publicidade hoxe

Mesa e cadeira de fiúncho

OLYMPUS DIGITAL CAMERAO fiúncho ou funcho, fiollo, fruncho, fonollo, fionllo, … como se coñece en Galicia a nivel popular, é unha planta moi ligada á nosa tradición e ás nosas crenzas. Ben sabido é que en moitas zonas empregábase para quitar o mal de ollo, poñíase nas portas para escorrentar as meigas e todos os males e perigos que podían vir de fóra; utilizábase para pasar por riba del en moitas procesións que se facían ao redor das capelas nas romarías dedicadas a algúns santos e, non podemos esquecer, era unha herba básica e aromática que se empregaba polo san Xoán para lavar a cara con esa auga na mañá do día do devandito santo. Quere dicir isto que unha planta moi de noso. Mesmo na fraseoloxía popular dicir que “Estás coma un fiúncho”, indica que estás pouco entrado en carnes ou moi fraco. Mesmo nos deixa pegadas na toponimia, de aí que non se poida dicir que é unha planta calquera, como Funchal ou, probablemente, Fiolledo, este de fiollo. Pero amais de todo isto, tamén tiña moita aceptación para a fabricación de múltiples argalladas para o enredo cotián por ser unha planta doada de manipular e traballar, debido ao mol que é o seu interior. Sobre todo, realizábanse todo tipo de mobles ou aveños de labranza, unha vez máis, por eses degoiros de imitar aos maiores.

Este mesmo material se empregaba noutras zonas da Península e de Europa para a realización deste mesmo enredo. Así en Portugal se eran coñecidas as cadeiras de fiolho ou funcho, ás que lles facían o asento de fíos de la, algodón ou gramíneas delgadas, tamén era probable que fixesen as mesas. En Cataluña, facían as taules de fonoll. Nas Illas Baleares tamén era coñecida a taula de fonoll, pero ademais podían completar o moble con xunco e os canos das plumas das ocas, galiñas ou galos, unidas con espiñas de cactos e incluso con cartón. En Francia denominábana Table en fenouil, pero tamén lle podían pór xunco e recubrilo cunha especie de pano ou tea. Nas Illas Canarias empregaban para a realización desta moblaxe, unha planta denominada gamón ou gamona e mesmo a penca.

ASÍ SE FAI

OLYMPUS DIGITAL CAMERAMATERIAL: Unhas varas de fiúncho, espiñas de pereira brava, escambroeiro ou escambrón e unha navalla.

TEMPO: Unha hora, máis ou menos.

ESTACIÓN: Outono ou inverno.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Cortamos catro pezas de 10 cm de longo e un cm de grosor, para facermos as catro patas da futura mesa. Facemos o mesmo con outras oito pezas, da mesma medida de longo, pero máis delgadas, para facermos a estrutura do arredor. Comezamos pola montaxe da estrutura, cravando, coas espiñas, dous traveseiros nas dúas patas e, a seguir, repetimos a mesma operación coas outras dúas patas restantes. Seguimos a tarefa unindo entre si as catro patas cos seus traveseiros correspondentes. Apartamos esta estrutura e comezamos coa elaboración da tapadeira da mesa.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Cortamos uns cantos traveseiros de 14 cm de longo e imos unindo de tres en tres, para que sexan ben atravesados polas espiñas, e que lles sobre unha miguiña da espiña para irmos xuntando as series sucesivas de tres, ata chegarmos a formar un cadrado de 14 cm de lado. Para rematarmos esta plataforma, cortamos catro pauciños duns 16 cm de longo, facémoslles un bisel en cada extremo e cravámolos á plataforma. De non coincidiren ben, imos corrixindo o corte coa navalla, ata que fiquen no seu. Finalmente, levamos esta estrutura para riba da das patas e cravámola coas espiñas, mirando que quede ben suxeita.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 20 de Febreiro do 2017 | 11:32 a.m.

Outros temas de Picaraxadas