publicidade hoxe

Gorro de recandeo de castiñeiro

recandeo

“Unha cunca redonda.

Cara arriba está baleira

e cara abaixo está chea”.

Isto era o gorro, chapeu ou sombreiro. Os máis pequenos gozaban coa presenza, ao comezar o verán, das candeas do castiñeiro. Xa ao pasaren por debaixo deles, decatábanse dun cheiro forte, intenso e profundo que uns días antes non existía nese mesmo lugar. Era un sinal identificador de que os recandeos estaban xa presentes e, polo tanto, xurdía a posibilidade de realizaren o chapeu para xogaren aos soldados ou ás pelexas e garreas, mentres estaban co gando nos prados. Outras veces confeccionábanos para se sentiren diferentes e campar con eles ben postos diante dos outros. Ademais quen facía estes gorros tiña un aquel de artista, de mañoso que se lle axeitaba calquera cousa que por diante se lle puxese.

Ademais de gorro, en Galicia, tamén é coñecido por chapeu de cenceno ou chapeu de candeas, dependendo un pouco da zona xeográfica do noso territorio galego. O máis probable é que en todos os lugares con tradición de soutos de castiñeiros, exista este brinquedo, mais non temos constancia del. Non obstante, en Francia si facían colares e cadeas douradas (collier en chatons de chàtaignier ou chaines dorées).

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Unha boa presa de recandeos, cencenos, floróns, candeas ou candeóns de castiñeiro.

TEMPO: Unha hora, máis ou menos.

ESTACIÓN: Comezos do verán.

gorro-recandeo-paso-1
gorro-recandeo-paso-2
gorro-recandeo-paso-3
gorro-recandeo-paso-4
gorro-recandeo-paso-5
gorro-recandeo-paso-6

Temos que ir á procura deste material e debemos fixarnos nalgún castiñeiro que teña os recandeos o máis longos posible, coa finalidade de facer un gorriño ben cumprido e fermoso. Por outra banda, ao seren máis longos é máis doado traballar con eles.

Collemos, daquela presa, tres recandeos e comezamos a trenzalos coma se estivésemos facendo unha trenza para o cabelo, enrestrando cebolas ou allos. A medida que imos trenzando, cada 3 ou 4 cm, imos intercalando outro recandeo, perpendicular á trenza.

Como estas candeas non son o suficientemente longas como para abranguer todo o aro do gorro, debemos ir incorporando outros a medida que imos realizando o labor de trenzado. Daquela, ante de rematar os primeiros, poñemos outro ao lado e trenzamos e así sucesivamente, incorporando un de cada vez, nunca todos a un tempo.

Continuamos entrelazando ata rematar completamente o aro. Para facer este remate, deberemos anoar as puntas cos cus dos que comezamos. De non nos darmos xeito, podemos rematar a faena atando estes estremos cun fío de cánabo. Se optamos por isto último, seguimos trenzando sen incorporar o recandeo perpendicular e, ao final, atamos este trenzado co inicial. Realizado isto, unimos os recandeos perpendiculares no bico do futuro gorro.

Completada esta armazón inicial, comezamos a trenzar o corpo do gorro. Debemos ir entrelazándoos entre cada un dos recandeos perpendiculares, pasando un por dentro e outro por fóra, coma se dun cesto se tratase.

Rematada a primeira volta ao redor, comezamos a segunda, xusto ao revés, é dicir, se primeira o recandeo foi por dentro, nesta segunda, debe ir por fóra. Este proceso debemos repetilo ata chegarmos a cerca do final. Neste punto, soltamos o nó feito inicialmente no bico do gorro, metemos o adorno e facemos o nó definitivo.

Temos pois que introducir o recandeo de adorno entre as puntas dos outros e atamos dando voltas con outro, ou outros recandeos, e a marrando as puntas. Se ao final do proceso nos quedan na punta ocos por tapar, trenzamos con outras candeas ata que fique todo ben tapado.

gorro-de-recandeo

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 13 de Xuño do 2016 | 11:05 a.m.

Outros temas de Picaraxadas