Xilófono
Ben coñecido é que os rapaces eran moi receptivos contodo aquilo que reproducise golpes, canto máis estrondosos e rechamangueiros moito mellor. De aí que dentro dos instrumentos populares, preferisen os de percusión sobre calquera outro. Había que deixarse notar dalgunha maneira e, se esta era a base de golpear en algo e producir un son semellante a ritmos musicais, pois a diversión xa era máis completa.
Observaban atentamente como aqueles músicos, nas festas das aldeas, golpeaban de xeito compasado naquelas barras de metal ou de madeira, obtendo un son moi peculiar. Este instrumento de percusión que, para tocalo había que colgalo ó pescozo e tirar polas cordas cara abaixo, ao tempo que rascabamos cunha baqueta, era moi empregado para cantar os aguinaldos polas casas. O máis normal é que se adoitara facelo de cana, mais tamén se teñen realizado con ósos de animais ou con pólas ocas e secas de sabugueiro.
Dentro do noso territorio tamén é coñecido con outros nomes, como albuche, marimba, raspa ou riscado.Noutros lugares de España denomínano ginebra, que podía estar feita con ósos do fémur das cabras ou ovellas, daquela chamábanlle ginebra de huesos ou huesera; de ser de canas, nomeábana comoginebra de cañas de crecientes ou carrañaca. Non obstante, tamén era coñecida por arrabé. Cando menos chocante é o nome que recibe na provincia de Huelva, carrasquiñas, se cadra pola súa situación fronteiriza con Portugal. Nas Illes Balears recibía os nomes de canyís, rec-a-rec de canya; se era de ósos, ossos, rec-a-rec, guiterra d´ossos ou bandúrria e salteri ou guiterra de fusta, se era de madeira. En algunha zona de Catalunya coñecíase por ossets. En Portugal non é doado achalo, mais, segundo apunta Pablo Carpintero, aparece cunha función puramente cerimonial na Lousa (Castelo Branco) onde o guía da Dança dos Homens porta o instrumento que alí se denomina genebres. No Sur de Francia, curiosamente, denomínano la carrañaca, e considérano como un brinquedo proveniente de España.
ASÍ SE FAI
Para construílo había que tratar de que as canas estivesen ben secas, pois a caixa de resonancia actuaba mellor. Para conseguir isto, adoitaban poñer a secar as canas, aínda que sen darlles o sol directamente nin a chuvia, pois ben puidera ser que collesen barolo e, polo tanto,o son non sería tan limpo e perfecto.
Comezamos por realizar a escolla das canas para cortar os tubos de diferentes tamaños e diámetros. Unha vez cortados os tubos suficientes, debemos arranxarlles as cabezas, coa finalidade de que nos fiquen lisas e sen escadernas ou esteliñas que se nos poidan chantar nas mans. Deseguida, poñémonos a facer os furados, co estañador ou ferro quente, nos extremos de cada un dos tubos, na mesma dirección. Agora, dobramos o cordel en dúas metades e, a uns 10 cm a cada lado do extremo, facémoslle uns nós. A partir deles imos enfiando o tubo máis pequeno, simultaneamente por ambos extremos, e imos facéndolle outros dous nós, coa finalidade de deixalo asegurado ao cordel. Seguimos este mesmo proceso ata rematar co máis grande. Facémoslle outros dous nós e o cordel restante anoámolo a medida do que nos cumpra para metelo pola cabeza. Xa estaría rematado este sonoro e musical instrumento. Para tocalo, cómprenos unha baqueta de madeira ou de cana. Botamos man dunha poliña dunha madeira seca de abeleira, salgueiro, …, o caso é que sexa dunha madeira ben dura. Daquela, para accionalo, só temos que colgar o instrumento no pescozo pola parte máis ancha, collelo cunha man polo cordel da parte máis estreita, tensalo ben e, coa man libre, refregalo de arriba a baixo ou viceversa, procurando o ritmo que queiramos reproducir.
Tocábase cun pao ou cana, a xeito de baqueta, rozando de arriba abaixo ou viceversa, e había que estirar o instrumento coa outra man, para tocar mellor.