Avión de arame
MATERIAL: Un arame de 80 cm, un anaco de lata de 10 cm de longo por 3 cm de ancho, un anaco de tubo de paraugas de 10 cm, un pau duns 12 cm de longo por 2 cm de diámetro, un alicate, unha serra do ferro, un tarabelo, unhas tesoiras da lata, unha punta e un martelo, un lapis e unha navalla. TEMPO:Unha hora, máis ou menos. ESTACIÓN: Cando teñamos tempo e ganas. |
Se algo non faltaba nas casas das aldeas era un anaco de arame, pois daquela tiña moitas utilidades, sobre todo para arranxar moitas avarías domésticas que precisaban dunha atadura, máis ou menos segura, para saír do paso.
No sur de Galicia sempre existían estas pezas, porque se empregaba para soster os emparrados das viñas ou os seus espalleres, aínda que a miúdo ficaban enferruxadas por caeren no esquecemento. Tamén nas zonas do norte se utilizaban moito para colgar grandes laxes para soster as pancas que se poñían nos palleiros para que non caese a palla.
En Francia tiñan un brinquedo algo semellante, aínda que non saía voando a hélice, chamábanlle hélice à main ou hélice à crans. No País Basco tamén existe un brinquedo moi parecido, que en vez de empregaren un arame retorcido, utilizaban un parafuso, tiraban por un cordón e a hélice saía disparada e denominábano errotatxoa ou buelta bueltakua.
ASÍ SE FAI
Comezamos por facer o mango do trebello. Para iso, collemos o pau de 12 cm, de salgueiro, e se non doutra madeira similar, e imos preparándoo coa navalla ata que nos quede liso. Na cabeza facémoslle dous buratos, case xuntos, co tarabelo ou trade, duns 5 cm de profundidade. Collemos o arame e dobrámolo, xusto pola metade, e introducimos as dúas puntas por cadanseu burato, petando contra algo duro. Realizada esta tarefa, introducimos a punta entre a curva que fai a dobrez do arame e imos xirándoa ata que observamos que ese arame se vai retorcendo sobre si mesmo. Ao chegar o torneado á curva, paramos e cortamos ese arame, quedándolle as dúas puntas xuntas.
Se queremos ser perfeccionistas, sempre podemos reparar estas puntas cunha lima. Collemos o tubo do paraugas e cortámolo coa serra do ferro, facendo un anaco de 10 cm de longo. Collemos a lata e debuxamos un ha hélice co lapis nela. Recortámola coa tesoira e facémoslle dous buratos, practicamente xuntos, no centro e unha miguiña máis anchos có espesor do arame. Estes buratos facémolos coa mesma punta que antes empregamos para o retorcido do arame. Podemos repasar coa lima as posibles rebarbas que lle saian, para que así funcione mellor.
Para accionar o avión, collemos polo mango cunha man co arame cara arriba, introducimos o tubo, poñémoslle a hélice nas puntas do arame, unha vez torcidos en sentido contrario cada unha das dúas partes dela. Se ao introducila observamos que vira ben cara abaixo, quere dicir que o proceso de pregado anterior está ben feito. Agora levantamos o mango máis alto cá cabeza e coa man libre agarramos o tubo e tiramos cara abaixo polo mango. Sairá voando esa hélice coma un avión.