Tren de caixas de mistos
“O ruído dos trens era algo que, de noite, sempre lle chamara a atención ao Cándido. Xa desde pequeno. E o asubío das máquinas no medio da escuridade soaba nos seus oídos como unha navallada que fendía o val durmido e canso. O traqueteo do tren ía facéndose cada vez máis intenso hastra que, aínda moito despois, pasaba polas Devesas, resoprando e fungando, coa súa ringleira de luces. Parecía unha cobra xigante que ía deixando a súa longa camisa, a súa pel, entre as toxeiras e as carpazas do Beliño… Pouco a pouco o ruído, o tremor, ía a menos. Por veces desaparecía uns instantes, encubría, pero logo voltaba a se oír, máis alá, máis lonxe. Os rapaces, todos, escoitaban”. Isto dicía o escritor Xosé Fernández Ferreiro na súa novela A ceo aberto. Era ben certo, os rapaces ficaban impresionados co seu paso e todos querían ser maquinistas algún día, igual có Cándido, o seu protagonista. O mesmo lle acontecera a aquel “Vello que quería ve-lo tren” de Rafael Dieste e, ata que o levaron velo no carro, non parou. Por algo sería. Así pois, este adianto na automoción non deixaba indiferente a ninguén e menos a un neno.
Este medio de transporte foi reproducido de diferentes maneiras ao longo de toda a xeografía estatal e de fóra. Uns facíanos con naipes ou caixas de mistos e, outros, con botes ou latas.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unhas caixas de mistos, tantas como vagóns queiramos que leve tras súa o tren, e cordón de cánabo ou outro semellante, que teñamos a man; un punzón ou tarabelo e unha navalla. TEMPO DE FABRICACIÓN:30 minutos. ESTACIÓN:Calquera época do ano. |
O primeiro que debemos facer é ir á procura dunhas cantas caixas de mistos, preferentemente usadas, así asegurámonos de que non teremos problemas por empregalas novas e con mistos. Quitámoslles a parte da cuberta e ficamos só coas caixas.
Procedemos a facerlles un burato xusto no centro dos laterais máis estreitos da caixa rectangular, agás a unha delas, que será destinada a ser o último vagón. Iniciamos o proceso de unión ou montaxe da máquina introducindo a punta do fío por un dos buratiños, anteriormente realizados, facémoslle un nó e cortamos o cordón, o suficientemente longo, porque é polo que imos tirar da locomotora. Debemos facerlle un lazo na punta para poder agarralo mellor.
Deseguido, introducimos outra vez o cordón polo burato contrario da mesma caixa e facémoslle un nó. Cortamos un anaco duns 5 cm e enfiámolo noutra caixa con dous buratos. Xuntamos as caixas e facemos outro nó a uns 2 cm.
Agora, poñémoslle a tapa á primeira e xa nos queda montado a locomotora e o primeiro vagón. Volvemosrepetir este proceso de enganchado con nós nos seguintes vagóns, ata que queiramos rematar o tren.
Canto máis semellante a aquel que tiñamos visto ou imaxinado, mellor. Para darlle máis verosimilitude ou fermosura, sempre se lle pode botar algunha mercadoría, miúda, claro está senón pode descarrilar co peso e provocar calquera accidente.