publicidade hoxe
Ledicia Costas: unha pluma versátil - Cabecera

Ledicia Costas: unha pluma versátil

ledicia-costas-2

Ledicia Costas (Vigo, 1979) é unha das voces máis prolíficas da nosa literatura nestes últimos anos, especialmente na narrativa para as idades máis temperás, mais sen esquecer a lírica para estas mesmas idades. Recentemente vén de acadar o “Premio Merlín de Literatura Infantil” coa obra Escarlatina. A cociñeira defunta.

Sempre se dixo que a obra literaria bebe, máis ou menos, na vida do autor… Canto ten a obra literaria de Ledicia Costas da súa experiencia vital?

Pois ten moito. Escribo sobre aquilo que me preocupa, que me entusiasma, que me entristece. Para min a literatura é un xeito de vida no máis amplo sentido da expresión.

E seguindo coa experiencia vital, o feito de levar publicado case integramente para os lectores máis novos será por algún motivo?

Pois tomando prestados os versos de Celso Emilio, debo dicir que escribo para o lectorado máis novo porque quero, porque me peta e dáme a gana. Así, sen máis.

Que supuxeron para ti aqueles dous “creadores de soños” que che deron vida? E para a túa obra futura?

Os meus pais ensináronme que debía ser eu mesma, sen artificios nin carautas. Que na sinxeleza e na naturalidade reside o éxito como persoa. E que partindo desa filosofía, se era o caso, xa virían outros éxitos. Son filla de dous obreiros, traballadores afoutos, que viviron a crise dos anos oitenta moi de preto, cunha criatura que era eu. Logo chegou a miña irmá, cando eu tiña sete anos. Iso fixo que, sendo tan pequena, desenvolvese certo sentido da responsabilidade. Todo iso foi decisivo na construción da miña ideoloxía e supoño que se reflicte na miña obra, dun xeito ou doutro.

ledicia-costasClaro, pero escribir para os máis novos non é tan doado como a xente cre, non?

Iso son prexuízos. A sociedade está chea deles e en moitos casos son froito do descoñecemento ou ata da ignorancia. Non hai nada doado no eido da escrita. Detrás de cada obra hai traballo e horas de dedicación. E tanto ten que esteamos falando de teatro, de novelas para persoas adultas ou de obras chamadas “de fronteira”. Quen pense o contrario, trabúcase.

Até que punto o estares mergullada no mundo da avogacía serve á hora de escribir? Houbo algunha obra que bebese dalgunha historia profesional túa?

Non, ou polo menos non de xeito directo. É certo que hai persoas que collo de referencia á hora de construír algún personaxe, pero nunca empreguei un caso para deseñar a trama dunha novela. A realidade é demasiado retorta!

”Son unha escritora que funciona por instinto”. Algunha vez houbo que obviar o instinto ou sempre levou a un resultado agardado á hora de encetar unha obra literaria e de levala a cabo?

Nunca obvio o instinto. Emprégoo como guía. Pode ser que me teña trabucado máis dunha vez, pero creo que as equivocacións tamén forman parte do proceso.

Os teus comezos literarios foron moi precoces. Que supuxo para aquela xove Ledicia ter nas súas mans aquel fillo literario chamado Unha estrela no vento?

Eu quería dedicarme á literatura. Sabíao xa en oitavo de EXB. A publicación de Unha estrela no vento foi o pulo que eu necesitaba para seguir dedicándolle horas á escrita. Estoulle moi agradecida a Edicións Xerais e a Manuel Bragado por esa oportunidade. Creo que a publicación desa novela para min foi decisiva. Abriuse un camiño que sigo percorrendo a día de hoxe.

Manuel Bragado falou de ti como “integrante da xeración da esperanza da nosa literatura”. Que lle ocorre á nosa literatura para que o Director dunha editorial como “Xerais” fale desa “esperanza”?

Eu pertenzo a unha xeración na que as persoas que a integramos fomos escolarizadas en galego. Unha xeración que tiña profesorado que impartía materias como historia, química ou matemáticas en lingua galega. O sistema educativo deunos os medios e as claves para convivir co galego de xeito cómodo e natural. E xa ven, non temos ningún tipo de carencia nin de tara. Todo o contrario. Agora é outra historia. É coma se dúas e dúas non fosen catro en todas as linguas do mundo. Puxéronselle barreiras ao galego, e o peor é que a meirande parte desas barreiras foron construídas pola Administración Pública. Dáselles cancha nos medios de comunicación a asociacións que son terroristas da cultura e do idioma de noso. Todo isto paréceme un absurdo. Négome a ser testemuña da destrución do que nos pertence por dereito, como nación, e non denuncialo publicamente. Non sei se somos merecedores do termo “Xeración da Esperanza”. O que si sei é que a esperanza é imprescindible para sobrevivir a este momento onde a lingua galega sofre un retroceso histórico. Necesitamos a esperanza, sen dúbida.

