publicidade hoxe

Teléfono de botes de lata

telefono-de-botes-lataOs máis pequenos da casa non só mataban o seu tempo de lecer con pelexas e loitas para demostraren diferentes habilidades e forza puramente física, senón que tamén conversaban amigablemente, intercambiando opinións sobre tal ou cal cousa ou asunto. Veulles ao pelo a aparición da posibilidade de intercomunicarse a través do teléfono, onde podían empregar a arma da palabra para se entenderen sen necesidade ningunha de loita corpo a corpo. Este é o momento en que a arma da palabra se converte en argallada de comunicación, en exercicio de memoria. Si, a arma da palabra. Aquela que é disparada con intención comunicativa, de relacionarse, de entenderse, de chegar a acordos, conclusións satisfactorias, para quen dialoga. Un ben prezado, unha especie en extinción nos días que corren. Moitos medios e novas tecnoloxías aplicadas para este fin, a intercomunicación, pero cada vez máis lonxe de entendérmonos a través do diálogo, da palabra. Esta achega, acerca, aproxima, quenta, acubilla, acouga, aloumiña, comparte, axuda, resolve, axiliza e atende e entende.

Foi un enredo abundantemente divulgado en toda a península Ibérica e noutros países, aínda que con diferentes variantes, dependendo do material que se empregase para a súa realización: botes, tubos de cana, caixas de mixtos, caixas de betume, … o importante era comunicase a través dun anovado medio de comunicación. Nas Illas Baleares e Cataluña, facíano con tubos de cana e poñíanlle pel de coello, xato ou cabrito para que resoase máis, e era denominado el telèfon de canya. En Portugal chamábanlle telefone de cordel e podía levar pel ou papel de fumar para provocar vibracións, ademais de engraxaren o fío con cera de zapateiro. Empregaban habitualmente dúas latas de graxa, ademais de caixas de fósforos ou canas. En Francia eran moi comúns os de botes de caixas de betume baleiras, le téléphone à boîte de cirage e na Provenza chamábanlle lo telefòne de bóstia de ciratge.

ASÍ SE FAI

material-telefono-botes-lataMATERIAL: Dous botes de pementos ou similares, fío de cánabo en abundancia, unha navalla ou tesoiras e unha subela.

TEMPO: Uns 30 minutos, pouco máis ou menos.

ESTACIÓN: Calquera época do ano.

telefono-botes-lata-paso-1
telefono-botes-lata-paso-2
telefono-botes-lata-paso-3
telefono-botes-lata-paso-4

Temos que procurar un par de botes de lata duns 8 cm de diámetro por uns 10 cm de alto. De non os conseguirmos con estas medidas, poden valer doutras e mesmo tamén se poden empregar vasos de plástico ou recipientes de iogur.

Unha vez baleirado o contido dos botes, temos que mirar de arranxar os bordos por onde os abrimos, para evitar posibles cortaduras nas orellas ou nas mans ao manipulalos. Este labor pódese facer cun pequeno martelo, machucando con coidadiño todo ao arredor da beira aberta.

Collemos agora a subela e facémoslle, a cada un dos botes, un buratiño xusto no centro da base. A seguir, enfiamos un extremo do fío no burato dun dos botes e, pola parte interior, realizamos uns nós, para que non se nos solte. Con tres ou catro destas ataduras sería máis que suficiente.

Realizamos esta mesma operación co outro bote. A medida do fío pode variar en función do separados que estean os interlocutores.

Non é aconsellable estar moi cerca, senón perde credibilidade. Ademais o fío non debe arrastrar polo chan nin tocar con nada, ao tempo que o debemos tensar o máximo posible, para mellorarmos a comunicación e evitar as interferencias. 

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 15 de Maio do 2017 | 11:34 a.m.

Outros temas de Picaraxadas