publicidade hoxe
Manuel Cabada: “O coñecemento por si mesmo non é garantía de felicidade para as persoas” - Cabecera

Manuel Cabada: “O coñecemento por si mesmo non é garantía de felicidade para as persoas”

Manuel Cabada

Manuel CabadaUnha sociedade sen progreso técnico non é nada. Ata aí todos de acordo. Pero por moitos avances que teñamos, de que nos valen se non somos quen de ser felices? E seremos quen de selo se non entendemos o que somos, o que nos rodea, para que estamos aquí ou o significado da morte? A cuestións coma estas dedicou Manuel Cabada a súa vida e os seus escritos. Os seus estudos de Filosofía e Teoloxía servíronlle, máis que para responder preguntas, para ser quen de formulalas. Acadara ou non a resposta, unha cousa é clara, hai algo máis san que a reflexión?  

Manuel CabadaNome e apelidos: Manuel Cabada Castro

Un lugar: Sabucedo (Pontevedra)

Un hobby: andar polo río coa cana por se a algunha troita das grandes lle dá por alí e pica

Unha comida: polbo á galega, e se non, á feira

Unha virtude: o traballo (no caso de que sexa virtude)

Un defecto: deitarme tarde á noite (no caso de que sexa defecto)

Un soño: que todos poidamos durmir e soñar tranquilos todas as noites da nosa vida

Segundo Aristóteles “o desexo de saber é o que levou sempre ós homes a filosofar”. Cúmprese esta máxima no seu caso? Foi a súa curiosidade polo mundo que o rodea a que o levou a estudar filosofía?

Si, a filosofía sempre tirou e segue a tirar de min. Entendo a filosofía, non como mera técnica lóxica e discursiva ou como simple información, senón como esa paixón que nos vén non sei moi ben de onde, por explicarnos a nós mesmos que é o que somos, o que estamos a facer no mundo, o que é este mundo, o que son as cousas que pasan, o por que e para que nacemos, vivimos e morremos. A min paréceme que todos nos formulamos algunha vez esas preguntas, esas admiracións, esas dúbidas e eses medos. Si, teño curiosidade por todo, mais o tempo non dá case para nada.

E como decide dedicar a súa vida a estas cuestións?

Hai moitos anos, cando eu era case un adolescente e estaba a ver que faría da miña vida, facíalle por escrito preguntas a un dos nosos educadores (como as que lle facían tamén outros compañeiros meus). Unha vez respondeume así: “Fas ti máis preguntas que todos os demais xuntos”. Era eu máis “curioso” cós outros? Non o sei. Mais, se era verdade que eu facía máis preguntas cos outros, a que se debía iso? Ou é que cada un temos mundos distintos? Non sería xa iso o comezo do meu amor a sabedoría, é dicir, o inicio do meu querido pensar ou filosofar?

Polo de pronto, agora xa fixo máis preguntas ca min… (Risas). Filosofía e Teoloxía, dous saberes que ás veces se complementan e ás veces poderíamos dicir que se contrapoñen, non é así?

Así como hai moitas maneiras de facer filosofía, o mesmo ocorre coa teoloxía. A min paréceme, como lle parecía tamén ó meu mestre K. Rahner, que non pode haber boa teoloxía alí onde non se dá a paixón polo pensamento, chámese este filosofía ou non. Por iso un bo teólogo non lle debería ter medo á filosofía, senón ter polo contrario fondos degoros de beber das súas augas. En cambio, un bo filósofo non ten en principio por que converterse nun profesional da teoloxía. Iso si, respecto e atención cara a ela deberao ter sempre, pois a filosofía non pode excluír da súa reflexión ningunha manifestación humana, sexa esta política, social, científica ou relixiosa.

“Todos nos preguntamos que estamos a facer no mundo, o por que e para que nacemos, vivimos e morremos”

Precisa a sociedade actual de máis coñecementos neste senso? Digamos que quizais poderiamos abrir máis a nosa mente se houbese máis interese por comprender o que nos rodea?

Ó meu ver, son erróneos e prexudiciais determinados intentos políticos de diminuír e desvalorizar a importancia dos estudos humanísticos, filosóficos, etc. nos plans de estudos. Estamos a ver hoxe en día de modo bastante claro que os coñecementos e o progreso técnico, por si mesmos, non son garantía suficiente de felicidade e de benestar para as persoas, as sociedades e as mutuas relacións entre os países e nacións. Sen algún modo de técnica non se pode vivir, mais só con ela tampouco.

Manuel CabadaDurante 35 anos foi vostede secretario de redacción da revista “Pensamiento”. En que consistiu o seu labor? Cal era a actividade desta publicación? E, como evolucionou ó longo de todo este tempo?

Despois do verán do ano 1969, tras rematar os meus estudos de doutorado na Universidade de Múnic, ofrecéuseme este cargo. Había que facer de todo: estar en contacto coas editoriais e cos especialistas ou profesores dedicados á filosofía de diversos países en relación con recensións de libros ou cos artigos a publicar, etc. Este servizo de intermediación foime de feito moi útil para acadar coñecemento concreto e actualizado da situación do pensamento filosófico a moi diversos niveis. Serviu ó tempo para a promoción de distintos investigadores e profesores, que precisaban de publicacións para o seu ascenso académico, dado que a revista “Pensamiento” estivo de feito sempre aberta para calquera escrito orixinal de valía científica.

Outras dúas temáticas ás que tamén lle prestou gran atención foi á histórica, e a Galicia e a lingua galega. Como se materializa isto? É dicir, que temas en concreto tratou neste senso?

A dimensión “histórica” do pensamento foi para min sempre importante. De modo que unha “pura” sistemática filosófica non me interesaba, ademais de ser sospeitosa en si mesma. Isto non quere dicir en modo algún, que os problemas chamados “metafísicos” non me interesasen. Todo o contrario. Seguramente foi iso, xunto coa miña fortuíta dedicación docente a temas antropolóxicos, o que me foi paulatinamente levando cara á redacción de diversos artigos e estudos en forma de libro relacionados sobre todo con temática galega. Ó fin e ó cabo, é Galicia o país e a cultura en que nacín e me criei, aínda que por razóns moi diversas tivese que vivir durante moitos anos fóra dos seus límites xeográficos. É así como xurdiron estudos concretos sobre varios protagonistas do galeguismo político, sobre a situación subordinada e dependente da lingua galega, etc. Sempre pensei e sigo a pensar que un debe devolver á terra e cultura nas que naceu e se criou algo polo menos do moito que delas recibiu.

“Fixen traballos sobre a Rapa das bestas de Sabucedo, sobre o ritual da Queimada… Un debe devolver á terra e cultura nas que naceu algo polo menos do moito que delas recibiu”

Publicou múltiples estudos e artigos. Cal foi para vostede o máis destacado? Con que tema ou investigación se sentiu máis realizado?

Referíndome só a publicacións de temática fundamentalmente filosófica en forma de libro, teño que dicir que foron todas elas resultado de fondas preocupacións persoais e intelectuais no momento concreto en que se escribiron. De modo que debido a iso me resulta un pouco difícil comparalas entre si de maneira atemporal. Cando escribía “El Dios que da que pensar” era o tema filosófico e antropolóxico de Deus o que me preocupaba. O tema do impulso vital humano, da vida en si mesma, constituíu o centro de “Querer o no querer vivir”. E, por suposto, o tema do amor non podía ficar ausente: “La vigencia del amor” é así unha ampla visión desta grandiosa forza humana. Finalmente aparece unha obra que xira toda ela arredor do que a estas alturas da vida consideraría eu como o segredo último da realidade toda: a súa infinitude. Infinitude, polo tanto, non só de Deus, senón da realidade toda aínda que doutra maneira. Por iso, se me obrigasen a escoller, quedaríame quizais con este último e extenso estudio, “Recuperar la infinitud”, para min posiblemente o máis orixinal e novidoso de todos ó ser tamén fillo da madureza dun longo proceso reflexivo persoal.

