publicidade hoxe
Diego Ameixeiras: “A novela negra debe estar atenta ao que sucede nas nosas rúas” - Cabecera

Diego Ameixeiras: “A novela negra debe estar atenta ao que sucede nas nosas rúas”

diego-ameixeiras-1

Diego Ameixeiras (Lausana-Suíza, 1976) é posibelmente un dos maiores representantes actuais da nosa novela negra dado que practicamente toda a súa narrativa xira ao redor desta temática. A súa primeira publicación foi Baixo mínimos (2004) e a partir de aí foron saíndo novelas coma Tres segundos de memoria (Premio Xerais de Novela, 2006), Dime algo sucio (2009)… Tamén ten participado na elaboración de guións para series da Televisión Galega coma Terra de Miranda / Matalobos / Os Atlánticos.

Falarmos de Diego Ameixeiras vén sendo falar dun dos mellores representantes actuais da novela negra en galego. Amigo Diego, es realmente consciente desta etiqueta literaria que levas na lapela? Nunca te puxeches a pensar de cambiar de apartado narrativo?

Son consciente, por suposto. A novela negra é un xénero moi esixente e con lectores especialmente cualificados. Cómpre traballar arreo para estar á altura das súas esixencias. Nestes dez anos houbo unha soa traición ao xénero chamada Tres segundos de memoria, que nada ten que ver con crimes e delincuentes. Non podo dicir que me fose mal con esa novela porque gañou o Xerais en 2006, pero o que veu despois xirou noutra dirección. E aí me manteño, polo momento.

Nun determinado momento falaron de ti coma “O renovador do xénero negro contemporáneo”. Que sentes cando te ves tan focalizado e ter que seguir a inventar, a investigar….

Paco Ignacio Taibo II, que sempre é moi xeneroso, púxose a repartir eloxios entre varios escritores e algúns tocáronme a min. Foi unha tarde de xullo na Semana Negra de Xixón de 2011. Alí estaban, entre outros, Kike Ferrari con Que de lejos parecen moscas, Cristina Fallarás con Las niñas perdidas e eu con Dime algo sucio. Gardo un recordo moi agradecido de todo aquilo.

Moitas novelas, de temática do máis variado… xamais houbo intentos de que pasasen ao cinema?

Nunca se me presentou a ocasión. En realidade, tampouco é algo no que pense habitualmente, aínda que sería moi estimulante traballar con outro guionista a partir dunha novela miña. Non vexo mellor xeito de aprendizaxe.    

As túas dúas primeiras obras publicadas (Baixo mínimos e O cidadán do mes) pertencen a aquel xénero que nacera alá polos anos vinte chamado “Hardboiled”… Por que a elección deste tipo de xénero que non deixa de ser unha rama, digamos da máis dura, da novela negra?

Baixo mínimos e O cidadán do mes foron un punto de partida. Escribilas foi tremendamente divertido. Por aquela época estaba descubrindo a moitos autores que hoxe forman parte da miña formación literaria. Sempre me gustou o hard boiled, e ese tipo de novelas que fotografaban con dureza extrema a violencia dos baixos fondos dos EEUU. Cun pé da parodia e outro nunha certa inconsciencia, das miñas mans naceu ese crápula malhumorado chamado Horacio Dopico. De paso, comecei a interiorizar algunhas claves deste oficio, que foi o máis importante.

libro-ameixeiras-2Outra curiosidade é que nas novelas negras soemos achar heroes (ás veces máis anti-heroes que heroes) que van pervivindo nas diferentes novelas dun autor (Leo Caldas, Frank Soutelo…) e nestas túas dúas obras Horacio Dopico… Por que esta procura de ligazón entre diferentes obras? Non pensaches volver a botar a andar a Horacio Dopico?

Hai lectores moi fieis aos investigadores protagónicos cuxa evolución persoal se vai coñecendo a través de cada entrega. Supoño que esa lealdade sempre é un estímulo para os escritores que optan por ese modelo. Horacio Dopico non está de alta dende 2006, pero non estou seguro de que estea xubilado definitivamente.

A realidade dixital chegou e con ela o libro dixital… A túa obra Dime algo sucio marcou a andaina do libro dixital de Xerais… Que pensaches cando che ofertaron semellante realidade? Que cres que vai supor esta realidade para a literatura futura?

Eu deséxolle unha longa vida ao papel. Non soportaría que unha novela miña non fose un obxecto físico. Resultaríame traumático non coller entre as mans o resultado de meses e meses de traballo. Dime algo sucio, como Sete palabras de Suso de Toro, abriron o camiño do dixital para Xerais, pero a maioría dos lectores de novelas que eu coñezo seguen optando case exclusivamente polo papel.  

Novela negra, novela policíaca… As máis das veces converxen estes dous xéneros novelescos, algo non moi difícil por outra banda… Con cal das dúas te sentes máis a gusto?

A min gústame mesturar e xogar a confundir esas etiquetas para marcar distancias e deixar ese debates esencialistas para puristas e ortodoxos. Se por novela negra entendemos unha evolución da novela enigma na que tan importante ou máis que o “quen o fixo?” é a análise dun contexto social e político, por suposto que a prefiro á simple exhibición procedural.

Participaches na creación de guións para series da CRTVG (Terra de Miranda / Os atlánticos / Matalobos). Neste mesmo espazo de entrevistas do “noticieirogalego.com” dicíanos Raúl Dans, verbo da elaboración de guións para series da TVG o seguinte: “ Cando dialogas un guión sabes que o teu traballo vai chegar a miles de espectadores con seguridade”, claro que Raúl tiña máis como referente o teatro… Que pensas disto?

Todo o que pasa pola televisión ten un impacto cuantitativo que nin de lonxe alcanza a literatura. Iso é indiscutible. Falando de series galegas de misterio e intriga, a calidade e as audiencias de Matalobos, como agora Serramoura e antes As leis de Celavella, demostran que á xente lle gusta o xénero.

E falando de Baixo mínimos, aquí comezará a andaina do teu heroe Horacio Dopico… E por que lle adxudicas a Horacio como primeira misión o se mergullar nun mundo corrupto institucional? E o espazo ourensán que veremos a seguir noutras novelas túas…

Lembro que quería inventar un Ourense absolutamente caótico e esaxerado no que podían convivir con “normalidade” detectives da tradición hard boiled con grupos violentos dispostos a pasar polas armas aos inimigos da súa ideoloxía política. Todo felizmente inverosímil nunha cidade na que a corrupción, polo contrario, si que forma parte do ADN dos seus políticos.

E co mesmo protagonista, mesmo espazo escénico… chegamos a O cidadán do mes… E a corrupción xa non vai ser exclusiva da clase política senón que a propia sociedade está inzada dela… Mesmo semella que tiñas un bo ollo para ver o que ía ocorrer tras a primeira década deste século…

Ao poder sempre hai que aplicarlle unha crítica o máis feroz posible. Hai dez anos o contexto económico era diferente, pero a corrupción e o clientelismo xa estaban aí. Son consecuencias dun sistema que non funciona.

libro-ameixeiras-3E chegamos á túa premiada novela Tres segundos de memoria (Premio Xerais, 2006) e xa te mergullas máis no que é a situación social, unha sociedade decadente e uns personaxes novos que deambulan por esta sociedade urbana… vamos que nin máis nin menos que o que está a ocorrer tras máis dun lustro en que ti argallaches esta historia…

Daquela ser mileurista era sinónimo de precariedade. Desgrazadamente, agora estamos aínda peor. Moita xente sobrevive con bastante menos. A miña xeración foi a primeira que acudiu masivamente á universidade neste país, pero ese avance veu acompañado pouco despois desa perda de dereitos sociais que hoxe sufrimos. Tres segundos de memoria é unha novela escrita dende o humor, pero creo que contén parte desa frustración compartida.

Intentaches con esta novela acadar unha novela máis realista da sociedade galega ca aquelas historias e aqueles mundos nos que estaba mergullado Horacio Dopico nas dúas novelas anteriores?