Rexeitamos falar de xeracións… algo que por outra banda hai críticos moi aventurados en crear e crear “xeracións literarias”. Que lle debe a nosa literatura do século XXI á do século anterior? Que lle debe a túa obra?

Lecturas. Podería nomear autoras e autores do século XX con obras que considero fundamentais, pero iso déixollo ás filólogas e filólogos, que saben bastante máis ca min. Eu débolle lecturas, centos delas, que me acompañaron desde que teño memoria. As da miña xeración somos dalgún xeito fillas da Xeración Lamote. Medramos coa compaña das súas novelas.

ledicia-costas-no-premio-merlinQue adaptación ten que ter unha pluma coma a túa para pasar de escribir historias para os máis novos a se meter no verso?

Non creo que sexa unha cuestión de adaptación, senón de versatilidade. Síntome cómoda en distintos rexistros: relato, novela, poesía. Son como distintas caras dun mesmo poliedro.

En todas as literaturas existen autorías “a catro mans”. Como se compaxinaron as túas mans coas de Pere Tobaruela para escribir obras conxuntas? Que foi o máis complicado de concordar, a forma ou o contido das obras?

Debo dicir que esa experiencia foi fantástica. E eu aventuraríame a dicir que se acabou convertendo nunha obra a seis mans, sumando tamén as do ilustrador Andrés Meixide. Traballamos os tres en equipo, sobre todo a nivel de deseño da historia. Aprendemos a complementarnos uns aos outros. Eramos seis ollos sobre unha mesma historia. Moito agarimo lle teño ás aventuras da Inspectora Nola.

Tamén traballaches no mundo do cinema, do audiovisual. Non cres que a nosa literatura está moi coxa por non ter unha maior presenza neste mundo? E falamos disto nestes días en que A Esmorga volta á grande pantalla…

Non creo que a nosa literatura estea coxa, pero si creo que está pouco valorada. Explícome: non quero dicir que todo o que se escriba en lingua galega sexa de calidade, nin moito menos. Hai obras boas. Algunhas incluso moi boas. Pero tamén hai obras malas, e falo desde o meu humilde punto de vista como lectora. Isto é normal, é algo que sucede en calquera sistema literario. Mais é certo que sufrimos un abandono xeral e unha falta de recoñecemento. Iso tradúcese no exemplo que ti acabas de dar. O éxito que está tendo A esmorga está xerando unha alegría colectiva porque en certa maneira nos dá a razón a aquelas persoas que defendemos que a cultura galega debe ser un produto de consumo, a cultura galega como elemento xerador de riqueza, e non só a nivel intelectual, que é algo inherente, senón tamén económica. No momento en que a Administración Pública comprenda que a cultura galega é un factor de riqueza que está sendo desaproveitado e emprenda as iniciativas necesarias para solventar esa eiva, a sociedade galega gañará a todos os niveis. Pero tamén somos responsables os distintos axentes que formamos o corpus da cultura galega. É momento de establecer sinerxías, de unir forzas. Deste plantexamento xurdiu Criaturas, a revista especializada en LIX que botou a camiñar a pasada semana, no Culturgal.

ledicia-no-premio-merlin”Síntome poeta con alma de equilibrista”… Tanto equilibrismo ten que realizar unha escritora ou un escritor para facer que a poesía chegue ao receptor? E se falabamos do difícil que era narrar para xoves lectoras e lectores… non digamos o de facer versos… ou non?

Son rexistros distintos, pero que están interrelacionados. Os equilibrismos hai que facelos para publicar un libro de poemas. Afortunadamente as e os poetas adoitamos practicar cultura de resistencia e de supervivencia a un tempo. Resistímonos a que os nosos poemas morran nun caixón e saímos á rúa cando podemos. Militamos nos bares. Iso é algo que me gusta moito do colectivo Poetas da Hostia, que ofrece a poesía tamén como xeito de divertimento.

Ti formas parte de “Galix”… Poderiamos falar de límites para a literatura “infantil e xuvenil” ou deberiamos simplemente falar dela como un espazo que busque todo tipo de lectoras e lectores?

Límites? Eu penso que os límites na literatura levan ao fracaso. Creo na liberdade, non nas barreiras. Gálix é unha asociación que traballa a prol da difusión da literatura infantil en lingua galega. A directiva actual levamos catro anos tratando de facer este labor con distintas iniciativas, por exemplo co Catálogo de Boloña, que recolle toda a produción de LIX en galego de cada ano. Por certo, Gálix está de aniversario. Cumpre 25 anos e imos celebralo cunha completa xornada na Facultade de Formación do Profesorado, en Lugo: “Somos os libros que soñamos”.

Na obra Unha estrela no vento aparecen temas moi educativos como a solidariedade, o racismo, minusvalías… Trátase dun obxectivo importante nas túas obras o apartado didáctico ou ben o máis importante é a trama?

Sinceramente, cando escribín Unha estrela no vento non era consciente de que na novela había temas que podían ter interese educativo. Limiteime a escribir a historia que quería, metendo na trama aquelas cousas que me preocupaban daquela. E desde entón sempre funcionei do mesmo xeito. Didactismo si ou non? Pois, como todo na vida, creo que é bo na súa xusta medida.

presentacion-de-escarlatina-xunto-a-xose-manuel-lemaE claro, chegamos á túa última obra, a gañadora deste ano do “Premio Merlín de Literatura Infantil”, Escarlatina. A cociñeira defunta… Supoñemos que xa cho preguntaron moitas veces pero seguimos a facelo… non te paraches a pensar que ao te mergullar no mundo da morte puidese ser un atranco para a lectura dos máis novos? Que supuxo combinar o te inmiscir no mundo dos mortos pensado para cativos e pensar na futura lectura?

Ao principio pensei que a obra era un pouco disparatada. Que talvez houbese reticencias por parte das persoas adultas ao tratar a morte dun xeito canalla e despreocupado. Pero tiña claro que esa era a novela que eu quería escribir. Só se unha historia me seduce por completo aventúrome a escribila, para intentar despois seducir ao lectorado. Que o consiga ou non xa é outro tema. Esta, seduciume. No que nunca dubidei é en se o lectorado podería chegar a ver o tema da morte como un atranco. Quen temos os prexuízos somos as persoas adultas, non as cativas.

Realmente trátase dunha obra “viscosa, fedorenta e xoguetona” como a definiu Ramón Rozas?

Ramón Rozas penso que recolleu nesa definición varios elementos que son fundamentais no libro. De nena encantábanme as historias de mortos (tamén de adulta, confésoo). Eu gozaba lendo O pequeno vampiro ou vendo na tele aquela masa de lixo que era a personaxe da Montaña Basura, que saía nos Fraguel Rock. Fascinábame que Son Goku, de Akira Toriyama, puidese seguir existindo no mundo dos mortos, coleccionaba a serie de cromos que chegaron desde Estados Unidos e que eran macabros e noxentos a un tempo: La Pandilla Basura. E tamén A Bóla de Cristal, co seu particular Frankenstein e toda a estética gótica que rodeaba o programa e me mantiña pegada ao televisor. Eses son os meus referentes e dalgún xeito están todos eles en Escarlatina. É a obra máis fiel co meu imaxinario.

Será que nesta obra se busca o aspecto didáctico, a reflexión sobre a propia vida para que os máis novos a vexan e reflexionen… tal e como dixo André Malraux “A morte só ten importancia na medida en que nos fai reflexionar sobre o valor da vida”?

Algo diso si que hai. Pero tamén hai unha aposta e unha defensa pola lectura como divertimento. Creo que é un libro que admite distintos niveis de lectura. E tamén reivindica algo que para min é moi importante: cando unha actividade se profesionaliza, convértese nun espazo ao servizo do patriarcado. E o patriarcado aprópiase ata daqueles redutos que nos foron asignados ás mulleres tradicionalmente e como imperativo, como neste caso é o mundo da cociña. Os cociñeiros e chefs máis prestixiosos son homes pero nos fogares, de xeito abrumador, son as mulleres as que cociñan. Por iso Escarlatina é unha nena e non un neno. Ela é a profesional, a que de verdade sabe de cociña.

ledicia-no-culturgal-xunto-a-carlos-labranaRoald Dahl empregou esta temática macabra nalgunha das súas obras para adultos e este mesmo autor tamén tivo certas concomitancias na súa vida persoal co Miguel Foz da túa obra Unha estrela no vento… Poderiamos dicir que a túa obra bebe na vida e obra do insigne escritor de Cardiff?

En absoluto. Neste caso, toda coincidencia é pura casualidade. Escribín Unha estrela no vento logo de que un gran amigo lle pegaran unha malleira. Rompéronlle unha botella na cabeza. Daquela estabamos no instituto e foi bastante traumático. De aí saíu esa novela.

E para rematarmos, dicía Jean Jacques Rousseu que “A xuventude é o momento de estudar a sabedoría; a vellez, o de practicala”. Escribes para a xuventude para mergullala na sabedoría ou ben coma un alicerce para a súa práctica posterior?

Eu non creo ter a capacidade nin o poder de mergullar a ninguén na sabedoría. Nin aos máis novos nin aos menos vellos. Creo simplemente na literatura como remedio infalible contra a incultura.

presentacion-criaturas-en-culturgal

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 16 de Decembro do 2014 | 11:21 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura