publicidade hoxe
Rafael Lobelle: un aprendiz de poeta - Cabecera

Rafael Lobelle: un aprendiz de poeta

rafa-lobelle-5

Rafael Lobelle (Vilameá-Chantada, 1988) é unha das xoves voces poéticas que están a xurdir no noso panorama lírico. A partir do 2012 comeza a gañar certames literarios e recentemente acaba de gañar un dos máis prestixiosos a nivel galego, o “Avelina Valladares” que cada ano se falla na Estrada e que é un dos certames que está a dar a coñecer novos talentos da nosa lírica.

Para quen aínda non saiba quen é Rafael Lobelle, amigo Rafa, poderías facer unha breve presentación?

Quizais podería definirme como un aprendiz de poeta que tenta aprender ós poucos dos bos mestres. Mestres que están nos vellos das aldeas, nos libros que un vai lendo, na música, na arte en xeral, de todo se aprende e todo deixa nun certa pegada. A poesía non se circunscribe a un compendio de versos impresos nun libro, transcende iso e incluso a propia idea do que ás veces consideramos ou non poesía. E digo aprendiz porque como me di sempre miña avoa: “aínda naciches onte”. Sei que aínda son novel nestas lides para considerarme aínda poeta de feito.

Nas veigas verdes do Río de Viana xorde un xove poeta… bebiches realmente destas veigas, deste río, para ambientar, para envolver a túa poesía

Por suposto. A terra na que me criei forma unha parte fundamental da miña poética e incluso da miña concepción da vida. A paisaxe non é aséptica, está cargada de realidade social, de Historia e de emocións individuais e colectivas. Neste libro hai certos sinais que remiten claramente ó meu territorio vital, ás súas paisaxes e á súa historia que quizais só os lectores máis próximos e familiarizados con estas terras cheguen a identificar. A terra latexa sempre dentro dun e todo agroma dela.

rafa-lobelle-1Os últimos certames do premio “Avelina Valladares” foron gañados por poetas mulleres (María Lado, Berta Dávila, Celia Parra, Andrea Porto, María Canosa, Helena Salgueiro e Elvira Riveiro) Pode significar isto que a nosa lírica contemporánea está realmente abandeirada por mulleres poetas? Claro, agora chegas ti e rompes esta cadea lírica de autoría feminina…

Eu son algo así como o interludio desta obra maxistralmente interpretada por mulleres. O pallaso que sae a amenizar a escena nun descanso da función. Vexo algúns deste nomes e non me considero á altura, porque son xente que un vai lendo e que se teñen convertido dalgún xeito en referentes para min.

Estou totalmente de acordo en que a lírica contemporánea galega está abandeirada por mulleres. Por outra banda non é algo de estrañar, que imos dicir dun pobo que ten como principal precursor e referente das súas letras a unha muller chamada Rosalía. Ademais creo que a literatura escrita por mulleres transcendeu os límites dese corpiño que podemos chamar a literatura feminista ou de xénero tan frecuentada (e por outra parte tan necesaria na renovación dos discursos literarios) a finais do século XX. Non quero dicir que esta literatura ou poesía de corte feminista non sexa a día de hoxe igualmente necesaria, que o é senón o é máis, senón que a produción diversificouse e fíxose máis heteroxénea, máis rica en orientacións e isto non fai máis que poñer de manifesto a calidade e capacidade de renovación das autoras galegas.

Por que a túa predisposición pola lírica? Probaches con outros xéneros ou ben os prematuros premios á túa poesía te inclinaron de momento por este xénero?

Teño algo escrito en narrativa, pouca cousa, concretamente en relato curto, un xénero este que me gusta especialmente. Teño gozado abondo da lecturas dos contos de Pavese, Hemingway, García Márquez , Augusto Monterroso, Cortázar, Quim Monzó ou os nosos Bieito Iglesias, Anton Dobao ou Camilo Franco.

