publicidade hoxe
Xoán Xosé Fernández Abella - Cabecera

Xoán Xosé Fernández Abella

abella1Xoán Xosé Fernández Abella naceu en Monforte de Lemos o 11 de setembro de 1933. Licenciado en Dereito e mestre, exerceu a súa vocación docente ata pasados os 65 anos, moitos deles en Ortigueira e outros moitos destinos ata que, ao remate, recalou en Roxos ata que se xubilou no ano 1999.

Estivo emigrado entre os anos 1966-1972 en Venezuela, onde publica poemas en “Irmandade” e colabora na emisión radial, Sempre en Galiza. Desde moi novo escribe poesía. De regreso de Venezuela, publica en distintos xornais e revistas, “La Voz de Ortigueira”, O Correo Galego, O Norte de Negreria, Ortegal, Ateneo Ferrolán, Poesía Galicia de Ferrol, Dorna, Encrucillada, Xistral, Tégula, Tabeirós Terra, Augasverso…

Participou na organización da Universidade Popular de Ortigueira, deu recitais e ten poemas musicados por Martínez Vieito.

Na súa obra individual e bilingüe, conta con Poemas Galegos. Inquietudes, hallazgos y otros poemas” (Viveiro, 1976); Escolma de poemas. Espigueo lírico. (Edicións do Castro, 1990).

 

Poeta cunha longa traxectoria (Poemas Galegos cumpre xa 37 anos) ¿Que nos podes dicir de toda unha vida dedicada á poesía?
Asómbrame como pasa o tempo: 37 anos! A vida, a miña vida, como coido a de todos ten moitas facetas: a familiar, a amorosa, a laboral, a amical, etc. Pois ben: O ser poeta inflúe en todas elas, sen dúbida, e trata sempre de levalas ó terreo da autenticidade, o que trae consigo, ás veces, grandes desenganos e sofrimentos. Pero, se un é poeta, pretende non soio escribir poesía, senon tamén vivir a vida poéticamente; é dicir, pretende profundizar sentimentalmente, solidariamente, na realidade que nos sae ó paso. E a alimentarse constantemente dos grandes e admirados poetas.

As túas obras de poesía estiveron moi afastadas no tempo, a inspiración ¿ía e viña?
É verdade que as miñas obras estiveron afastadas no tempo, como dis. Tamén o é que a inspiración ía e viña. Pero debo sinalar asimesmo falla de decisión para publicar e as consabidas dificultades. No que me quede de vida tratarei de publicar aquilo que estime poda valer a pena. Nunca serei autor de moita obra.

Fernandez Abella con Valentín García no Concello da Estrada Estrada

Fernandez Abella con Valentín García no Concello da Estrada

comillas_openHai que loitar por unha Galiza na que se poida vivir e non ter que emigrar. Esa debe ser a nosa tarefa.

Fálanos un pouco da túa vinculación coa vila da Estrada
Coñecín a Estrada e fixen moitos amigos por un grande amigo, que é David Otero Fernández. Na Estrada teño recitado os meus libros, publicado algún, participado en innumerables actos culturais, e, incluso, feito de “escribente” en “O xuízo de Roxelio Pardiñas, “O Cucutruxo””, de Mario Pousa Díaz, etc. Hai un nivel cultural alto e xente de gran valía. Estoulle fondamente agradecido á Estrada, ós seus escritores e ás súas xentes, e quérolle de verdade.

comillas_openComo nos asiste a razón teño a fonda esperanza de que Galiza sexa o que ten que ser: Galiza en galego.

Cal é o labor dun poeta comprometido coa lingua coma ti?
Defendela sempre, tratar de que sexa a lingua normal en tódolos eidos da vida. Normalizala sen oco algún. Darlle sempre o mellor que un poida ter.

Tamén viviches a emigración ¿Como influíu esa circunstancia que tanto afectou a tantos galegos na concepción da túa poesía?
Fun emigrante, pero os verdadeiros emigrantes foron os meus irmáns Manolo e Roxelio, xa no alén, que me levaron a Venezuela. A emigración forzosa é para min un drama dos meirandes da vida e fixo que a miña poesía sentise por ela, por a emigración forzosa, o rexeitamento máis fondo que se poida ter. Hai que loitar por unha Galiza na que se poida vivir e non ter que emigrar. Esa debe ser a nosa tarefa.

abella-3Que nos podes dicir dun compañeiro tan entrañable como foi Avelino Pousa Antelo, co que mantiveches unha relación de amizade fonda e duradeira?
Agradézoche a moi garimosa e certeira pregunta sobre Avelino Pousa Antelo. Foi para min un grande amigo verdadeiro, un irmán maior, un compañeiro, un exemplo, un guía. É un dos valores altos da nosa terra. Xamáis o esquecerei e o seu alto exemplo permanecerá para sempre imborrable no meu corazón.

E para rematar ¿Como ves a condición actual da lingua galega e dos seus falantes?
Lexislativamente a lingua galega está moi lonxe do que ten que ser: non soio ter o dereito a que sexa a nosa lingua, senon o deber de coñecela. Que sexa de verdade a lingua de Galiza. Como nos asiste a razón teño a fonda esperanza de que Galiza sexa o que ten que ser: Galiza en galego.

Por:
Publicado o 3 de Xuño do 2013 | 9:46 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura