixa cando estea xa seco.
Despois de realizada esta tarefa, podemos sacarlle o miolo interior co arame aceirado, puxando forte e devagariño, ata que vaia saído todo para fóra. Podemos agora pórnos coa cana, para confeccionar a palleta. Daquela, collemos o tubo de cana e a navalla para ir aquelando pouco a pouco o nó e a embocadura. Poñémonos agora a realizar a palleta. Para iso, en primeiro lugar, a uns 3 cm do extremo sen nó, quitamos unha lasca da cana ata o nó. Xusto pola parte interior do nó facemos un corte transversal, a modo de bisel.
A continuación, colocamos o dedo polgar ao lado do devandito corte e, ao xirar a navalla, levantamos a cana rebaixada e fica feita a palleta. Acto seguido, temos que probar se funciona, introducídoa toda na boca sen tocar a palleta. De non funcionar, podemos probar a rebaixar a súa gordura ou levantala un pouquiño máis.
Neste momento, procedemos a realizar os buratos no tubo de sabugueiro. Comezamos polo marcado deles, iniciando o proceso dende o extremo oposto ao da colocación da palleta, a uns 4 cm e logo cunha separación entre eles de 1´5 cm. O normal é realizar sete buratos, tantos como notas, pero non podemos esquecer que é unha argallada e, polo tanto, a perfección non existe. Unha vez marcados, co ferro quente ou co pirogravador realizamos os furados, tendo coidado de non queimarse e de que os buratos sexan iguais.
Procedemos logo á montaxe da palleta no tubo de sabugueiro. Se cadra, temos que rebaixarlle un pouco á cana para que entre ben xusta no tubo e non haxa perdas de aire. Só fica intentar tocala, dependendo unha miguiña da maña de cadaquén.