Chifre de capador
Ata non hai moitos anos, se cadra na década dos anos sesenta do século pasado, era abondo común ver que polas portas das casas das aldeas e, mesmo vilas, escoitábase un son agudo e rechoucheante que chamaba a atención aos máis pequenos. Tratábase dos famosos afiadores, paraugueiros e latoeiros que arranxaban “coitelos, navallas, potas, caldeiros, paraugas e mulleres”. Daquela non había o afán de tirar todo o que se ía deteriorando co inexorable paso do tempo, porque, entre outras cousas, non existían unhas economías domésticas con moitas sobras de diñeiro. Entón a necesidade obrigaba a aguzar o enxeño e arranxar todo ata que xa non valese para nada. Outras figuras que tamén se prodigaban pola aldea e empregando o mesmo sistema para chamar a atención, eran os capadores de bacoriños, que cunha coitela pequena e afiada, extirpaban os testículos a estes animais, para logo seren criados para a posterior matanza. As lembranzas que teñen os nenos, destes últimos, non son tan agradables coma dos primeiros.
É unha argallada xa moi coñecida dende a antigüidade e que se ten atopado en moitos lugares da xeografía mundial. Na Grecia Antiga chamábanlle syrinx, e en Roma, tamén syrinx, arundo cerata ou fistula. En Galicia tamén se coñece como chifre de paraugueiro, latoeiro ou afiador. En Cataluña denominábano flauta de Pan, xiulet de sanador ou siringa, que lembra, claramente, ao nome que recibía na Antigüidade. Nas Illas Baleares tiña varias denominacións, bufacanyes, orgues, tururut, faluta de Pan, flautella, sonaveus, pinta e grilla. En Portugal, gaita de capador, flauta de Pa ou gaita de amolador, por ser empregada polos “amola-tesouras”. En Francia, coma na maioría dos lugares, falaban de la flûte de Pan.
ASÍ SE FAI
TEMPO: Media hora. ESTACIÓN: Calquera época. |
![]() ![]() ![]() |
Collemos os diferentes tubos de varias medidas e 1 ou 1´5 cm de diámetro. Unha vez que os recortamos deixándolles unha parte pechada polo nó e a outra aberta, temos que proceder a ligar estes tubos de cana, uns aos outros co fío de cánabo, sen importarnos nunca a orde de colocación de maior a menor ou viceversa, senón como nos cadre ou como nos semelle máis bonito ou orixinal. Debemos anoar na primeira cana, ben forte, dous fíos, un máis arriba e outro máis abaixo, é dicir, separados, un máis contra o nó e o outro máis cerca da parte aberta. A seguir, ímoslles engadindo outra cana e ligámola á anterior, cruzando cada fío e así ata atalas todas. A última anoámola forte e xa está lista para chifrar ou asubiar ao estilo máis puro dun capador ou afiador e latoeiro dos tradicionais. Existe outra variante, máis perfeccionada e coidada, á que se lle poden sacar notas musicais, dependendo da pericia do asubiador. Teriamos que procurar uns tubos de cana, tamén de diferentes medidas, pero á hora de colocalos xa os teriamos que atar seguindo un esquema de maior a menor ou viceversa.
Para amarrar eses tubos, empregariamos unhas tiriñas de cana tamén ligadas co propio fío aos tubos. Para chifrar ou asubiar, debemos achegar o tubo á beira do labio inferior e soprar cara ao interior do tubo avanzando o labio superior.