En canto á poesía, sempre fun un gran lector do xénero, mais o por que da decisión de comezar a escribir quizais sexa unha pregunta de difícil resposta. Creo que todo rapaz na súa adolescencia sente un certo impulso do poético, que non ten por que manifestarse en coller un bolígrafo e un caderno e comezar a escribir, senón optando por outras vías igualmente poéticas no seu fondo como pode ser a pintura, o debuxo, o cómic, a fotografía… Eu son deses rapaces que le detidamente as letras dos seus grupos musicais de cabeceira, que se emociona coas imaxes poéticas dun filme de Terrence Malick ou coa postal duns raios de sol cruzando as pólas dun amieiro na posta de sol contra o Monte Faro. Un día comezas a escribir e xa non o podes deixar, non con vocación de transcender ou publicar senón por satisfacción persoal, por simple pracer. Os premios veñen logo, e son unha palmada nas costas, un “ánimo e adiante”, que por suposto axudan un chisco máis a crer no que fas.

Falabamos de “premios prematuros”, mais coidamos que a arte non ten idade, máis ben quizais a madurez leve a unha maior reflexión… que pensas disto?

A arte non ten idade, certo. Mais tamén é certo que todo muda, xa o dicía Heráclito, e as motivacións e preferencias non son as mesmas nos diferentes momentos vitais. A arte non obstante, atópase por enriba do tempo, é filla do seu tempo pero igualmente sitúase por enriba del. Isto é o que nos permite emocionarnos diante das pinturas das covas de Altamira por exemplo.

Habitualmente soemos clasificar a obra dos autores en fases tipo: “formación” ou “madurez”, pero o autor non soe ter consciencia deste proceso. Cando un se considera maduro? Cando cumpre a maioría de idade?… Son conceptos ambiguos que responden máis a unha tarefa de clasificación crítica buscando unha finalidade pedagóxica ou arquivística, por exemplo. Acontece o mesmo coa Historia, tiñan conciencia os seres humanos do século XII que vivían nun tempo histórico que despois denominariamos Idade Media?

Son os anos, dende unha perspectiva individual e a Historia, dende unha perspectiva social, os que fabrican a nosa imaxe do pasado, imaxe que precisamos dividir en etapas, clasificar, para poder asumir e comprender dende o presente.

rafa-lobelle-2Vimos por algures que algún que outro devanceiro teu viña de terras de Tabeirós… Foi isto o que puxo no teu punto de mira este certame -ademais doutras circunstancias, claro-?

Os meus padriños residen na Estrada dende fai tempo. O certame xa o coñecía polos medios pois tento estar atento ás resolucións dos premios literarios e ós libros que se van publicando. Si que eles me tiñan comentado que me presentara a este premio ademais de falarme moi ben da “Festa da Poesía”.

Cres que a poesía ten unha forte dependencia dos premios? Son os premios realmente a base para a publicación dunha obra poética? Porque supoñemos que ti, amante do libro en papel, serás consciente de que as editoras non apostan pola lírica, a non ser que esta veña avalada…

Para un autor que comeza, é moi difícil abrise camiño sen o aval dun xurado ou de outros autores xa recoñecidos que lle dean, digamos, a súa bendición. Sen contactos en editoriais, sen amigos escritores, sen cartos para autoedición, só cunha primeira obra entre as mans que pode ser así e todo de gran calidade, non abonda, quedará posiblemente relegada a un caixón. Os premios son unha oportunidade para abrise camiño, por suposto, máis que nada pola transcendencia pública que teñen, en especial entre a xente que permanece atenta ás novidades que van sendo avaladas polos premios. En poesía os premios son importantes tal e como está o panorama editorial galego, en narrativa a cousa cambia, hai máis vendas, máis negocio, máis posibilidades de publicar e a dependencia dos premios é menor.

Se eu teño dependencia dos premios? mirando a miña traxectoria por suposto. Isto non sei se é bo ou malo mais todo o meu currículo literario ata o de agora foi presentado a premios ou certames aínda que estes non supuxeran a publicación. Son un estímulo a seguir para un rapaz que comeza a escribir. Por suposto que o feito de ser recoñecido ou non cun premio non debe ser unha traba a seguir escribindo, unha obra premiada depende moito dos gustos persoais dun determinado xurado máis alá da súa capacidade crítica á hora de decidir.

Parece que até que tes un libro publicado non contas”… Nos tempos en que a rede vén a ser un soporte importante, é real isto que ti dixeches? Poderá a rede acabar co libro?

Non hai que ser inxenuos con este tema. A día de hoxe, o recoñecemento público, a difusión da obra, o feito de saír á palestra do panorama literario chégalle a un autor da man dos libros que ten editados en formato físico ou papel. Un pode ter un blog propio onde colgar os seus poemas semanalmente ou pode editar un libro na rede que polo xeral non vai ter a mesma difusión e recoñecemento que se estivese editado ese mesmo material en formato físico. Coñezo autores que publican na rede e pasan totalmente inadvertidos pese á altísima calidade do que escriben.

O formato papel segue e creo que seguirá nos próximos anos a conservar o seu prestixio; pese ó patrocinio que se lle quere dar ó dixital semella difícil que a rede poida acabar definitivamente co libro. Os grandes inventos da humanidade como o libro non desaparecen da noite para a mañá. O cheiro das páxinas, a rugosidade das follas ó pasalas, incluso o fetichismo do obxecto “libro” semella insubstituíble pola frialdade robótica da pantalla acesa. Mais os tempos dirán.

Ademais, como dicía Ledicia Costas nunha ocasión, todos temos o noso orgullo e queremos publicar en papel. Podemos facer un experimento e dicirlles a tódolos escritores consolidados que publican neste país, que se acabou, adeus ó libro en papel, a partir de agora todos os seus libros serán en formato dixital. Deamos por fin o salto ó dixital… Que dirían os autores? E os editores? E o público?

rafa-lobelle-3Es realmente consciente de que comezas a escribir poesía e axiña os teus versos se ven recoñecidos en diferentes certames e que estes recoñecementos van supor un reto cada vez maior para seguires a escribir?

O reto, de habelo, é mais persoal que cara ó público en xeral ou ós lectores. Se un ten cousas que dicir, se hai gañas de facer poemas e un está a gusto co que escribe, hai unha boa motivación para seguir máis alá dos recoñecementos públicos, que virán despois se veñen. Os recoñecementos non supoñen un reto de ir máis alá para min, non escribo polo feito de facer unha longa carreira literaria, de ter un perfil con moitas obras na Wikipedia. Non me interesa nada diso, non teño vocación de ídolo, nin de escritor de referencia, se hai material novo sairá o que teña que saír e se gusta ou non xa non depende dun, mais o que non pode o escritor é enganarse a si mesmo. Eu reviso moito os meus poemas, retócoos, cambio palabras non por tentar dar a sensación de que a miña poesía sexa máis “madura”, de a ver se gusta ó xurado dun premio de prestixio, senón por puro pracer e satisfacción persoal. Incluso o feito de publicar en papel é máis por esa satisfacción persoal que pola posibilidade de xerar unha comunidade de lectores.

Andar ás apóutegas, a obra coa que gañaches o “Avelina Valladares” poderiamos dicir que é unha obra moi persoal, un percorrer vital da persoa, un percorrer vital cíclico… Por que este existencialismo nunha persoa nova coma ti?

Sempre fun eu unha persoa moi filosófica, moi autorreflexiva. O existencialismo, en canto corrente filosófica, supón unha actitude vital consciente moi complexa, aí está por exemplo toda a obra (e a biografía) de Camus para demostralo. Eu quizais non sexa de xeito consciente un existencialista filosófico, si alguén impregnado do saber da Terra, dos falares dos vellos, tamén de certos saberes da Historia da Filosofía cos que me identifico. Quizais haxa certo resaibo pesimista na miña escrita, porque eu son un pesimista no sentido de gramsciano do “pesimismo da razón, optimismo da vontade”. O pesimista filosófico anticípase á desgraza e prepárase para ela e aínda no mellor dos casos, evítaa. Dubida de todo antes de pasalo polo prisma da razón, da ética, desconfía dos falsos ídolos, dos cantos de serea e bailes de serpes. En realidade, no fondo, como dicía Saramago “o pesimista é un optimista pero ben informado”.

Na obra antes aludida fas frecuentes alusións a escritoras e escritores da nosa literatura actual. Cal é o motivo desta poderiamos chamarlle “metaliteratura”? Cales son os e as poetas onde bebes? E o estilo?

As citas que aparecen no libro están escollidas e recollidas das obras dalgúns dos escritores que vou lendo. Poderían aparecer outros/as, mais dábase o caso de que viñan perfectamente a conto da idea que quería introducir. Non se trata de citar por citar, pese a que se poida pensar que isto reporta prestixio ó texto, en especial nun autor novel que quere abrirse camiño e presentarse así como un bo coñecedor do panorama literario galego e internacional.

