publicidade hoxe

Frauta con papel de fumar ou lámina de cebola

canasEstamos diante dunha argallada de nenos, principalmente, aínda que tamén é, ou pode ser, un instrumento musical. Podía reproducir diferentes ritmos ou, se se lle sopraba a xeito de frauta traveseira, lembrarnos ao son realizado por algunha ave, coma un buxato ou lamego coa vibración da carapela da cebola ou papel de fumar. Neste último caso, era moi común ver algún raparigo apoderarse dun pequeno “libriño de fumar”, daqueles que o seu avó empregaba cada vez que sacaba a picadura ou o cuarteirón, do peto da chaqueta de pana, para facer un cigarro ou dous, un para o momento e o restante , para a orella e ser gozado un pouco máis tarde. Cando isto acontecía, gardábase coma un pequerrechiño tesouro para empregalo para facer a devandita frauta.

En Galicia tamén se lle chama toques, nunú, frauta de teaza ou mesmo, mirlitón. Era moi coñecida por toda Europa e no resto do Estado español. Así, por exemplo, en Catalunya chamábaselle nunut; en Eivissa, esbrunyidor; en Asturies denominábase berrón, en Castela, mirlitón de cebolla. En Euzkadi coñécese como txilibitua. En Italia facían unha moi semellante, chamada tromba de cipolla, pero na zona da Liguria era coñecida por tromba di sevulla; en Francia falaban de flûte à l´oignon, mais tamén mirliton e tapaban os dous buratos con papel de fumar. Pablo Carpintero, na súa obra Os instrumentos musicais na tradición galega, denomínao, tecnicamente, mirlitón e engade que se documentan instrumentos semellantes por toda África, como o kabile dos mbae, o akasori en Burundi ou o kwidi dos tsangi, sendo nalgúns destes casos xogos para os nenos. Asemade, tamén nos informa da existencia dun instrumento que reproducía un son semellante, realizado cun papel de fumar, pero cun peite por diante que, ao soprar do mesmo xeito ca coa frauta, escoitábase un son semellante a aquela.

ASÍ SE FAI

frauta-papel-fumar-paso-1MATERIAL: un tubo de cana longo cun nó nun extremo, papel de fumar, fío de cánabo, un estañador ou ferro quente.

TEMPO: 30 minutos.

ESTACIÓN: verán ou cando nos pete.

frauta-papel-fumar-paso-3
frauta-papel-fumar-paso-4
frauta-papel-fumar-paso-5

A un tubo de cana cortámolo entre dous nós, deixándolle abertura por ambos extremos. Xusto onde queremos colocar o papel, alisamos o tubo un pouco para que non nos rompa o fino papel de fumar. Realizámoslle un burato, coa navalla ou co estañador, separado uns 4 cm do burato aberto e de 1 cm de diámetro. A seguir, facémoslle uns catro buratiños máis polo lado e cunha separación entre si de 1,5 cm e de 4mm de diámetro. A 0.5 cm da parte alisada do tubo, facémoslle un pequeniño rebaixe de 1 cm de ancho, para que ao atar o papel non escape o fío. A continuación, colocamos o papel de fumar nese devandito oco da cana e suxeitámolo co fío de cánabo cun nó ben apertado. Recortamos o papel sobrante e xa podemos tocar a nosa argallada instrumento. Xa estaba preparada a frauta para que, ó tararear a melodía da canción que queiramos interpretar, esa membrana de papel amplifique o noso son. Tamén existe a posibilidade de realizar este mesmo instrumento só co burato principal. É máis, hai quen as fai con ambas partes fechadas, unha polo papel e a outra co nó da propia cana. Tamén se podía facer de sabugueiro, bieiteiro ou biouteiro.

frauta-papel-fumar

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 26 de Agosto do 2014 | 11:12 a.m.

Outros temas de Picaraxadas