publicidade hoxe
Manuel C. Núñez Singala: como querer ser escritor serio e non conseguilo? - Cabecera

Manuel C. Núñez Singala: como querer ser escritor serio e non conseguilo?

manuel-nunez-singala-5

Manuel C. Núñez Singala (Lugo, 1963) é un autor especialmente coñecido a nivel teatral, pero sen esquecermos o seu labor narrativo e de normalización lingüística. A nivel teatral cómpre salientar a súa obra O achado do castro (1990), así como tamén Comedia bífida (2007)… A nivel narrativo acaba de ver a luz a súa obra Instrucións para tomar café (2014). Tampouco podemos esquecer o seu ensaio En galego, por que non? (2009).

Amigo Manuel, aínda que non é precisamente o teu lugar de nacemento pero si a túa “primeira patria”, será que a Terra Chá ten algún poder telúrico-literario para nos fornecer semellantes voces á nosa literatura en todos os eidos literarios?

E terá.

Non, en serio, imaxino que é unha cuestión de tradición. Da mesma maneira que a zona de Padrón ou a de Ponteareas teñen dado excelentes ciclistas e iso é doado de explicar se un coñece a afección e a tradición dese deporte neses lugares, na Terra Chá ocorre algo similar, creo que sempre houbo unha certa promoción da literatura en forma de certames literarios, conferencias, recoñecemento público dalgunhas voces, o “día das letras chairegas”, etc… e iso crea “canteira”.

Que nos terías que comentar verbo da situación lingüística dos tres organismos nos que traballaches e traballas: Parlamento, Xunta e Universidade? Supoñemos que aínda queda abondo que facer…

Pois si, queda por facer, pero tamén é certo que hai moito xa feito. No terreo da Universidade, que é no que na actualidade me movo, os avances foron grandes e importantes. Pero creo que tanto neste eido como en calquera outro sería preciso algún tipo de revulsivo, porque malia os enormes pasos dados, o galego non acaba de ocupar a situación que lle debería de corresponder.

manuel-nunez-singala-4A túa precocidade teatral é clara. Non cres que o teatro debería de figurar no currículo de ensino secundario e bacharelato dados os obxectivos que con esta arte se poden acadar?

Creo que si, firmemente. Aínda que só fose para contribuír a paliar unha carencia do sistema que cada vez me parece máis evidente: o ensino da oralidade.

Que supuxo para aquel rapaz afeccionado ao teatro a chegada a comezos dos oitenta a Santiago de Compostela co fervor cultural daqueles anos?

Os meus primeiros anos de estudo universitario foron en Lugo, no Colexio Universitario. Daquela a Área de Cultura da Universidade mantiña un programa fantástico que se non lembro mal se chamaba “Aula Aberta” e que durante aqueles primeiros anos dos oitenta propiciou a estrea dun par de montaxes teatrais ao mes durante varios cursos. Ao longo de tres anos foron moitas as montaxes teatrais que puiden ver, de xeito gratuíto ou cun custo moi reducido. E ademais de ver teatro, durante eses anos lin tamén moito teatro. Son consciente de que normalmente (non sempre) o teatro escríbese para que se converta en espectáculo, pero a min sempre me gustou e interesou o teatro como texto, e tanto daquela como agora é a única forma de acceder a determinados autores sen ter que agardar a que alguén leve a escena as súas creacións.

Cando cheguei a Santiago, onde a oferta era aínda maior, todo isto resultou aínda máis doado. Para un rapaz que sabía pouco do mundo da escena e que tiña un contacto co teatro profesional que se reducía á lectura ou ao teatro televisado (Estudio 1, da TVE) aquilo resultou impresionante, cegador, inspirador.

Con menos de vinte anos sae da túa pluma O achado do castro: premios, recoñecementos, representacións aquí e fóra… Que supuxo para ti esta obra, un xa referente do noso teatro contemporáneo?

