Versos e bicos
Se chove atrapa na choiva versos e fai que as pingueiras falen. Se o sol quenta alá enriba, no ceo, atrapa con versos o seu escintileo e faino rir, xogar, rebulir.
É quen de brincar co vento, cantar coa lúa, soñar esperto…
Vive e soña mergullándose nos versos por todos os currunchos da estrada da vida. Unha vida chea de pequenas cousiñas (as realmente importantes). No seu uni(verso) vivir é mirar, ler, pasear, amar, conversar cos amigos, a casa, os seus… e sempre escribir. Para él non pasa desapercibido un amencer, nin un anoitecer no mar, nin un paparrubio na soleira dunha ventá da súa casa.
Xosé Luna, mestre, poeta, narrador, dramaturgo, ensaista, editor, activista cultural sempre comprometido coa cultura e coa lingua galega, con un elevado número de libros publicados e numerosos premios acadados, escribe cunha gran sensibilidade. Os seus versos están cargados de sentimento.
A poesía de Xosé Luna rebule no sol, no xardín da poesía do Foxo, no corazón dos pereiriños, porque é emoción, paixón e vida.
Do abrente ata o solpor // versos, bicos e amor
Unha das últimas cousiñas de Xosé Luna é este poemario, tenro, doce máxico, co título máis fermoso que un poemario podería ter “Versos e bicos”.
Son versos escritos con grande imaxinación, para ese especial mundo infantil ó que el é capaz de chegar conseguindo que xogen, canten e disfruten coa poesía.
Ten Xosé Luna un xeito de escribir que engancha, quizais o segredo estea en que contaxia entusiasmo e ilusión poñendo o corazón en cada palabra.
Bicos brancos // de fino algodón // Soña tranquilo // Mañá sae o sol.
Agora agasalla ós máis pequenos e a todos nós con este libro dos bicos que acadou unha mención de honra na séptima edición do Premio Arume de poesía para nenos.
É este un poemario ameno, alegre, con poemas cargados de tenrura onde os diferentes tipos de bicos pasean polos versos empapados de sentimento, conseguindo engaiolarnos.
Bico aireado // de melindre e mel // Ata mañá // Durme meu ben
Así atopamos bicos de melindre e mel, bicos de aloumiños, bicos louquiños de namorada, bicos de limón, de flores, bicos ao ar, bico do mar e do vento, bicos laranxas (de bos días), bicos vermellos escintilantes, amarelos (longos, duradeiros, deliciosos e pracenteiros), bicos verdes (moi musicais), bicos azuis, lilas, bicos brancos que son os de boas noites.
Unha morea de bicos que nos conquistan e consolan cando estamos tristes.
Facendo poesía da vida con gran sensibilidade, consigue Xosé enfeitizar ós máis pequenos espallando bicos agochados nos versos.
Sementou neste libro fermosos poemas que de seguro van cativar aos pereiriños e a todos nós. Porque el é asi, as súas cousiñas, a súa xente, o seu sentir.
E bicando, bicando este libro vai fascinando…
Parabéns Xosé e moitas grazas por este fermoso agasallo.