Tarrañolas de cana
Parece ser que o nome do instrumento provén das primeiras que se empregaron, que estaban feitas de anacos de tella. En Galicia tamén reciben o nome de terrañolas, tarreñas, trécolas, castañolas, castañetas, tellas ou tixoletas e segundo Pablo Carpintero, castañolas de lousa, por mor do material en que estaban feitas. Tamén, segundo Antón Cortizas, se teñen atopado tarrañolas de óso das costelas dun porco ou dun xato. En parte do Estado español, son coñecidas como tejoletas ou palillos de entrechoque. Nas Illas Baleares denomínanas castanyetes de canya (mesma denominación ca en Cataluña) e mesmo podíanas facer tamén con dúas culleres de madeira, castanyetes de culleres de fusta. En Francia chámanlles les castagnettes e no sur-leste, las castanhetas. Quere isto dicir que é unha argallada musical moi coñecida e esparexida, que semella que xa existía na antiga Grecia e Exipto.
ASÍ SE FAI
TEMPO: Media hora, aproximadamente. ESTACIÓN: Calquera época do ano. |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Son un instrumento musical que non debemos confundir coas castañolas con forma de vieira, pois mentres que estas van atadas entre si, as tarrañolas non teñen ningún tipo de ligazón.
Aínda que poden variar nas súas formas e tamaños, as máis comúns constan de dúas pezas de madeira planas, mais ás que nos imos referir aquí son as feitas de cana do país, tocándoas entre si pola parte externa, é dicir, a convexa.
Para facelas cóllese o tubo de cana e, despois de limpalo como é debido de todo tipo de resto de follas que puidese ter pegadas, cortámolo transversalmente a uns 15 cm de longo. Fendemos este tubo polo medio e quédannos dúas partes iguais. Ímolas modelando coa navalla, paseniñamente, polos bordos para que non lle quede ningunha escaderna ou esterpa que se nos poida cravar.
Coa mesma navalla, facémoslles uns pequenos rebaixes no extremo, a cada unha das partes, polo que se ía agarrar cos dedos furabolos e corazón ou con este e o anular. Unha vez construídas, para facerlles tocar, metíanse ambas as partes entre os citados dedos e, cun movemento xiratorio do pulso facíaselles chocar entre si, escoitándose un repenique moi característico, podéndose mesmo lograr diferentes ritmos. Precisamente, os nenos e nenas quedan pasmados con ese repique, de aí que, de eles non seren capaces de fabricalas, insistiranlles ós maiores para que llelas confeccionen.