Andacamiños de carrete de fío
Dicía aquel dito: “Non hai mellor andar ca non parar”. Unha verdade coma un mundo se o aplicamos aos máis pequenos, porque como di a xente:”Se están parados, non ha ser por ben ou algo lles doe”. Por iso é mellor que a actividade sexa o seu obxectivo diario. Daquela, o porqué da realización deste enredo halles de vir por eses devezos de non estaren parados. No verán corrían sen parar co andacamiños de lata, lousa, madeira,… cando ían a calquera lado. Agora, no tempo frío e chuvioso de inverno, como non poden saír do recuncho familiar, hai que inventar algo. Así, por imitación do anterior, realizan este de pequenas dimensións, pero que lles fai suar arrastrándose por aqueles cuartos de madeira, longos e anchos, das casas labregas.
É un brinquedo que se coñecía por todo o Estado. En Francia denominábana la roulette e, mesmo, podían espetar o carrete a un pauciño e ese mesmo cravo ou arame, servía de eixo.
ASÍ SE FAI
Nesta argallada, o que máis tempo nos pode levar é conseguir o carrete tradicional de fío, porque agora xa están en vías de extinción, cando menos os de madeira, pois os de plástico son doados de conseguir.Ben, supoñendo que o atopamos, só teriamos que amañar a galla. Para iso, temos que cortar cada unha das galliñas dun longo que nos abrace o carrete, de xeito que ao montalo, non nos arrastre polo chan, senón, obviamente, non andaría. Podemos tamén, coa finalidade de que o conxunto fique máis fermoso, sacar a carapela da galla empregando a navalla.
De non conseguirmos o carrete, o que temos é que facer unha roda con u anaco redondeado dunha pola dun salgueiro ou outra madeira doada de manipular. Imos quitando madeira todo ao redor da parte central, ata deixarmos dúas rodiñas semellantes ás do carrete. O funcionamento sería igual có anterior.Podíase argallar só ou facer unha competición entre varios nun espazo liso e plano, normalmente era un cuarto grande e en época de inverno, porque non se podía argallar fóra da casa.