Penso que si. A novela retrata o modo de vida duns personaxes que conteñen moitos trazos de xente á que coñecín. A súa desorientación non só ten que ver coa falta de traballo, senón tamén co aspecto sentimental. Non é doado manter a autoestima a niveis aceptables cando un se ve sometido a un desastre emocional, ou cando se intúe que o paso á idade adulta é un camiño cheo de incertidumes.

En Dime algo sucio achamos como espazo Oregón, o submundo, conflitos persoais, familias desestruturadas… nalgún momento estabas a pensar na Auria d’A Esmorga? Poderiamos dicir que esta novela túa sería a de Blanco Amor pero actual? Trataríase dunha volta ás túas dúas primeiras novelas?

A esmorga sempre é un referente ao que voltar. Aí está a lingua que os ourensáns lle escoitamos na casa ás nosas avoas. A traxedia existencial de tres borrachos que naufragan polas rúas da nosa infancia. O realismo sucio antes do realismo sucio. Ese Blanco Amor tan brillante fixou as coordenadas espaciais dunha cidade á que lle senta moi ben a ficción literaria, e que xa estaba dende finais do XIX en Pérez Placer, Álvarez de Nóvoa ou Lamas Carvajal.

Asasinato no Consello Nacional, unha novela que máis ben semella unha galeguización da obra de Vázquez Montalbán titulada Asesinato en el Comité Central, dado que as dúas se moven nas trastendas de dous partidos políticos… aínda que ti cambiaches a Horacio como detective mentres que na de Vázquez Montalbán seguiu a ser Pepe Carvalho…

Buscando un protagonista acabei inventando un investigador vexetariano, orientalista e cun pasado de simpatías libertarias. E efectivamente, entendina dende o principio coma un homenaxe a Montalbán. Penso que é a miña única novela que tivo a dubidosa honra de ser citada por un deputado durante unha sesión parlamentaria.

E volta a Oregón coa túa novela Historias de Oregón… e case de novo nos vemos mergullados dun mundo semellante ao d’A Esmorga…

Historia de Oregón foi concibida para o Premio de Novela por Entregas de “La Voz de Galicia”. Formalmente garda moita relación con Dime algo sucio, pero os condicionantes de espazo obrigáronme a ser moito máis sintético.

Todo OK, a te mergullares no narcotráfico, ese mundo tan galego e que xa aparecera na libro-ameixeiras-1primeira novela negra-policíaca (Crime en Compostela)…

A novela conta a historia de Inés Landeira, unha muller que se involucra nunha descarga de cocaína que acaba resultando unha operación desastrosa. A medida que pasa o tempo, véxoa coma un dos meus personaxes preferidos.

E claro que o mundo da banca non ía pasar desapercibido para a túa narrativa tan diversificada tematicamente falando… e aí encontramos o problema das preferentes na túa novela Matarte lentamente…

Forma parte da novela xunto con outras historias. O que se conta nese fío narrativo de Matarte lentamente é a xénese dunha vinganza bastante salvaxe. As consecuencias da humillación levadas ao extremo. Literariamente, atraénme moito ese tipo de respostas irracionais.

E rematamos, de momento, no blanqueo de cartos coa túa obra Conduce rápido… Desde logo que esta nosa sociedade contemporánea non vai parar, por desgraza, de che fornecer temas e máis temas para as túas novelas…

A novela negra debe estar atenta ao que sucede nas nosas rúas. En Conduce rápido a historia xira en torno a unha relación que se establece entre dous delincuentes que comparten soidades e fracasos. O seu mundo, no sentido emocional, non é moi diferente ao que habita calquera persoa que vive dentro do que se considera como legalidade.

Dende o 2009 cada ano foise publicando unha nova novela túa… Non poderías adiantarnos algo para este 2015?

Espero que haxa outra novela a finais de ano, pero aínda está en proceso. De novo volvo a Oregón.

diego-ameixeiras-2

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 15 de Abril do 2015 | 12:01 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura