Pastora Veres: “Nin Díaz Castro nin nada do que aconteceu nos Vilares foi froito da casualidade”
No ano no que o Día das Letras Galegas honra a figura de Díaz Castro, Pastora Veres decidiu que xa estaba ben de retrasar a encarga de Manuel María, e que era o momento de poñerse a escribir e a recoller todas as testemuñas que Os Vilares teñen ó redor da figura deste poeta. O resultado? Un libro, un documental, unha comunidade virtual,… En definitiva “unha lareira de soños”. |
Nome e apelidos: Pastora Veres Rosende Un lugar: Os Vilares (Guitiriz) Un hobby: a natureza, o deporte, a música e a literatura. Unha comida: o caldo da miña nai. Unha virtude: creo que o cariño e a solidariedade pero iso deberían dicilo outros… Un defecto: algo cabezota e posesiva, mesmo caprichosa. Un soño: que Galiza sexa un país de seu en todos os conceptos |
En primeiro lugar Pastora, para situarnos, hai que dicir que a orixe de todo este proxecto que iremos explicando, é un libro, un libro teu sobre a figura de Díaz Castro?
Díaz Castro é o veciño máis ilustre dos Vilares, cúmprese o centenario do seu nacemento e dedícanselle este ano o día das Letras Galegas. Todos vilaregos e chairegos estamos moi orgullosos del, aínda que o libro non vai propiamente sobre a figura de Díaz Castro. El está moi presente, pero vai da contorna, da parroquia na que naceu e se criou, da etnografía, do patrimonio material e inmaterial, da paisaxe e paisanaxe… É a historia recente dos Vilares na boca dos seus veciños máis vellos e máis mozos. Unha achega complementaria á figura de Díaz Castro e, sobre todo, aos vilaregos que dalgunha maneira representan tamén a calquera outra pequena parroquia deste país.
E como xurde? É verdade que o pistoletazo de saída o deu Manuel María?
Foi hai vinte anos, Manuel María veu a Os Vilares a inaugurar unha exposición de fotos antigas no marco da Romaría Labrega da Chaira. Naquel momento díxome que debería recoller esa memoria viva nunha publicación, para que non se perdese, e pareceunos que este ano, polo simbolismo do centenario e coas Letras Galegas centrados na parroquia de Díaz Castro, era o momento perfecto. Non só para publicar fotos, senón para facer un traballo máis completo; partir da memoria directa dos vilaregos e aproveitar as novas tecnoloxías, para gravar tamén un documental que acompañará ó libro en formato DVD. E todo isto complementado tamén cun Facebook moi activo e unha web que xa está operativa.
Por que te interesaches ti pola figura de Díaz Castro?
Todos os vilaregos estamos encantados co recoñecemento ao noso poeta, pero pensa que aquí, no concello de Guitiriz, xa tiña ese recoñecemento en rúas e mesmo no nome do instituto, todo sabíamos del. Eu coñecino xa moi maior pero é inevitable non telo presente, si xa era grande, agora moito máis…
Que significou Díaz Castro para o seu pobo? E para o resto de Galicia? Para a nosa cultura?
Como os grande poetas e escritores, foi un home discreto a pesares da súa grande cultura. Ten en conta que dominaba arredor de quince idiomas e os seus poemas foron musicados hai moitos anos cando aínda era un descoñecido para moitos galegos. Penso que este ano se lle está a facer xustiza, e Galiza e a cultura serán grandes beneficiadas coa difusión da súa figura e a súa obra.
“Díaz Castro, coma os grandes poetas e escritores, foi un home discreto” |
Vaiamos por partes. Primeiro o libro, e agora este documental que verá a luz no verán. Defínenos este proxecto audiovisual, que atoparemos nel?
O documental diríxeo un rapaz novo, Cibrán Tenreiro, tamén de orixe chairega e que conta cun equipo de colaboradores. Mozo pero brillante, cun Máster en Barcelona, e actualmente bolseiro da Universidade de Santiago por tres anos para facer o doutoramento. Ademais de facer protagonistas aos vilaregos ten liberdade creativa total e estou segura de que sorprenderá. Polo que nos conta terá unha duración aproximada dunha hora e fuxirá do postalismo, tentando facer un filme vivo, non programado, case sen guión.
E despois do libro e o documental, ó redor deles, nace todo un movemento. “Dos Vilares, lareira de soños” pasa a converterse nunha comunidade virtual, non?
