publicidade hoxe

Cichón de sabugueiro

sabugueiroEsta mesma argallada facíase con cana e aforrábase de sacarlle o miolo ao sabugueiro, biouteiro ou bieiteiro. A súa graza era bañarse entre eles os nenos e nenas ata poñérense coma pitos enchoupados. Aqueles que eran máis hábiles ou máis rápidos na carreira, librábanse de se mollar, mais quen máis quen menos, remataban mollándose igual. Aínda que era un enredo propio do antroido, para mollar os disfrazados a aqueles que non o estaban ou mesmo entre eles, tamén ten moito éxito no verán para refrescarse nos días máis calorosos.

En Galicia tamén recibe o nome de ciscón, cichote, chicrón ou mesmo xiringa. Nas Illas Baleares, denomínano, igualmente, xiringa de canya. En Cataluña, falaban del como ruixac. En Aragón, chiringa. En Euzkadi tamén se empregou e falaban de zimpizta ou zirritza e o acto de xiringar e mollar coa auga era tifar. En Portugal era coñecido como esguicho, tsharinga, seringa e zicho e que se utilizaba moito no Entroido. En Francia, chamábanlle pistolet à eau, le seringue e na Bretaña, la glicoire e mesmo lle poñían un botón para esparexer a auga. En Grecia, denomínano tsilithra. En Italia, coñéceno por siringa, schizzetto, pero noutras zonas, como Sicilia, danlle o nome de lu sgriccialoru, scricchialoru ou sguiccialoru e no Chietino, lu scrizza-acqua.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Dous paus de sabugueiro, un que mida uns 20 cm entre os nós, cun groso de 2 cm e outro duns 10 cm de longo e 1 cm de diámetro; un pau de salgueiro ou madeira de semellantes características, duns 30 cm de longo e uns 2 cm de gordo; un nobelo de la; unha navalla, un arame recto e ríxido cun mango, para puxar mellor e outro arame ríxido, máis pequeno e delgado.

ESTACIÓN: Inverno.

TEMPO DE FABRICACIÓN:Unha hora, pouco máis ou menos.

cichon-sabugueiro-paso-1 cichon-sabugueiro-paso-2 cichon-sabugueiro-paso-3 cichon-sabugueiro-paso-4

Collemos o pau de sabugueiro máis grande, quitámoslle os nós e arranxámoslle os extremos, empregando a navalla con moito coidado de non cortarnos. Deseguido tratamos de baleirar de miolo o devandito tubo de sabugueiro. Para realizar esta tarefa, empregaremos o arame con mango empurrándoo polo oco do pau, ata que, paseniñamente, vaia saíndo todo o miolo para termos un tubo perfectamente limpo. A continuación, collemos o pau pequerrecho de sabugueiro, para facerlle a punta ao cichón. En primeiro lugar, tratamos de axeitar un dos extremos para que encaixe axustado no tubo feito anteriormente. É conveniente que sexa de forma cónica para quede ben apertado. Co outro extremo, facemos o mesmo, pero ímolo estreitando máis para que nos quede fermoso, esteticamente. A partir deste momento, xa podemos baleirar o tubo, co arame estreito, da mesma forma có anterior. Debemos agora unir ambas pezas, dándolle voltas á pequena, ao tempo que empurramos todo o que poidamos, de xeito que fique ben asegurado.

cichon-sabugueiro-paso-5 cichon-sabugueiro-paso-6 cichon-sabugueiro-paso-7 cichon-sabugueiro-paso-8

Temos que proceder a realizar a baqueta que nos axude a xiringar. Collemos o arame con mango, introducímolo dentro do pau de sabugueiro e tomamos a medida que nos cómpre para o rebaixe da baqueta. Esta será xusto dende o extremo do tubo ata entrada da peza do outro extremo. Medimos no pau de salgueiro e rebaixamos ese anaco ata que entre ben, sen facer forza ningunha, no tubo. O que fica sen rebaixar, sobre uns 10 cm, serviranos de agarradeira para puxar. Na punta da baqueta, a un centímetro, facémoslle un rebaixe de 2 mm de profundidade e 4 cm de longo. Neste lugar, temos que enrolarlle a la, para que entre ben axustada a baqueta e xiringue mellor. Para realizar este proceso temos que meter a la dobrada en paralelo á baqueta, deixándolle unha pequena ansela libre e comezar a darlle voltas, comezando por atrás e cara a ansela. Ao chegar a esta, introducimos o fío de la pola ansela e tensamos fortemente. Iso si, temos que dar as suficientes voltas ata que entre ben xusta a baqueta, senón non xiringa o cichón. Para xogar con este trebello, cómprenos un recipiente con auga no que poidamos zugala tirando para atrás pola baqueta. Para xiringar, temos que empurrar nela con toda a forza que teñamos. É aconsellable realizar este xogo fóra da casa.

cichon-sabugueiro

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 17 de Febreiro do 2015 | 5:42 p.m.

Outros temas de Picaraxadas