publicidade hoxe

Tarabela de carozo de millo

folla-millo carozos-de-millo

Xa dende sempre, en todo o mundo, os nenos e nenas pasábano de medo con pequenos muíños de flores e follas, polo tanto, moito non lles duraban, pero como di aquel dito: ”Mentres dura, vida e dozura e logo, esperanza nosa”. Poñíanlles nomes de animais voadores coma libeliñas, bolboretas… Non obstante hoxe, como di ChristineArmengaud no seu libro “Jouets de plantes”, prefiren falar de avións ou helicópteros. Os tempos mudan e hai que adaptarse.

En Galicia tamén recibe outros nomes como voadora de eucalipto, tarabenla, tabenlae, segundo nos informa Antón Cortizas, na súa Enciclopedia dos brinquedos tradicionais, “Tastarabás”, tamén é coñecida polo curioso nome de vidrines, facendo homenaxe e recoñecemento a un afamado aviador dos anos cincuenta do século pasado, coñecido por este nome, precisamente.

En Portugal era moi coñecido este brinquedo que consistía, simplemente, nunha folla de eucalipto atravesada por unha pequena palla, que se agarraba pola punta e elevábase ao vento e funcionaba coma unha hélice; denominábano aviaozinho. En Francia téñenas feitas con follas de plataneiro, introducíndolle o pecíolo da folla nunha cana, tournette de platane ou mesmo cunha folla soa de acivro, suxeitada polas puntas das espiñas e, ao soprar, xiraban, tournette en feuille de houx. En África, en Malí, fixaban dous rectángulos de folla de palmeira, cunha espiña grosa, a un talo de millo e denominábano, gililigilili gala. En Vietnam facíana coa flor do hibisco, furada polo medio cun pelo ou fío, que se movía ao soprar ou ao correr. En Costa de Marfil cortaban dous anacos opostos e inversos dunha folla de mango, fanlle un burato polo centro, no que pasan unha cana que fai de eixe e logo póñense a correr.

ASÍ SE FAI

MATERIAL:Un carozo de millo, un pau de 0´5 cm de diámetro e 5cm de longo, unha casca de eucalipto e unha navalla.

TEMPO:15 minutos.

ESTACIÓN:Outono e inverno, ou calquera outra, se temos os carozos de millo.

tarabela-de-carozo-paso-1
tarabela-de-carozo-paso-2

Procuramos un carozo de millo, o suficientemente recto e dun tamaño xeitoso, para podérmolo agarrar ben. Deseguido, collemos o pauciño pequeno de 0,5 cm de diámetro e aguzámolo, deixando na parte superior unha base máis ancha, con forma de cabeza de cravo ou semellante, para que non se coe pola fenda que, a continuación, lle temos que facer á casca do eucalipto, xusto no centro dela, para que funcione á perfección. Unha vez que arranxamos o pau, tratamos de introducir, paseniñamente, a súa punta no medio e medio da base do carozo. Despois de realizado este labor, só nos queda introducir o pau na fenda da casca, ao tempo que o espetamos no devandito carozo, deixándoo unha miguiña frouxo, para que xire convenientemente a casca ao ser impulsada contra o vento á hora de corrermos con ela diante nosa.

tarabela-de-carozo

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 12 de Decembro do 2016 | 10:25 a.m.

Outros temas de Picaraxadas