publicidade hoxe

Carraca de mango de vasoira

canas-paso-1Ai, ese rabo da vasoira case tiña máis utilidades có propio e común de agarrarse a el para varrer. Unha vez rematados os seus días de traballo a vasoira, o seu mango convertíase en peza cobizada para argallar, sen esquecer o de servir de arma a unha nai cansa das falcatruadas dun fillo ou filla, para facerlle vir ao rego. Como argalleiro podía mudar nun carrizo, frauta, asubío, cichón, machucamoras, estraloque, … e, por suposto, nunha carraca. Pódese comprender entón o buscados que estaban, sobre todo nos lugares en que non existía este material á man en plena natureza.

O seu uso, ben sexa feita de madeira ou de cana, vén do seu emprego na Semana Santa, cando por mor da morte de Cristo, non se empregaban as campás para anuncio, pois era o tempo das tebras. A partir deste uso foise popularizando cada vez máis, mesmo para escorrentar os paxaros das leiras labradas.

É este un enredo moi popular en toda Europa e parte do mundo, así como, por suposto en toda a Península Ibérica. En Galicia tamén recibe outros nomes, ademais do coñecido carraca: tastarabás, rincha, roncha, relo, matrácola, trécola,… En Euzkadi chamábanlle karraka. Nas Illas Baleares, xorrac de canya. En Eivissa, roncador. En Cataluña, garreu de canya. En Portugal, reco-reco, rela, reque-reque e cegarrega. En Francia, la crécelle. En Italia, raganella, cirrìu, firrialoru, cicarr´, tirruòzzua, zigàla dla stmana santa, compièta ou cantarana. En Estados Unidos era empregada na noite do Halloween e denominábana rattletrap.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Un taco de madeira, ben seca, de 10 cm por outros 10 cm e 1,5 cm de grosor; un pau seco duns 20 cm de longo por 3 cm de grosor; un tubo de cana duns 60 cm de longo por 3 cm de diámetro con tres ou catro nós; unha navalla, un compás, un tarabelo de 1 cm de diámetro e, se queremos rematar antes, unha serra para facer os dentes da roda.

TEMPO: Unha hora e media, máis ou menos.

ESTACIÓN: Calquera época do ano.

carraca-vasoira-paso-2 carraca-vasoira-paso-3 carraca-vasoira-paso-4 carraca-vasoira-paso-5 carraca-vasoira-paso-6

Comezamos por procurar o centro da táboa de 10 cm de lado, para o que temos que trazar as diagonais dese cadrado e, xusto onde se crucen, alí será o devandito punto central. Aquí colocamos a punta do compás e marcamos a circunferencia inscrita nese cadrado, para posteriormente recortalo coa navalla, ata conseguirmos unha roda. Neste lugar central, facemos o burato de 1 cm de diámetro co tarabelo, procurando deixalo ben redondiño. A continuación, imos facendo nos dentes, o máis igualados posible e que teñan 1,5 cm de profundidade e 0,5 cm de anchura na punta. Se queremos que esta tarefa sexa máis precisa, podemos marcalos antes cun lapis. Feita a roda dentada, apañamos o pau seco de 20 cm e, nun dos extremos, facémoslle un rebaixe todo ao redor de 5 cm de longo e ímolo rebaixando ata que ese extremo entre no burato da roda moi axustado, pois non pode xirar, senón non nos valería para accionala.

carraca-vasoira-paso-7 carraca-vasoira-paso-8 carraca-vasoira-paso-9 carraca-vasoira-paso-10 carraca-vasoira-paso-11

O mango debe ficar duns 10 cm de longo, para que nos caiba perfectamente a man. A seguir, a uns 10 cm do nó do extremo máis groso, facémoslle un burato duns 1,1 cm que atravese a cana. Perpendicularmente, a uns 4 cm do nó, facemos un corte transversal e a uns 8 cm deste, facemos outro. Collemos outra vez a navalla e facemos unha fenda lonxitudinal a cada lado e entre estes dous cortes. Puímos os laterais e as cabezas e ficaríanos un burato de 2 cm de ancho por 8 cm de longo. Para facermos a palleta, prolongamos estas dúas fendas ata cerca do nó interior. Podemos aproveitar este momento para rebaixar unha miguiña a cara interna da palleta, para que vibre con xeito. Dámoslle a volta á cana e realizamos a mesma operación anterior, pero agora deixando un burato de 6 cm de longo a ambos lados do oco feito para encaixar o eixe da roda. Para montar a armazón, comezamos por sacar o eixe da roda, introducimos esta pola polo burato de 12 cm, empurrando un pouco a palleta para arriba e cando nos coincidan os dous buratos, da cana e da roda, introducimos o mango. Xa estaría montado o trebello. Para accionala, agarramos fortemente polo mango e xiramos de maneira que a palleta, ao rozar cos dentes, produce un ruído enxordecedor. 

carraca-mango-vasoira

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 5 de Maio do 2017 | 11:11 a.m.

Outros temas de Picaraxadas