Asubío de cabaciñas (Silene Latifolia)
Andaban âs turras e mais aos trebellos, os parvos sandíos, meniñas e nenos; uns con asubíos, outros con punteiros, outros con discantes outros con rabelos. |
A estes asubíos de diferentes tipos referíase o Pai Sarmiento. O seu son podía ser para chamar a atención, como reclamo dalgún paxaro ou ben como xeito de facer música. Tamén quen asubiaba ben, for co que for, era un xeito de manifestar as súas habilidades distintas das dos demais e, polo tanto, un aquel de fachenda.
Este asubío tamén recibe outros nomes ao longo da xeografía galega. Denomínase daquela: subiote de cucas (chámaselle “cucas” ás plantas), subrilote, subiote, asubiote, ventureira ou asubiote das silveiras. No Estado Español é coñecida co nome de jabonera blanca, colleja blanca, albahaca montesina ou borbonesa.
ASÍ SE FAI
MATERIAL:Unhas cantas cuncas da gra das cabaciñas, ou sexa, os seus froitos. ESTACIÓN:Verán. TEMPO DE FABRICACIÓN: O tempo de recollelas e soprarlles. |
Primeiro temos que procurar a devandita planta. Para identificala, vemos que pode ter flor branca ou violácea, mais o mellor é fixarse no froito abombado coma un pote barrigudo duns 2 cm de longo e un cm de diámetro. Observaremos que ao collelos teñen unhas gras dentro que, ao movelos, semellan un axóuxere. Para elaborar o asubío, debemos proceder ao baleirado desta gra e sacarlle os picos que ten ao redor da parte aberta. Collemos a cabaciña con dous dedos e colocámola no labio inferior e sopramos cara abaixo. Imos mirando de darlle voltas ata que asubíe mellor ou máis forte. Ao esmagarse esta por mor da súa manipulación, collemos outra e repetimos o proceso inicialmente realizado.