Dente de león
É unha planta argalleira e picareira. O seu nome de dente de león vénlle das follas que ten, que ao seren dentadas, a nivel popular, lembran os dentes do devandito felino. Tamén é moi común coñecelo por mexacán, porque o seu cheiro atrae aos cans para lle mexaren derriba. Tamén se dicía que se algún neno ou nena os tocaba, o máis probable é que esa noite mexase na cama, de aí tamén o nome de mexanacama. Outros nomes que recibe: almeirón, dentón, leituga dos porcos, meixacán, muxacán, amarguexo, amargois, paciporca, taraxaco, mexonas,… Nalgúns lugares, ás infrutescencias voadoras do mexacán, chamábanlles panadeiros, se cadra pola cor branca coma a neve semellante á da fariña. En castelán denomínase diente de león, amargón, bularico, almirón, taraxacón, cerraja, chipule bularico, achicoria amarga, meacamas, … En Portugal noméano dente-de-leão. A este último nome tamén fan referencia en Catalunya, pixallits, pixacà, apagallums. Neste lugar, sobretodo en Barcelona, os nenos, ao sopralos, din que son angelets que volen. Nas Illes Balears chamábanlles pixallits, agrella ou agretes e o xogo era bufar a les bruixes, pois, ao soprar, voaban coma pequenas bruxas. Tamén pensaban que, ao soprar desprendíanse dos seus pecados e mentiras. Outras veces pensaban que estas sementes voadoras eran anxos ou bos agoiros amorosos. No País Vasco a estas infrutescencias denominábanas abuelitos ou vilanos e as plantas eran coñecidas como gardoberas e mesmo, meacamas. Nalgúns sitios cantábanlles: “Abuelo, sube; / abuelo, baja”. Tamén “Abuelito, tus, tus,/ enciende la vela/ y apaga la luz”. Recollían estes vilanos, poñíanos na palma da man e sopraban. Segundo a dirección que colleran ou a quen se dirixiran, facíase unha distinción entre quen eran amigos ou quen non. As rapazas adoitaban discutir sobre quen lles gustaba máis dependendo do rumbo que seguisen. En Francia, pissenlit, pisseau-lit, pisse au lit. Ao soprar denominábana le vol des chandelles. Ata en inglés é coñecida, dandelion, blowball, faceclock.
Algunhas veces empregábase a flor do dente de león para pescudar o tempo que ía facer nas vindeiras datas. Se ao soprarmos na flor se desprenden todas as sementes, significaba que ía facer bo tempo; pola contra, se nos ficaba algunha semente prendida, a predición era de tempo chuvioso.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Tantas flores como queiramos soprar. TEMPO: O tempo que nos leve recoller as flores. ESTACIÓN: Primavera. |
O xogo consistía en arrincar as inflorescencias do dente de león, achegalas aos beizos e soprar. Moitas veces aproveitábase para apañalos con gran rapidez e soprar, por sorpresa, na cara de quen levas ao lado. Isto molesta unha miguiña e, mesmo, pode provocar espirros na persoa sorprendida e, risas na que soprou. Tamén se trataba de apañar polo aire as que alguén sopraba, coma hoxe en día acontece coas pompas do xabón.