publicidade hoxe

Axóuxere de vimbio

vimbioSe cadra, sexa este un dos enredos máis empregados para entreter aos máis miúdos. Non podemos esquecer que a súa primordial función é a de procurar que os pequeniños estean engaiolados co son, ritmo ou ruído que produce ao axitalo, ben sexa o propio neno ou nena ou alguén que o manipule con ese mesmo afán, o do entretemento. Hoxe en día empréganse múltiples materiais para realizalos, pero os máis tradicionais son estes de vimbio ou mesmo xunco. Tamén se teñen empregado en forma de boliñas de metal e eran colgadas ao colo dos cans e gatos para saber onde andaban e se estaban en movemento. Nalgunhas culturas utilízanos para engalanar os desfiles dalgúns animais, como os cabalos.

Parece ser que a súa orixe etimolóxica procede do árabe al-yawhar, de aí que se crea que este enredo xa existira no Antigo Exipto, hai milleiros de anos. Segunto Aristóteles, o seu inventor foi Arquitas de Tarento, aló polo século V a. C.

En Galicia tamén se coñece con outros nomes como axóuxer, axouxe, axóuxara, ruxe-ruxe, ruxideira, ruxideiro, sonalla ou marea demos. Tamén se podía empregar o xunco para facelo, aínda que as pedriñas debían de ser máis liviás por mor da sinxeleza do xunco. En España é coñecido como sonajero. En Portugal denominábanos como guizo, roca ou chocalhinho e chocalho. En Catalunya é coñecido por sonall de vimet natural, el sonador ou zing-zing. En Euzkadi, arranbera. En Francia, le hochet en osier (vimbio) ou en jonc (xunco) e mesmo en saule (salgueiro). Nalgúns sitios, como Sablé en Sarthe (Francia), ofrecían estes enredos aos nenos antes do nacemento e as pedriñas tiñan o poder de protexelos dos sete pecados capitais. De todos os xeitos, ao longo da xeografía mundial, o axóuxere é moi coñecido, aínda que varía en función dos materiais. Así, segundo Christine Armengaud no seu libro Jouets de plantes. Histoires et sécrets de fabrications, poden existir desde os máis sinxelos que fan os nenos dogóns de Mali co froito do baobab, axitando as súas sementes; outros coa vaíña dunha cabaza boneteira que na Provenza colgábase para espantar animais das leiras; a cabaza seca con escaravellos e outros bichos que empregaban os indios Toba Pilaga no norte da Arxentina, antes de chegaren os misioneiros, claro está. En fin, e moitos máis.

ASÍ SE FAI

material-axouxere-de-vimbioMATERIAL: Sete vimbios delgadiños, aínda que podemos coller máis por se temos algunha rotura; unhas pedriñas pequenas e unha navalla.

ESTACIÓN: Preferentemente, inverno.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Uns 45 minutos, dependendo da habilidade de cadaquén.

Debemos apañar sete vimbios do mesmo tamaño, canto máis longos sexan, máis grande será o futuro axóuxere. Igualámolos todos polo cu. Un deles dobrámolo uns 10 cm en sentido oposto aos outros e comezamos a envolvelo ao redor dos restantes, deixando 1 cm por abaixo sen envolver e un pouquiño saído este vimbio. Seguimos dándolle voltas ata chegar á dobrez deste vimbio.

axouxere-de-vimbio-paso-1 axouxere-de-vimbio-paso-2 axouxere-de-vimbio-paso-3 axouxere-de-vimbio-paso-4 axouxere-de-vimbio-paso-5 axouxere-de-vimbio-paso-6

Metemos a punta polo medio desa dobrez e tiramos cara abaixo por ese vimbio, para que, con este nó de can, quede ben preso e nos sirva para que o mango fique ben firme e teso. Podemos cortar, coa navalla, ese cm sobrante. Xa estaría rematado o agarradoiro do axóuxere. Deseguido, dobramos en forma de estrela os 6 xuncos restantes e comezamos a tecer pasando un por riba de dous. A seguir dobramos o segundo por riba doutros dous, e así sucesivamente.

Para ir ensanchando o axóuxere, debemos pasar sempre o vimbio polo lado de fóra do nó anterior, como é evidente. Ao chegar á metade do vimbio, dobramos por dentro do nó anterior, para ir pechando. Un consello práctico é que se ao tempo de dobrar, imos xirando polo mango o axóuxere, acabaremos moito máis rápido. Ao rematarmos, pechando de todo, atamos os vimbios opostos dous a dous, comezando polo último que anoamos. Finalmente, cortamos as puntas sobrantes. Debemos de lembrar que antes de anoar os vimbios, temos que introducir as pedriñas, pois despois xa é imposible. Con este mesmo sistema, poderiamos construír unha grileira de vimbio.

axouxere-de-vimbio-paso-7 axouxere-de-vimbio-paso-8 axouxere-de-vimbio-paso-9 axouxere-de-vimbio-paso-10 axouxere-de-vimbio-paso-11 axouxere-de-vimbio

Se queremos converter este axóuxere nunha gaiola, en vez de pedras, metemos uns grilos. Claro, debemos introducir os grilos antes de pechar e anoar os vimbios. Na tradición francesa metíanlles sete pedras e agasallábanos antes do nacemento dos rapaces, porque tiñan a crenza de que con estas sete pedras, protexíanos dos sete pecados capitais. ¡Metede as que vos pareza! 

axouxere-de-vimbio

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 19 de Xaneiro do 2016 | 12:50 p.m.

Outros temas de Picaraxadas