Creo que na literatura galega hai sobradas voces poéticas de calidade, en especial poesía escrita por mulleres, nomes como Berta Dávila, Olalla Cociña, Xiana Arias, María do Cebreiro, Dores Tembrás, Lupe Gómez ou Oriana Méndez…

En canto ó estilo, gústame unha poesía que foxe da linguaxe retorta e excesivamente críptica, poesía directa, clara pero que á vez manteña certa estética do poético. Gústame tamén a poesía de resaibo surrealista con versos claros pero inconexos. Hai unha enorme diversidade de estilos, quizais o máis difícil sexa ir atopando o teu propio que permita identificar a orixinalidade da túa obra.

Primeira parte da obra, comezo dunha viaxe interior, marcada por títulos como “abrente”, “aviando o macuto”, “partida”, “precursores”… Estamos a falar da primavera da vida ou máis ben un camiño cara ao incógnito, cara un futuro incerto…? Mais, esta primeira parte remata cunha “tronada”… como poderiamos entender a fin deste inicio do camiño vital cunha treboada?

A primeira parte do libro ten unha vocación máis introdutoria, con poemas curtos que transmiten sensacións diversas que lle acontecen a voz poética no momento da partida. Hai certo compoñente de incerteza, mais que é o futuro senón incerteza? de inocencia vital, de andar a gatear con cueiros como se di no último poema desta parte. O que poderíamos chamar a tronada vital supón un punto de inflexión, unha crise interior que proxecta á voz poética cara unha maior madurez que imos atopar na segunda parte, onde atopamos unha voz máis consciente do que hai arredor, crítica co social, consciente tamén da traxedia do real.

Os problemas da vida comezan na segunda parte con títulos tan suxestivos coma “esmagar os toxos bravos cos pés”, “serpes no camiño”… mais, vemos que estes problemas xa non son da persoa senón que máis ben da propia sociedade… Até que punto pretendes mesturar os problemas da madurez da persoa coa realidade social? O trocar o “eu” polo “nós” é para amosar esa simbiose persoa-sociedade?

rafa-lobelle-4Estou de acordo. Nesta segunda parte ímonos atopar como dicía, cunha voz poética máis madura e especialmente crítica, incluso hai crítica aceda nalgúns momentos, tanto no plano individual coma no social. O social condiciona o individual, isto é algo innegable, ninguén pode evadirse completamente do seu contexto, da súa realidade, aínda sen estar de acordo completamente coa idea de que a realidade que un vive determina o tipo de pensamento dos suxeitos que a viven ou sofren. Rexeito ese estrito determinismo materialista, a Historia danos exemplos abondo de suxeitos que transcenderon a realidade na que medraron ou viviron. Na desgraza pode xurdir a xenialidade. Non neguemos as potencialidades da individualidade á hora de afirmarse sobre un contexto económico, social ou cultural determinado.

Hai aquí tamén unha reflexión sobre a responsabilidade, sobre a Revolución, sobre o rural, sobre o país, en suma, sobre os conflitos que azoutan o eu e que nos obrigan a adoptar unha posición consciente no camiño cara á madurez vital. Tarde ou cedo hai que posicionarse.

En canto á última pregunta, gústame e síntome cómodo utilizando a primeira persoa do plural. O “nós” en lugar do “eu”, antigamente no rural e aínda hoxe é un rexistro moi utilizado (“a nosa Casa”, “a nosa parroquia”) o poder do colectivo que integra de xeito consciente a propia individualidade. As comunidades zapatistas do Sureste de México falan sempre co “nós”, utilizan o plural. Os nacionalistas históricos do Partido Galeguista tratábanse de “irmáns”, en plural. O “nós” é fraternidade e mutualismo, tamén compromiso do eu que non se presenta como voz externa senón integrada no colectivo para ben ou mal. O nós é compromiso, un “eu tamén son”.