A ver, as cousas non son tan así, tan explosivas, todo foi ocorrendo moito máis a modo. O achado do castro foi unha peza escrita para o grupo de teatro do Instituto de Bacharelato de Vilalba no que eu estudaba e co que xa levaramos a escena un par de obras miñas anteriores. Foi unha peza escrita moi cedo, é certo, con dezanove anos. Como montaxe teatral tivo un éxito moi limitado: dúas representacións, unha para o centro, outra para o público xeral no ano 1983, e aí quedou, gardada nun caixón ata catro anos despois, cando a recuperei, corrixín e pasei a limpo para enviala a un premio de teatro. Corría o ano 1987 e gañou o “Premio Xiria de Creación Teatral”, de Cangas, mandeina daquela, por recomendación dun dos membros do xurado, a unha editorial que aceptou publicala. Pero pasaron outros catro anos máis, e cando xa case me esquecera dela, un día atopeina no escaparate dunha libraría e, claro, entrei e merquei un exemplar, estou a falar xa do o ano 1991. A partir de aí o éxito foi vindo de vagar, cun incremento constante nas vendas do libro e das montaxes teatrais, en Galicia e fóra, algo que por fortuna segue sucedendo aínda hoxe.

manuel-nunez-singala-2E cando ves que esta obra é a segunda máis representada do noso teatro galego?

Éncheme de orgullo e satisfacción…

Poderiamos falar desta obra como satírica xa que achamos personaxes con comportamentos antitéticos aos seus cometidos, o pasado e o presente, un xogo de lingua (latín vs. galego) do máis cómico, un amor ao estilo de Romeo e Xulieta…?

Se cadra si, pode ter algúns trazos de sátira, pero eu penso que O achado do castro é unha comedia pura. De feito a comicidade é a súa razón de ser. Eu, cos meus dezanove anos, non perseguía daquela ningunha outra finalidade máis ca esa.

Normalmente unha obra teatral está escrita máis pensando na posta en escena ca na propia lectura, sen embargo esta obra podería resistir a lectura sen ser levada ao escenario… Como conseguir esta calidade?

Todas as pezas teatrais teñen esa dobre faceta, teatro de texto e teatro como espectáculo.

Poderiamos dicir que a túa obra non sería tal sen esa ironía omnipresente?

Poderiades. Ti e cantos máis?

Imaxínaste escribindo unha peza teatral sen recorrer á ironía, ao equívoco e ao humor?

Eu en realidade sempre quixen ser un escritor serio. Coñécese que se me dá moi mal.

Creo que a retranca forma parte da maneira de ser dos galegos, non en exclusiva por suposto, pero si é un trazo que comparte moita xente deste país. E canda ela un sentido do humor moi especial. Tanto unha como o outro ofrecen para min unhas potencialidades literarias ás que procuro tirarlles partido.

Outra obra túa que acadou un forte éxito a todos os niveis, pero sobre todo a nivel do ensino, foi a túa Comedia bífida. Cando te decataches que para facer reflexionar sobre a situación do noso idioma tiñas que mesturar as túas dúas realidades persoais: o teatro e a normalización lingüística?

A idea de facer unha obra de teatro na que se tratasen cuestións relacionadas coa lingua ocorréuseme moitos anos antes de que Comedia bífida fose unha realidade. Pero levoume moito tempo materializala nun texto final. Creo que foi o libro que máis tempo precisou para saír á luz, dende a idea inicial ata o momento en que puxen o punto final.

En Comedia bífida, e tamén en gran medida no meu último libro, Instrucións para tomar café, o humor funciona como lubricante, como excipiente para vehicular unha serie de ideas ou de opinións que doutro xeito poderían resultar máis ásperas.

Non sería mellor que os nosos gobernantes se presentasen en vida perante San Pedro, coas conseguintes penitencias, que xulgar despois de mortos aos (non)falantes do galego?

O malo é que eles non se van presentar…

E cando xurdiron as críticas dende a óptica españolista… debe ser que obrou o seu efecto de estordegar á xente e á súa conciencia, ou non?

Se cadra si. Trátase dun tema que non merece nin unha liña.

manuel-nunez-singala-3

Ultimamente vémoste intentando dar o salto á narrativa (Menú de enganos / Instrucións para tomar café). Supoñemos que te sentirás a gusto igual ca escribindo teatro xa que segue a túa pluma empregando a ironía, o humor… pero non te sentes algo incómodo non tendo que empregar aqueles elementos máis exclusivos da peza teatral?

Incómodo? Non, en absoluto. Cada xénero ten as súas convencións, as súas ferramentas e as súas técnicas, pero ao final non son compartimentos estancos, tanto nun caso coma noutro trátase simplemente de escribir, de contar mediante a palabra impresa.

Non deberían ter maior flexibilidade as editoriais á hora de intentar clasificar as obras literarias ou simplemente deixar que sexan os/as lectores/-as quen decida qué obra ler (referímonos a Menú de enganos inserida nunha colección de tipo xuvenil)?

Home, os lectores sempre poden decidir, e de feito hai moita xente que non se fía das etiquetas editoriais e le aquilo que lle apetece independentemente do colección en que estea editado. Creo que as coleccións editoriais hai que velas simplemente como unha suxestión, unha guía, pero sen lles facer moito caso, porque as fronteiras que separan os xéneros (infantil-xuvenil-adultos) son moi, moi difusas. E despois hai coleccións como Costa Oeste de Galaxia, na que se publicou Menú de enganos, que recollen precisamente moitos textos que están nesa terra de ninguén que separa a literatura xuvenil da de adultos, unha fronteira que eu son incapaz de precisar.

Estas dúas últimas obras narrativas túas son relatos onde aquelas calidades digamos de enganche co público-lector presentes nas túas obras de teatro sobreviven case todas. Serás quen algún día de elaborar unha obra narrativa digamos “seria”?

A próxima. Prométoo.

Ou non. Eu que sei. Cada quen escribe un pouco como é.

manuel-nunez-singalaTamén nos choca o feito de que Instrucións para tomar café sexa unha obra narrativa de relatos e que estes vaian encadrados en catro “libros” (“Libro de reclamacións”, “libro de estilo”, “libro de instrucións” e “libro de contos”)…

Eu agora xa vou tendo unha idade. Se non fose así, escribiría un libro de relatos con cada un deses “libros”, pero como temo que non me vaia dar tempo, con eses catro libros fixen un só. Tachán!

Isto de elaborar un libro de relatos permite que o abano de temas a tratar sexa do máis variado non tendo que o escritor permanecer atado a unha única trama, a uns personaxes, espazo… Será iso o que te levou a principiar a túa narrativa con este formato?

Tes razón que cos relatos o abano de temáticas pode ser moito maior, pero tamén ó é o risco de dispersión. Trátase dun terreo esvaradío, porque pode levar a pensar que hai xéneros fáciles e difíciles, algo que non é certo. E en todo caso a miña narrativa comezou cunha novela, Mar de fondo (Galaxia, 1995).

E retomando o apartado normalizador teu, nunca te sentiches desempeñando unha función laboral absurda xa que o normal sería, valla a redundancia, a normalización do noso idioma?

Home si, en teoría os traballadores dos servizos de normalización teríamos como obxectivo quedarnos no paro. Oxalá. Pero moito me temo que estamos lonxe diso, polo momento. De feito se se chaman servizos de normalización é precisamente porque pretenden corrixir unha anormalidade: o feito de que na nosa terra a lingua propia estea desprazada do lugar que lle corresponde.

E para finalizarmos, até cando os galegos teremos que sufrir todas aquelas circunstancias que te levaron á reflexión verbo da situación do noso idioma naquel En galego, por que non? e ter que demostrar que este idioma de noso é tan válido coma calquera outro?

A resposta é moi simple e á vez moi complexa: ata que queiramos.

Porque só depende de nós.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 4 de Febreiro do 2015 | 11:52 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura