Trompa de tubo de cabaza
A planta da cabaza nunca pasaba, nin pasa, desapercibida no medio das leiras dedicadas ao cultivo do millo porque as súas flores son dunha cor alaranxada ou amarela brillante moi rechamantes, vixiadas por unhas extremidades en forma de tubo, cheas de pelos pinchos. Van cubrindo toda a terra coma quen a protexe cun exército de improvisados paraugas en ringleira. Por veces tiñan a ousadía de atravesaren as leiras estremeiras dos veciños e, daquela non se sabía moi ben quen eran os que tiñan a propiedade desas cabazas criadas en terra allea. Non sería a primeira vez que estas ousadas emigrantes rastreiras provocan enfrontamentos pola súa propiedade. Os últimos beneficiarios, os porcos, devecían porque estes preitos se solucionasen canto antes, para taparen os buratos do seu bandullo famento. Noutras ocasións, nin cochos nin veciños conseguían o premio ofertado polas cabaceiras, pois as chuvias e a imposibilidade de meterse nas leiras para rescatalas do afogamento, provocaba a súa podremia prematura. Logo eran atopadas no seu agocho por un pé indiscreto que as tripaba ao ir na procura das mazarocas penduradas nos gallos do millo. Daquela, xa non había remedio, ninguén as podía salvar porque chegara o outono prematuro da súa vida e non quedaban azos para sobrevivir.
Este mesmo enredo podémolo achar noutros lugares peninsulares. Nas Illas Baleares coñécese co nome de trompa de tija de carabassa; en Cataluña como trompa de carbassera; en Portugal, dáselle o nome de trombone de aboboreira ou trombone de cabaça-porqueira, que é aquela que, por seren máis anchas as súas paredes, era empregada para comida dos porcos. En Euzkadi, tanto en zonas de Navarra como de Biscaia, denominábana gaita de pedúnculo de hoja de calabaza.
ASÍ SE FAI
MATERIAL:Unha folla de cabaza e unha navalla. TEMPO:10 minutos. ESTACIÓN:Outono. |
Procuramos nunha leira unha cabaceira e quitámoslle unha folla co seu correspondente tubo. Sacámoslle toda a parte da folla, sen cortarlle o nó. Nisto é interesante insistir porque é fundamental que este tubo estea perfectamente pechado. A seguir quitámoslle os pelos pinchos que ten, sobre todo, nos 5 cm máis próximos ao nó. Para isto, collemos a navalla e pasámoslle suavemente o corte, de xeito perpendicular, para non danar o tubo. A continuación, xusto onde remata o tubo, contra o nó, a 1 cm facémoslle un corte lonxitudinal en dirección á abertura do devandito tubo, duns 2´5 cm de longo. Quédanos así feita unha lingüeta dun espesor aproximado de 3 mm. Tamén se pode facer esta lingüeta ao revés, é dicir, comezando a abertura a uns 3 cm e en dirección cara ao nó, sempre procurando non tocarlle ao nó. Para que funcione temos que introducir totalmente dentro da boca a palleta, sen tocala. Sopramos cos labios apertados, para que non saia o aire por ningures, e xurdirá un son grave semellante ao dun saxofón. Dada a facilidade de traballar este material e a abundancia de follas nunha mesma planta, débese probar con diferentes tubos tanto en lonxitude como en grosor ou mesmo a lonxitude das palletas. Así podemos observar as diferenzas de son.