Hai algo que nos chama a atención e é o de “Balbino, un vello da aldea” como transformación do Balbino rapaz de Neira Vilas…

Dalgún xeito quería traer ó presente o carismático personaxe de Neira Vilas. Aquel rapaz que medrou e agora é xa un vello na aldea do século XXI, un labrego do tempo da fibra óptica en vez do tempo dos Sputniks. O resultado é unha desmitificación da imaxe idílica do rural con margaridas e bolboretas, con casa rural de deseño lonxe dos camiños cagados por onde pasan as vacas. Hai aínda outro rural, que resiste, nun combate cruel e case desesperanzado contra o Capital que non só o ameaza economicamente senón tamén atenta contra a súa forma de vida, os seus ideais e a súa cultura milenaria. Hai toda unha serie de prexuízos que ás veces nos formamos do rural dende o urbano, as ideas hipócritas do “volve ó rural, hai futuro” que sae na televisión e logo deixámolo orfo de servizos, orfo de comunicacións… asociamos aínda o rural ó atraso, a uns labregos que non saben organizarse, que son ideoloxicamente conservadores, atrasados nos seus costumes, que ven a “telegaita”… Logo está o caso contrario, os prexuízos do urbano que nos facemos dende o rural. Son as contradicións e prexuízos de dous mundos tan próximos nos tempos de Internet.

Terceira parte… entramos no outono vital co “cheiro de castañas asadas ao lonxe”, un magosto agoiro da próxima chegada do inverno vital anunciado en versos coma :”Dende entón só poño cor ao regreso nos teus ollos / porque aquí todo é metáfora de invernos grises / e sempre teño as mans de xeo aterecidas / cun glaciar por espiñazo que me erosiona o lombo de Norte a Sur.” e incluso marchando por unha “congostra dos días”…

A derradeira parte está impregnada dun certo aire melancólico, con poemas de maior carga intimista. Todo remite ó Outono, tempo de regreso, de nostalxia, de preparación para un inverno que se albisca. Mais non todo é perda, a viaxe valeu a pena, o camiño fíxonos outros sendo os mesmos e permítenos afrontar a dureza do inverno coa fortaleza do aprendido. Ese é a mensaxe que planea cara final do libro.

E claro, rematamos cun poema titulado “volver”, coidamos que para marcarmos o cíclico da vida, ou non?

Si, un pouco esa é a idea. Marchar para volver aínda que non se volva ó mesmo sitio. O pasado viaxa con nós para ben ou para mal. Gústanme as estruturas cíclicas, esa idea metafórica do eterno retorno no sentido de Nietzsche e das filosofías orientais. Algo que por outra parte vén corroborar a ciencia, nada se crea e nada se destrúe, a materia é a mesma e o que vemos son só alternativas, posibilidades dunha combinación de elementos xa existentes. Eu podo estar formado por un átomo que pertenceu a un óso dun Mamut extinto, esa árbore pode ter os átomos que formaron o corpo de Aristóteles, porque nada se crea e todo se transforma.

Pola contra, a cultura occidental ten unha concepción lineal do tempo, marcada polo progreso que se proxecta cara o futuro, dende as cavernas á sociedade tecnolóxica digamos, mais foi Auschwitz parte dese proceso lineal de progreso que arranca na polis ateniense?

A entrega deste premio coincidirá cun acto onde, ademais da presentación da obra escrita, se honrará á poesía, “A festa da poesía”… Que futuro lle agoiras á nosa poética?

Paréceme unha iniciativa moi interesante. Unha convocatoria festiva arredor do verso. Dise moitas veces que cómpre sacar a poesía á rúa, facela máis próxima, eu creo que a poesía xa está na rúa só que mudou de forma, de estética. Os rapaces fan letras poéticas para os seus grupos de música rock ou a través da variada expresión artística da cultura do hip hop, como a música rap ou o graffiti. Teño visto pintadas en paredes que son auténtica poesía. E non só no espazo urbano vive a poesía, tamén no rural, nos falares dos vellos, nas súas sentenzas, coplas, refráns e sabedorías hai poesía, só cómpre saber escoitala.

Vexo á poética galega cun longo futuro por diante. Aí están todas esas voces novas que comezaron a publicar dende o ano 2000 e que continúan a medrar a cada pouco. Hai retos por diante que deberemos enfrontar; entre eles a encrucillada da edición física/dixital, as novas vías de difusión do poético ou mesmo o revisión do que é ou non poesía, mais isto quizais xa sexa un problema maior que atinxe á arte en xeral nos tempos da posmodernidade.

rafa-lobelle-7

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 26 de Novembro do 2014 | 11:31 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura