Alonso Montero: “A miña intención é que a sociedade galega defenda o galego con orgullo”
Defensor da lingua galega dende sempre; marxista, socialista e republicano; lector ferroviario e apaixonado da palabra e da literatura ata a medula. Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) ven de cumprir un ano á fronte da Real Academia Galega da Lingua, e aínda que é dos que prefire que sexan os demais os que fagan balance, se forzamos un pouquiño a máquina, dámoslle sacado unha valoración positiva. Sobre todo no que ó traballo do seu equipo se refire. |
Agora que se cumpre un ano da súa chegada á presidencia da Real Academia Galega, como valora este período presidente?
Facer unha valoración non é sinxelo posto que eu son xuíz e parte e como tal non podo ser obxectivo. Ademais é difícil valorar o período de maneira conxunta, habería que fixarse nas actividades concretas que se puxeron en marcha. Eu insistín dende o primeiro momento, dende aquelas semanas anteriores ó 20 de abril do ano pasado que foi o día no que me convertín en presidente, que os obxectivos a perseguir non podían ser uns obxectivos feitos por nós, por ese equipo directivo, senón que tiñan que ser uns obxectivos que partisen dos propios estatutos da Academia, que estivesen na súa esencia mesma.
E cales son eses obxectivos? Están a ser cumpridos?
Fundamentalmente son dous. O primeiro é que a Real Academia Galega se debe á ilustración, promoción é defensa da lingua galega. Eu insistín, xa no momento da miña chegada ó cargo, en que son moitas as institucións que teñen estas tarefas, que teñen que promocionar, ilustrar e defender a lingua galega. É un obxectivo que a Real Academia Galega comparte con outras institucións, e todas en conxunto debemos ir construíndo ese camiño. O segundo obxectivo é o que se refire á labor que a academia ten no senso de construír a norma culta. A Real Academia Galega é a única institución que hai, non digo en Galicia senón no mundo, que por lei decide que é correcto e que é incorrecto, tanto no que respecta ó léxico como á gramática, á pronunciación e á grafía. Outras institucións, como poden ser as Facultade de Filoloxía por exemplo, estudan estes aspectos pero non poden decidir o que é correcto e incorrecto, non teñen potestade lexislativa. Neste ano que vimos de completar estamos a seguir estes dous obxectivos e estamos sendo rigorosamente leais co espírito de cada un deles.
Unha labor para a que non está vostede só, por sorte…
Non, por suposto que non. Están as catro persoas que compoñen comigo a comisión executiva, e despois os trinta membros numerarios que conforman o esquema organizativo. En especial esas catro persoas; o secretario Henrique Monteagudo Romero, a tesoureira Rosario Álvarez, a arquiveira Margarita Ledo e o Vicesecretario Andrés Torres Queiruga, están a facer un gran traballo. De feito estamos a traballar todos, tanto os que apoiaron a candidatura que eu encabezaba dende o principio, coma os que apoiaban outra. Todos.
Unha actividade que nos tempos que corren non debe ser sinxela, porque a crise notarase tamén aquí…
Nós non cobramos absolutamente nada. Como se dicía cando eu era novo; facémolo sen cobrar unha cadela. O que lle fala mesmo renunciou a un coche oficial cando chegou ó cargo. Ten que saberse que isto é un voluntariado cultural. E que non se me entenda mal, que ninguén nos puxo unha pistola ó peito para desenvolvelo, facémolo por vontade propia. Pero ten que saberse que os académicos están levando a cabo unha labor que unicamente se fai pola vontade de servir ó país. E os que están na comisión máis aínda, posto que son moitas horas de traballo as que se lle dedican.
Di vostede que renunciou a un coche oficial, e fíxoo a pesares de non ter coche. Viaxa vostede do seu domicilio en Vigo á sede da Real Academia en Coruña, en tren…
Así é. E dígolle máis, fágoo case por egoísmo. Son máis de dúas horas de cada traxecto e é tempo que dedico a escribir e a ler. Tanto é así que case podería dicir que neste último ano lin e escribín máis que en ningún outro período da miña vida. Son, chamémoslles, lecturas ferroviarias que me están a permitir ler e escribir todo o que aínda me queda pendente.
Está a piques de celebrarse o Día das Letras Galegas, é un día moi importante para Galicia, non si?
O Día das Letras Galegas é un día como para que os escolares e a xente nova medite sobre el. É un día santo, no senso de que é un día festivo, e ademais resulta ser o único día santo non relixioso e non dedicado a conmemorar una batalla, unha conquista, ou calquera outro acto que leve implícita a violencia. Lonxe disto, é un día dedicado a conmemorar a palabra, o verso, a literatura. A palabra dos que pensaron sobre o país e dos que pensaron sobre o mundo. Deberíamos estar orgullosos de que o día grande de Galicia sexa precisamente o día da palabra. A palabra poética, crítica, estética, ben construída. A palabra que chega ó corazón, que chega á intelixencia e que nos fai máis xustos.
E para ser quen de transmitir todo isto Presidente, toda a importancia da palabra, a política lingüística ten que ser unha política baseada na pedagoxía?
Todos estamos de acordo en que a RAG debe ter un perfil pedagóxico. Non podemos poñernos pedantes diante dos cidadáns. Na sociedade hai de todo, hai universitarios e non universitarios, hai xente cun nivel de estudos e xente que non os ten. Hai que falar para todos. Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado á figura de Díaz Castro, eu o día 17 estarei en Guitiriz tratando de explicar quen foi Díaz Castro, a importancia da súa figura, e o que fixo pola lingua e a literatura galega. Tratarei de facelo para o eruditos e para os menos eruditos tamén.
Sabe a sociedade galega, eruditos e non eruditos, todo o que ten que saber da Real Academia Galega?
Dende a Academia tratamos de que a sociedade galega saiba que esta institución está ó seu servizo, iso é o principal. O obxectivo da Academia é resolver os problemas que poidan xurdir, non os problemas económicos ou industriais, xa nos gustaría, senón os problemas lingüísticos.
Entre eles ós ataques á lingua. Como falabamos ó principio, un dos obxectivos fundamentais é defender o galego, que lle diría a quen o cualifica de “españolista”?
Eu son un defensor do galego dende sempre. Defensores hai moitos, pero cada un faino dende a súa óptica. Non defende o galego dende o mesmo punto de vista un independentista que alguén que non o sexa, e eu non o son. Gustaríame que España fose unha república federal e socialista, unha república na que Galicia tivese o papel que ten dereito a ter. Esta é a miña postura, e loxicamente defendo o galego dende esta perspectiva, pero con isto non quero dicir que a miña sexa a acertada, cada un ten a súa.
De feito nunca tratou vostede de ocultar o seu pensamento, nin o seu desexo de ver a revolución…
Non sería respectuoso se ocultase a miña ideoloxía. Oxalá puidera chegar a ver a revolución socialista. Nos anos que me poden quedar de vida non sei se a verei, pero nada me gustaría máis. Non minto a ninguén, todo o mundo sabe que a miña ideoloxía é marxista; son marxista, socialista e republicano. Defendo esa república federal e o papel de Galicia nela.
É necesario que a mocidade valore a importancia do galego?
A miña intención é que a sociedade galega defenda o galego con orgullo. Que se sinta orgullosa del, e non en detrimento do castelán, que iso tamén é contraproducente para a nosa defensa. Non se trata de erradicar o castelán, lingua que fala un amplo sector da sociedade, o que fai falta é que a sociedade se sinta orgullosa da súa lingua. Hai sectores que non se senten identificados, e nós, cos recursos cos que contamos, temos que tratar de chegar a eses sectores para que vaian asumindo esa responsabilidade. Que se responsabilicen co idioma galego, que se sintan cómodos e creativos nel. Iso é o que temos que facer, esa chamada á sociedade. Hai que trasladar a idea de que perder o galego sería unha pobreza; promocionar o galego, fomentalo, é unha riqueza.
Vostede foi profesor durante máis de corenta anos, profesor a todos os niveis. Xubilouse con moi poucas ganas de marchar e dixo aquilo de “xubiláronme cando máis sabía”…
Se eu fose mineiro non diría isto. Cando un leva 30 ou 35 anos na mina, creo que un ten dereito a xubilarse con 50 anos ou mesmo menos. Pero eu, que no momento no que me xubilei era catedrático e daba tres clases a semana… Podía continuar facéndoo e con moito gusto ademais. Non traballaría facendo estradas ou camiños, pero dando clase si. Ós 70 anos sabía máis que os 60, igual que ós 60 sabía máis que ós 50. Pero as leis son as que hai… Consideraron que xa non valía no mellor momento da miña carreira profesional.
Como afronta o futuro? Como ve os tres anos de lexislatura que lle quedan por diante?
Pois coas mesmas ganas que este primeiro. Se sigo tendo forzas, e agardo que así sexa, gustaríame chegar ó final da lexislatura como ata o de agora, seguir igual que este primeiro ano. Gustaríanos ter un pouco máis de apoio económico iso si, para poder levar a cabo iniciativas e proxectos que precisan de certo investimento. Ese sería o aspecto que nos completaría, porque iso tamén é importante.Foto: Anxo Rodiño