Fonda de xunco
Este argallo é tan antigo coma os comezos da caza e da pesca. Os nosos antepasados romanos xa empregaban a funda, para tirar pedras. Hai constancia en Virxilio de que lle chamaban funda a unha rede para pescar e Valerius Martialis, poeta da zona de Aragón do S.I d.C., denominaba así a unha rede pequena para cazar paxaros. Se cadra ese entrenzado veña de aí, precisamente. Aínda que, para fondas famosas, aquela coa que David chimpou ao xigante Goliat, segundo nos contan.
O material que empregaban para a súa confección eran cabelos, nervios de animal, esparto, segundo nolo explica Estrabón nos seus escritos. Tamén parece ser que a empregaban os pegureiros para recoller os seus rabaños, segundo o explica Ramis no ano 1787.
MATERIAL: dúas ducias de xuncos, navalla. TEMPO DE FABRICACIÓN: 20 min. ESTACIÓN: primavera – verán |
O que é evidente é que as fondas empregábanse tanto na caza coma para lanzamento de pedras, ben para practicar competicións de puntería ou nas guerras. Así, por exemplo, nas guerras púnicas os cartaxineses tiñan nos seus exércitos un feixe de soldados que utilizaban a fonda e que eran capaces de lanzar pedras ata 200 metros de distancia.
Aínda que na maioría dos lugares se utilizaba para a súa fabricación corda e coiro, esparto ou unha simple corda, aquí na nosa terra tamén se fixo esta de xunco ou xonza, imitando esas máis fortes e duradeiras.
Coñécense co nome de funda, funga, atiradeira, en Portugal, funda, baladeira, estilingue, en Brasil, fronde en Francia, fionda en Italia, fona en Cataluña e Illas Baleares, honda en España ou ufreilla, abilla, aballie, aballa, habaila e ebillia, en Euzkadi.
ASÍ SE FAI
Collemos tres xuncos e unímolos mediante un nó frouxo, trenzámolos, do mesmo xeito que fariamos coa coleta dunha nena, uns 15 centímetros. Desfacemos o primeiro nó e xuntámolo co final da trenza para formar unha ansela. A cada xunco que se nos vaia rematando incorporámoslle outro. Unha vez chegados a 35 centímetros amecemos xuncos ata ter dez. O último xunco que incorporamos, trenzámolo cos demais como se fose o cu dun cesto procurando que vaia ensanchando para formar a base que suxeita a pedra no momento do lanzamento. Cando a base estea pola metade, uns 4 centímetros, volvemos a estreitalo de forma que esta sexa ovalada. Se non nos chega o xunco que estamos trenzando, incorporamos outro. Rematada a base trenzamos os nove xuncos en grupos de tres e eliminámolos un a un de xeito inverso a como os foramos incorporando ata quedar con tres, si algún destes se nos remata amecemos outro ata que o largo sexa parello ao outro, e rematámolo con un nó. Só nos queda eliminar as puntas sobrantes coa navalla.
Para empregala metemos a man na ansela e colocámoslle unha pedra na base, agarramos a outra punta coa mesma man e dámoslle voltas no aire á fonda; cando queiramos lanzar abrimos a man e, debido á forza centrífuga, a pedra sae disparada con moita forza.
Recomendación: non é aconsellable empregar a fonda con pedras como munición se hai cristais preto, e moito menos se hai persoas; ademais a resistencia desta, por tar feita con xunco, é bastante limitada.