Manuel CabadaSe botamos un ollo ó seu currículo, os seus estudos levárono por distintos colexios e universidades, primeiro fóra de Galicia e despois fora de España. Formouse en Alemaña, non si? Como recorda aquela etapa?

Cando cheguei a Alemaña a mediados da década dos anos 60 xa cursara catro anos de teoloxía na universidade de Innsbruck. De modo que podía dedicarme ós estudos de doutorado en filosofía na universidade de Múnic sen ter problemas coa lingua. Os meus anos que podería chamar “europeos” (pois a España da ditadura tiña pouco de europea) foron anos de liberdade de actuación e de pensamento a moitos niveis. Liberado das presións e cautelas políticas propias do franquismo, un podía escoller libremente profesores e materias de estudo nunha atmosfera intelectual de liberdade e fondura de pensamento. Polo demais, o contacto con outras culturas e modos de ver a realidade abríronme novas posibilidades. Tamén a valía e competencia de diversos docentes ou investigadores cos que puiden relacionarme sería moi importante: K. Rahner (director da tese de doutoramento en filosofía), Max Müller (filósofo), Ph. Lersch (psicólogo) e outros máis ós que sería longo nomear aquí.

 Considérase afortunado nese senso?

Sen dúbida. Foron moitas as persoas e institucións de alá e de aquí que me apoiaron e axudaron nestes anos de formación fóra de España. Polo menos unha delas si que debe ser nomeada aquí explicitamente: a Fundación March, que me ofreceu constantemente o seu apoio económico durante todo o tempo de estancia en Alemaña.

“As persoas non poden delegar as solucións ós de arriba, é preciso xuntar esforzos e tarefas dende abaixo para intentar realizar aqueles cambios necesarios”

Que pensa cando se fala agora da necesidade das becas Erasmus e de saír fóra a estudar?

Se eu puiden recibir naqueles tempos a axuda das becas da Fundación March (e tamén doutros organismos e institucións) e grazas a iso puiden levar a termo os estudos que pretendía realizar, non podo menos que desexarlles algo semellante ós estudantes actuais. Vivindo algunhas tempadas polo menos fóra do propio país, apréndense cousas que non se encontran sen máis nos libros: modos de vivir, de xulgar, de falar, de comportarse, etc. etc. Ademais, e case coma de rebote, apréndese tamén a coñecer e apreciar a cultura propia, a do país no que se naceu.

E dende a súa perspectiva e a súa traxectoria, como valora a situación actual? Como ve a sociedade e a situación na que se atopa?

Manuel CabadaO mundo e as culturas sempre estiveron en cambio, en evolución, en ruta. Por iso, non é nada doado facer valoracións sobre a actualidade desde perspectivas que son de agora e que quizais non van ter xa ese mesmo valor algún tempo despois. De todos modos, parece que hoxe en día hai que ter os ollos moi abertos para non deixarse levar por calquera proposta de mellorar as cousas. Canta máis información temos, tanta máis ponderación crítica e esforzo intelectual deberiamos poñer en movemento para acertar nas verdadeiras melloras, nas solucións máis xustas. As solucións ós grandes problemas actuais do traballo, da espoliación económica e cultural de moitos por uns poucos, das desigualdades sociais, etc. non poden ser xa só rexionais ou nacionais, senón mundiais ou globais. Mais iso non pode significar que as persoas individuais se inhiban e deleguen sen máis as solucións ós de “arriba”. Polo contrario, é preciso xuntar esforzos e tarefas desde “abaixo” para intentar realizar aqueles cambios necesarios, ós que os de “arriba” tenden a resistirse xustamente pola lóxica e cómoda inercia de sentírense moi a gusto “arriba”.

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 21 de Marzo do 2014 | 10:10 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura