publicidade hoxe

Boneca de carozo e coca de carballo

carozo-de-milloA tradición de facer monecas e monecos como divertimento infantil xa vén dende moi lonxe. Podería haber diferenzas entre as monecas que facían os pobres e os ricos, sobre todo no material en que eran realizadas, pero a función era a mesma: o divertimento. Este costume era propio de case todas as culturas e dende moi antigo. Xa se coñecen representacións deste tipo en Persia, Exipto, Grecia ou Roma, por dicir algo. O que simboliza ou significa este xoguete é ese mundo da infancia, cos seus vestidos, peiteados, adornos,…, aínda que na maioría dos casos o parecido coa realidade só existía na imaxinación de quen as facía. En fin, o caso era a diversión e o entretemento que xeraban cando se xogaba con elas ás familias ou casiñas, entre nenos e nenas.

Aquí, en Galiza, tomando como base o carozo de millo, pode haber moitas variantes:cos brazos de cana ou garabullo atravesados no carozo, sen cabeza e facendo dela o propio carozo, vestida coa mesma folla da mazaroca; só feita de catro carozos,… aínda que despois se vistan de variadas maneiras.

ASÍ SE FAI

boneca-carozo-e-coca-materialMATERIAL: : Un carozo de millo de tamaño grande, unha coca dun carballo, ben redondiña e grande; tres paus duns 15 cm e 1 cm de grosor, un pau duns 5 cm e 0,5 cm de grosor, dúas teas diferentes, fío de cánabo, unhas tesoiras e unha navalla.

 

TEMPO:Uns 40 minutos, aproximadamente.

ESTACIÓN: Outono.

boneca-carozo-e-coca-paso-1 boneca-carozo-e-coca-paso-2 boneca-carozo-e-coca-paso-3

Apañamos os tres paus e, a dous deles, facémoslles un rebaixe lateral nunha das cabezas, duns 6 cm, que serán as futuras pernas da boneca. Ao pau restante facémoslle outro rebaixe das mesmas características, xusto no centro, e de 3 cm de longo. Este serviranos de brazos. A seguir, ao pauciño pequerrecho afiámoslle as puntas para que, posteriormente, nos sirva de pescozo. Cortámoslle 2 cm ao carozo, na punta, e á coca tamén lle sacamos a parte dura pola que se une ao carballo. Feito isto, unimos a coca e o carozo con ese pauciño. Xa teriamos o corpo e a cabeza preparados.

boneca-carozo-e-coca-paso-4 boneca-carozo-e-coca-paso-5 boneca-carozo-e-coca-paso-6

Agora é o momento de engadir as pernas e os brazos. Para iso, enrolamos e atamos fortemente co fío de cánabo ambas extremidades inferiores, xuntándoas pola parte rebaixada contra o carozo. Para colocar os brazos, calculamos uns 3 cm de distancia dende a coca e anoamos fortemente o pauciño coa parte rebaixada no centro apoiada contra o carozo. Xa só nos cumpriría vestila. Comezamos por colocarlle a saia, amarrándoa forte, máis ou menos pola metade do carozo, dependendo se a quixermos deixar con minisaia ou saia longa. A seguir colocámoslle a touca ou blusa. Comezamos por poñer a tea pola parte de atrás da boneca, atamos ao van, e dobramos a tea por detrás da cabeza e por riba dos brazos, sempre procurando, iso si, que os pregues nos queden o máis fermosos posible.

boneca-carozo-e-coca

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 19 de Xaneiro do 2015 | 12:32 p.m.

Outros temas de Picaraxadas