publicidade hoxe
Xosé Vázquez Pintor - Cabecera

Xosé Vázquez Pintor

Vázquez PintorAínda que nado en Melide en 1946, a infancia e xuventude de Xosé Vázquez Pintor transcorre en Agolada. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación exerce dende hai anos como profesor de ensino medio.

Con gran vinculación á escena, funda os grupos teatrais Ancoradouro e Casa da Bola, en Cangas, a súa localidade de residencia. Labor que compaxina con diversas colaboracións en radio e prensa, pois foi membro fundador do semanario A Nosa Terra.

En canto a súa faceta como escritor, cultiva poesía (Gándaras, Terra e pan, O espertar tamén é noso, Ofidios de diario, Na vertical da noite, No corazón mancado, Rotazón violeta, Banzados), ensaio (de carácter antropolóxico: Os vellos oficios, A tribo sabe), narrativa (De ida e volta, Lume de biqueira, Quen faga voar, A memoria do boi) e teatro (A fraga encantada, A sombra da memoria e Teatro do patacón).

A súa calidade literaria acadou numerosos recoñecementos entre os que destacan os premios Eduardo Pondal, Cidade de Ourense, Esquío, Uxío Novoneyra, Carvalho Calero, Torrente Ballester ou o Premio da Crítica Española.

O xornalismo érguese como unha das súas grandes vocacións contabilizando diversas colaboracións en xornais como El Ideal Gallego, A Nosa Terra, Faro de Vigo ou La Voz de Galicia, en radios como SER-Galicia  e mesmo en debates televisivos na Televisión do Morrazo.

Vázquez PintorQue queda daquel escritor que gañou o seu primeiro premio no ano 1973 por Pousafoles?

Queda a memoria feliz e os agradecementos. Case corenta e un anos despois desta data sigo soñando Lingua, Terra, Mar e Ceo galegos: a pousa permanente nesta atmosfera feliz cara á esperanza de estarmos cumpridos de por vida e obra, en lealdade cos ancestros e cos futuros. Citas “Pousafoles” e arestoras recibo o convite para asistirmos ao cincoenta aniversario de celebración d´O Facho, pioneiro nas entregas a prol da cultura e ánimo de noso, que resiste na cidade d´A Coruña: medio século de vida e obra en certo, sen renuncias. En min ficará sempre aquel conto infantil do sapiño, que aínda canta comigo insubornábel nas primaveras e nas noites de resolio. Eran soño de inicios, renascencias, ousadías cara ao alén das sempre vidas, sen dúbidas e sen desconfíos. Era a miña primeira sorte pública no eido da literatura; e na feliz compaña de Paco Martín, Manoel  Lueiro Rei e Eliseo Alonso: os catro nominados dos Premios de Contos Infantís “O Facho”. Corenta anos. O tempo coma un lóstrego. E na andaina a maxia da Literatura para a infancia, en medras, non só literarias senon tamén as marabillas das ilustracións, coma fulgores. Aproveito para dar as tantas veces grazas e parabéns. Así, no meu caso, a nena Noa Frías Nores e os nenos Pablo Avilés Diz, Serxio Calo Novas e Cibrán Ríos Entenza;  Paco Lareo, María Sánchez  Lires, Andrés Meixide e Manoel Fragoso, que ganduxaran con primor “A fraga encantada” (Xunta de Galicia, 1987), “Sala de espera” (Edicións Fervenza, 2001),“A folla seca”(Sotelo Blanco, 2002),“Asubío, Fina e Petra, xente moi lareta” (Everest-Galicia, 2006), e “Teatro do patacón: Os pés do vento” (Edicións Fervenza, 2008). Aínda é a nosa sorte. E nunca renunciamos.

Ti es hoxe un escritor que tocou todos os paus da literatura: Poesía, Relato, Novela, Ensaio, Teatro, e en todos con éxito de abondo. Cal é o segredo desa polivalencia xenérica?

Non hai segredo. Hai amor e ousadías. Cadaquén un mundo seu que necesita emerxer dende a solaina. Noite e día ensoñación e sorte.

Es un home e un escritor comprometido coa realidade e coa cultura deste país. Cal é hoxe, segundo o teu xuízo, o panorama social e cultural que vivimos?

Vázquez PintorA lúa anda no minguante (que ten un dobre valor cando non vai eivada) e o sol en sombra ou cacharelas. O contradito case sempre seica foi así. Son os nosos astros con espello. O mundo Gallaecia é o recantiño natural que ten de seu a prehistoria digna no granito e nas estrelas; mais…o paso do tempo venta solano ou travesío e o futuro da vida é case sempre unha poutada, un couto. Velaí vén polo noso mes de maio o Xosé María Díaz Castro, o Poeta dos Vilares, coa Penélope Atlántica, máis grandeira acaso cá fición. O panorama pode ser unha orquestra de moda ou o realismo suxo de ocasión: predador, afoute e descarado que nos manca e doe dende o repaso das idades. Con/fiamos aínda na roca  namentras alguén dos algures ispe cada vez máis a nosa terramar dende os tantos anos das esperas. O ceo aínda non pinta solidario. “Aran os bois e chove”. Mais o outro tempo en craro de noso virá.

