Lancha de Casca de Piñeiro
A Lancha de Casca de Piñeiro, Aínda permanecerá na retina e na mente de moitos nenos, que agora non o son, a chegada ás aldeas daquelas mulleres cargadas cunha caixa rectangular de madeira de piñeiro atestada de peixe, basicamente sardiñas, xurelos ou chicharros, verdeis e pouco máis. Traíana, facendo un verdadeiro exercicio de equilibrio, pousada na cabeza sobre unha mulida redondeada que facía que asentase perfectamente o cargamento marítimo. Nalgunhas zonas en vez de caixa, era una tina de zinc con asas. Aparecían con algún tipo de reclamo ou chamada de atención, berrando aquilo de “chicharro vivo, que fresco”. Era este o momento en que ían saíndo pola soleira das portas as mulleres da casa cos cartos envoltos nun pano, preguntado pola especie que aportaban e, sobre todo, polo prezo. Mostraban a mercadoría e, de chegaren a un acordo, pesaban o peixe nunha romana, que sempre traían, cobraban o pactado e metían os cartos ben na faldriqueira ou naqueles grandes petos que tiñan os seus mantelos azuis, igualiños cá tea dos pantalóns dos seus homes mariñeiros. Noutras ocasións, no canto de cobraren en cartos, facíano en especies, cebolas, patacas, allos …
A todas estas operacións non eran alleos os rapaces da casa, que ficaban abraiados coa escena vivida, mirando cos ollos regalados o peixe e imaxinando como sería pescado e ese mar que sostiña aquelas embarcacións que empregaban para tal fin. Este tipo de lanchas ou barcas, con ou sen vela, tamén se rexistran noutros lugares da xeografía do Estado Español e de Francia, aínda que se facían doutros materiais como cortiza ou baleirando un pau de freixo ou salgueiro.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha casca de piñeiro e unha navalla.
TEMPO: 30 minutos.
ESTACIÓN: Todo o ano.
Como comentabamos a semana pasada, comezamos por arrincar a casca do piñeiro, da dimensión que queiramos que teña a nosa futura embarcación. De todos os xeitos, convennos unha casca o máis longa posible, o ancho non importa moito. Primeiro dámoslle coa navalla a forma externa curvada coma calquera lancha, dorna ou gamela, tratando de semellarse o máis posible á realidade. Esta será máis ou menos perfecta, dependendo da habilidade de quen a faga, aínda que non debemos esquecer que navega do mesmo xeito. A continuación realizamos o baleirado interior da casca, deixando suficiente parede para que non rompa. Estas deben ser duns 5 mm, aproximadamente, para garantirmos que non vai romper con facilidade. Xa teriamos rematada a nosa prezada embarcación.
Existe outra maneira moito máis rudimentaria de facela, aínda que non queda tan perfecta nin bonita, mais conséguese o mesmo obxectivo, que non é outro que ver como navega. O único que debemos facer é raspar a casca contra un penedo ou parede e ir dándolle a forma apetecida.