Este domingo de Pascua, a comisión de festas convidounos a presentar o proxecto aos veciños na sesión vermú do día grande. María Teijido, colaboradora no proxecto e a actriz Isabel Risco (Mestre Mateo deste ano!), arrancaron as ovacións do público, encantado coa idea. De feito, así o demostran en cada entrevista para o libro, abríndonos as portas das súas vidas de par en par. Pretendemos crear un premio simbólico anual a figuras relacionadas cos Vilares, como mostra de agradecemento a quen deu moito pola parroquia, e así manter viva a chama desta lareira.
“O documental será vivo, non programado, case sen guión” |
Entón agora mesmo, en que consiste todo isto? En que se materializa todo este movemento?
Nós só somos canle do que xa existe. A parroquia deu a Díaz Castro, pero tamén a outras grandes figuras noutros ámbitos; nos negocios, no asociacionismo, na política, na cultura, e outras moitas persoas anónimas moi importantes que sairán no traballo para que se coñezan. Este ano o traballo xa é dabondo, pero penso que hai xente moza moi comprometida e vinculada á parroquia que son un garante de futuro. Están fachendosos do seu pasado, o dunha parroquia de trapeiros, emprendedora e traballadora. Hai continuidade seguro.
Canta xente hai implicada neste proxecto?
Directamente arredor de dez persoas, pero hai quen nos presta casas para durmir, quen nos convida a xantar, a acceder a fotos, documentos e testemuñas, gravar… E tamén hai empresas e institucións como Gadisa, dalleQlibras, Pixel Films, Deputación, Concello, IESCHA, e mesmo os medios que nos tratan moi ben e axudan a visualizar o noso esforzo. Estamos moi agradecidos a todos. Os aplausos da Pascua indícannos que imos no bo camiño, pero tamén nos cargan de responsabilidade.
“Non hai futuro sen historia, e esa simbiose entre vellos e mozos na parroquia é o máis bonito” |
Porque a intención é tamén implicar á mocidade, non si? Que a xuventude dos Vilares participe…
Desde mozas en idade de instituto, mozos que traballan, rapazas que rexentan explotacións agrícolas, a comisión de festas con xente moza… Todos son un exemplo da identificación co proxecto, algo moi bonito e honroso.
A mocidade, e os que non son tan mozos tamén…
Os vellos son a memoria viva da evolución da parroquia, coa entrada de vías de transporte, novas tecnoloxías, cambios de costumes… Non hai futuro sen historia e esa simbiose entre vellos e mozos na parroquia é o máis bonito. Son das que penso que nin Díaz Castro nin nada do que aconteceu nos Vilares foi froito da casualidade, e constato iso cada día.
Como valorades os primeiros pasos? Como está a funcionar a iniciativa?
Os Vilares é unha “herba pequerrechiña” no mundo, que dicía Díaz Castro, pero as cousas verdadeiramente importantes constrúense dende a humildade. Somos unha parroquia de trapeiros, oficio hoxe desaparecido, moi humilde pero que desde esa premisa soubemos saír adiante con orgullo, trunfar no máis próximo e alén do país e ese será o espírito positivo do proxecto, unha homenaxe a un país construído dende o rural pero aberto ao mundo. As parroquias, os barrios, son a esencia do que realmente somos os galegos, nas nosas diferenzas aportamos moito ao mundo. Así o entende a xente e xa digo que estamos agradecidos polo cariño e a excepcional acollida dos meus paisanos, a min mesma e a todo o equipo. Estou moi agradecida porque sen eles isto non tería sentido.
“Os Vilares é unha “herba pequerrechiña”, que dicía Díaz Castro, pero as cousas importantes constrúense dende a humildade” |
A título persoal Pastora, como decides traballar nesta obra? Imaxináraste nalgún proxecto deste tipo?
Afronto este proxecto como unha achega aos meus. Marchei moza da parroquia, primeiro para estudar e despois para traballar, pero no meu pensamento e no meu corazón son e serei sempre dos Vilares. Fun deixando a encomenda de Manuel María por distintas situacións da vida, pero este ano, no que Os Vilares é o centro do mundo, non podía nin debía deixar de contribuír. Contribución humilde, nun traballo comunal, como sempre se fixeron as cousas aquí. O reto é grande, pero son vilarega…
Sobre todo no que se refire á mocidade, a función didáctica será moi importante…
No rural, e tamén nos Vilares, a mocidade ten unha conexión directa cos maiores de varias xeracións nas súas casas, e esa é unha verdadeira escola, quizais a máis importante. Esa escola crea persoas, e despois o coñecemento adquirido complementa esa base tan importante. Nós percibimos iso no noso traballo e iso é impagable.
Moitas grazas Pastora por charlar connosco.