Frauta de castiñeiro
Chega a primavera e comeza a etapa musical por excelencia. Non só a nivel de colorido senón tamén de cantos e trinos de paxaros diferentes, así coma de insectos e outros animaliños. É o espertar da natureza e con ela o da xente, en xeral, e dos nenos e nenas, en particular. Xa o dicía o poeta do hilozoísmo, Luís Amado Carballo:
“O xílgaro máis alá con voz de tipre barata acomete unha fermata de ópera italiá, e o cuco no piñeiral con gran degaranza proba na frauta do trinque nova tod´a escala natural”. |
En Portugal, coñecidos son a flauta, gaita ou pífaro e pífana. En Eivissa, confeccionaban esta frauta en cana e denominábana xeremia. Noutras destas Illas Balears, falaban de flabiol, flauta de canya, … En Euzkadi, txibilitua, en xeral para estes instrumentos. En Francia recibían o nome xeral de chalumeau (unha frauta rústica), pero podían tamén chamarse musette, pipette, trompette, sonette, bouèze, tcharamel ou coromelo. Á que era igual á nosa, pero só de cana, moitas veces engadíanlle na punta un anaco de cabaza seca para que resoase máis. En Brasil denominaban a este tipo de instrumentos, gaita e podía ser feita de talo de mamoeiro, carrapateira ou taquari. En Sicilia falaban de clarinetto di canna, zammaruni ou cannizzola.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Un rebento de castiñeiro de 2 cm de grosor por uns 30 cm de longo e unha navalla. TEMPO: Uns vinte e cinco minutos ou media hora. ESTACIÓN: Primavera. |
Temos que procurar un rebento de castiñeiro ben recto e coas medidas antes descritas. Conseguido este, collemos a navalla, iso si que estea ben afiada, e cortámoslle a cabeza máis delgada e deixámola ben perpendicular. Para facer este labor, debemos darlle un corte derredor ao rebento, nesa parte devandita, e ímolo rebaixando en forma de bisel pola parte que imos tirar. Seguimos facéndolle outro corte e quitándolle os anacos ata que se remate, deixándoa lisa. A uns 20 cm cara ao outro estremo facémoslle un corte ao redor só cortando a pel. A seguir, a uns 2,5 cm da cabeza, realizamos unha fenda triangular en forma de bisel. Logo disto, a 1´5 cm do corte inicial, realizamos sete buratos de 0,5 cm de diámetro e separados 1,5 cm entre si. A continuación, coas cachas da navalla, frotamos con forza a casca do pau, todo arredor, coa intención de que vai soltando a pel. Cando vexamos que sae un zume, quere dicir que xa está preparada para o seguinte paso. Agora, agarrando o pau cunha man pola zona sen frotar, xiramos a pel frotada coa outra ata que solte devagariño. Quédanos un tubo feito coa casca e tamén o pau coa madeira á vista. Neste momento, a partir da marca feita na fenda en forma de bisel quitámoslle unha lasca de madeira, rebaixando unha miguiña máis cara á punta. Cortamos esa porción de madeira desde onde comeza o bisel ata separala do resto. Quédanos así un taco, que introduciremos nesa mesma posición que estaba anteriormente, no tubo de casca. Xa podemos probar a soprar e, se cadra non soa. Se acontece isto, probamos a tapar o outro estremo co dedo e, entón se funciona, cortamos un taco, de 1 cm de longo, .do pau que quedou e introducímolo no devandito estremo. É probable que funcione. Se aínda seguise nas súas, rebaixamos a inclinación do pau da boca. De non conseguilo, practicamos o mesmo con outro pau novo, ata logralo.