Tampouco esquecemos que es mestre, e iso ten moito que ver nesa realidade. Por onde vai o futuro do ensino?

Non debería ir xa por onde o levan. O dogmatismo e o rancio do sistema educativo é tamén un couto que conduz arteiramente cara a doma, a ignorancia, o despiste e a penuria. Aburren e creban as mentes. Mais aínda hai rostros e voces limpas, fermosas, solidarias, cultas… Dende a solaina da miña xubilación véxoas vir e seinas, son futuros, atmosferas onde a vida sabe e quere sempre estar. Espabilar: é o designio fronte ao resignio. Dende xa.

O teu compromiso cos oficios tradicionais deste país plasmouse nunha fermosísima triloxía que publicaches con Xerais: Os vellos oficios, A tribo sabe e Tal era vivir. Que temos que aprender dos homes e mulleres protagonistas desa triloxía?

Son os libros das entregas máis fermosas e agradecidas que teño visto: dende a oralidade á escrita. A maxia da nosa Lingua pousa na casa dos obradores e o tempo aquece, hai mornura, historia, sabedoría e esa luz dos ollos coma soles que non cesan de ver e de mirar. Un namoro de convivio. Unha dozura. Un xeito distinto de dicir. Unha multiplicación de efectos e de afectos. A familia en pé. E sobremaneira a temperanza e o rigor de ser autentes na historia grande dos vellos oficios da Gallaecia. Os nomes dos lugares, os nomes propios de cadaquén, o tempo a medrar sen couto, as travesías das anécdotas, a sorte dos futuros, o optimismo, aquel orgullo san e salvo, a voz da aldea e da parroquia, os iconos nas vilas e nas urbes, a trashumancia, o cariño, a resistencia. Nunca esquencerei tanta boa caste da memoria e vida! E aquel torque dos obradores de Tui, que conlevo comigo en agasallo, sempre.

OUTRAS OBRAS

Narrativa: De ida e volta (Ed. Castrelos, 1975); Lume de biqueira (Ed. Xerais, 1999); Quen faga voar (Laiovento, 2000); Mar de bronce (Ed. Xerais, 2003); Para dicir abril (Ed. Sotelo Balco, 2008); Máis vidas ( Espiral Maior, 2009); Antípodas (Ed. Xerais, no prelo)

Ensaio: Os vellos oficios (Ed. Xerais 1.996); A tribo sabe (Ed. Xerais, 1999); Tal era vivir (Ed. Xerais, 2004); A Terra do Medio (Ed. A Nosa Terra, 2009)

Xornalismo: Columnas de papel,  1 (Ed. Morgante, 2013); Columnas de papel, 2 (Ed. Morgante, no prelo)

Poesía: dez libros, compilados na Seara. Obra Poética, 1971-2011 (Ed. Espiral Maior. Poesía)

Houbo, na túa carreira literaria, un antes e un despois de A memoria do boi?

Si. Era no ano 2000. A terceira novela das miñas ousadías. O diferente está en que Boapedre (Pontevedra) existe, apropieina nun ascenso das atmosferas da vida, xa era miña. Namoramos os dous naquelas case dúas horas da mañá cedeira en cada martes. Eu tíñaas ensoñadas no Instituto; e a cidade tamén. Cadramos xuntos no outono e inverno. Era o silencio. Era a pedralaxe, era a pedra primixenia, eran as idades, era o conforto dunha arquitectura sorprendente, eran as ruelas, eran as prazas, era o pálpito da vida terra-mar… Aquela xente da miña inventiva solidaria, cómplice, namorada. E outra vez o silencio, ese mundo das cavilacións e dos adentros. Fómonos dando bicos de auga e de sede. Anunciaron os premios dende lonxe e choveu café. Un aturuxo ben forte pola vida que nos cadra. Velaí as diferenzas cos outros libros. Se antes xa era afortunado, agora e despois tamén o son.

Por último, en que andas a traballar agora?

Remexo nas arquivos de moitos anos. Aparecen cousas e cousiñas. Rímonos moito elas e máis eu. Nesta primavera agardo  pola benvida da novela “Antípodas”, en Edicións Xerais, e tamén pola segunda entrega das “Columnas de papel”, que edita Morgante.

Vázquez Pintor

Por:
Publicado o 16 de Xaneiro do 2014 | 11:32 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura