publicidade hoxe

Chifre de lata

Aínda que a maioría dos días, cando os nenos se organizaban para botar un partido ao fútbol, non cumprían da figura do árbitro porque todos querían xogar, o caso é que cando había algo moi importante en xogo, coma unha competición por puntos na escola ou un domingo unha parroquia contra outra, o xuíz si era necesario. Adoitábase botar man daquel rapazolo que non tiña moitas habilidades para o xogo co balón ou que tiña lentes e medo a que llos rompesen nun lance do partido. Como campaban aqueles chifres profesionais de cor negra, que co esforzo pulmonar de quen sopraba, metíase nos ouvidos case que para enxordar. Non sempre era doado adquirilos, unha por non haber cartos e outra por existir un lugar onde mercalos. Dada esta situación, aqueles que querían chifrar tiñan que darlle voltas ao maxín para simular un asubío semellante. Á forza de intentalo, acababan por conseguilo e moitas veces trabucaban aos propios árbitros nenos, cando ousaban a desempeñar este labor tan pouco agradable. Noutras ocasións, realizaban este enredo para empregalo como reclamo para atraer un determinado paxariño cara a un panterlo feito de vimbios e arames, agochado no medio duns arbustos.

Chifre de lataEste mesmo xoguete aparece noutros lugares da Península, onde é coñecido polo nome de silbato de hojalata. En Cataluña e as Illas Baleares chámanlle xiulet de llauna, construído do mesmo xeito. En Euzkadi era coñecido co nome de txilibitua.

ASÍ SE FAI

Chifre de lataMATERIAL: Unha lata, mellor das do aceite, un garavanzo ou unha lorbaga seca e unhas tesoiras para cortar a lata.

TEMPO: 15 minutos.

ESTACIÓN: Calquera época do ano é boa.

 

Chifre de lataChifre de lataChifre de lataChifre de lata

Cortamos coas tesoiras dúas tiras dunha lata do aceite, que teñan uns 1´5 cm de ancho e unha delas 8 cm de longo e a outra uns 4 cm, tamén de longo.

A tira de 4 cm dobrámola sobre si mesma deixando un oco correspondente aos 1´5 cm de ancho que ten a tira. Quedaría, pois, coma un encaixe oco para pasar por dentro dela a outra tira e introducímola 1 cm nese oco, perpendicularmente á fenda da unión da dobrez da anterior tira.

Deseguido dobramos nesa unión e introducimos a outra punta desa tira polo burato xa feito na tira anterior, pero pasándoa por derriba da primeira dobrez de 1 cm e tirar por ela ata sacala toda para fóra, xusto ata que chegue á dobrez. Con esa tira, xa sacada para fóra de todo, dámoslle a forma redondeada ata facerlle a curva completa ao futuro chifre, pero deixándoa sen aproximar á dobrez, máis ou menos 0´5 cm para que divida o aire ao soprar.

Para facerlle funcionar, agarramos o chifre pola curva con dous ao tempo que lle introducimos o garavanzo, que non nos caerá porque temos as dúas xemas dos dedos suxeitándoo e taponando o oco, para que faga de caixa de resonancia. Só cómpre agora soprar o que poidamos para facerlle vibrar ao garavanzo contra as paredes metálicas.

Chifre de lata

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 31 de Xaneiro do 2014 | 1:35 p.m.

Outros temas de Picaraxadas