Gaita de palla seca
Zancarrandullo andaba na festa, no medio inchaba, no rabo roncaba, tiña orellas e zangoneaba. |
Deste xeito dicía a adiviña para referirse á gaita do fol, aquela que tantas e tantas alegrías nos leva dado en festas, xuntanzas ou seráns. Esa que unhas veces cantaba coma unha persoa e outras xemía e choraba. Ou aquela que tocaba “o repoludo gaiteiro” que Rosalía nomeaba:
Sempre pola vila entraba con aquél de señorío; sempre con poxante brío co tambor se acompasaba; e si na gaita sopraba, era tan dose soprar, que ben fixera en cantar aló pola mañanciña: –Con esta miña gaitiña ás nenas hei de engañar. |
En fin, a gaita é un símbolo para a nosa cultura e o noso folclore. Non podía ficar, daquela, sen ser lembrada no acervo lúdico dos nenos e nenas da nosa Galicia.
En Galicia, á parte deste nome, tamén é coñecida por frautín, frauta de palla, gaita, pipa, tirulirulí, segundo nos indica Antón Cortizas no seu Tastarabás. Por certas zonas de Castela é coñecida como pito de centeno. En Portugal realizaban deste xeito as súas gaitinhas ou pipas de colmo. En Francia, segundo as zonas do país, podía coñecerse como musette, pipette, sonnette, bouèze, tcharamel ou coromelo e podían ser de aveas ou doutras gramíneas. En Brasil facían a gaita co talo de mamoeiro, carrapateira ou taquari. Non obstante, hai que dicir que este tipo de argallada é coñecida en todo o mundo.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha palla de avea seca cun nó e unha navalla. TEMPO: Uns quince minutos. ESTACIÓN: Verán. |
Temos que buscar a palla correspondente de avea, cousa que aínda non é moi doada, dependendo do lugar en que esteamos ou vivamos. Hoxe en día xa non se estila sementar este cereal, pero aínda existe unha planta semellante que xorde de xeito espontáneo en lugares coma os foxos das estradas. Reciben diferentes nomes tamén dependendo da xeografía, por exemplo, furaños, aveas tolas ou xoios. Calquera destas nos poden servir para a creación de tan musical argallada. En primeiro lugar, debemos escoller unha planta o máis grosa posible e que teña un nó. Dá igual a distancia que haxa entre nós, pero canto máis longa, mellor para que a gaita sexa máis rechamante e aparente. Daquela, unha vez cortada, por un lado conservando o nó e, polo outro, sen el, comezamos a operación. Primeiro, polo extremo con nó, levantámoslle unha palleta coa navalla, duns 2 cm e deixando unha pequeniña separación de devandito nó. Tamén se pode facer este labor ao revés, é dicir, comezando a fenda cara ao nó e rematando a uns 3 mm del. A seguir, podemos probar a ver se soa, introducindo toda palleta na boca, sen tocar cos labios, e soprando para que faga vibrar a nosa gaitiña. Se o conseguimos, pasamos á realización dos buratiños. Facemos dous cortes en bisel para cada un deles, pois se queremos cortar perpendicularmente, corremos o risco de que nos rompa. Estes furados deben estar separados sobre 1,5 cm. O número deles varía en función do longa que sexa a palla. O ideal serían sete, pero como o importante é que soe, dános un pouco igual que sexan menos.