Rafa Vilar: “Para os nosos gobernantes a nosa literatura e a nosa cultura carecen de importancia”
Unha poesía espida. Así define Rafa Vilar a súa obra. Busca a complicidade do lector, e faino a través duns versos que recollen o compromiso social de que non perde de vista, nin a sociedade na que se atopa, nin as ganas de cambiala. Amante das viaxes, os seus poemas son un percorrido que culmina cos máis cativos, cunha poesía dedicada ós máis pequenos e a súa falta de prexuízos. |
Nome e apelidos: Rafael Vilar González Un lugar: Compostela Un hobby: O cinema Unha comida: O cocido Unha virtude: A puntualidade Un defecto: A impaciencia Un soño: Viaxar e viaxar |
Se algo podemos dicir de ti Rafa, é que es un escritor comprometido co teu tempo. Ten que implicarse a poesía no momento no que se atopa?
Penso que a implicación social sempre estivo, con maior ou menor grao, presente na poesía. Supoño que nunha época actual, marcada pola crise (que é máis que económica), esta presenza tende a ser maior, nas temáticas, no tratamentos dos asuntos, etc.
Como definirías a túa obra? Como te definirías como escritor?
A miña, penso, que é unha obra sincera e humilde; unha poesía espida que procura a complicidade -emocional e intelectual- dos posíbeis lectores e lectoras. Como escritor, como na vida, síntome como “clase obreira”, nin máis, nin menos.
“Como escritor, como na vida, síntome como clase obreira, nin máis, nin menos” |
E como foi a evolución dende os inicios da túa actividade?
Pois foi unha evolución tranquila; non fixen grandes mudanzas na miña escrita, se acaso pequenas innovacións. Nese sentido, a miña percepción é de bastante coherencia na miña evolución poética.
Dende aquel “Liques da Memoria”, que che valeu un premio Fermín Bouza Brey, das múltiples obras que tes publicadas ata agora, cal foi para ti a máis importante? A a que máis che encheu?
Éme case imposíbel escoller unha obra, ou unha única obra sobre as demais… Non sei, podería dicir “Casa ou Sombra”, polo que ten de implicación emocional e de implicación tamén literaria e mesmo lingüística.
Escribícheslle un libro a túa filla, “Acuarelas”, algunha máis das túas obras están dedicadas a alguén dese xeito?
Si. Penso que a meirande parte dos meus libros están dedicados a alguén; sempre a alguén próximo.
O galego sempre foi unha lingua moi de poesía, é un xénero que sempre estivo moi presente. Cal é o motivo? Préstase a nosa lingua para o poema?
“Que haxa moita poesía feita nunha lingua e pouca ciencia escrita nesa mesma lingua adoita ser un síntoma da falta de vitalidade social dese idioma” |
Que haxa moita poesía feita nunha lingua e, por exemplo, pouca ciencia escrita nesa mesma lingua adoita ser un síntoma da falta de vitalidade social dese idioma. Dito isto; o galego ten unha tradición histórica moi ampla como lingua en que expresar a poesía; nós, os e as poetas de hoxe, recollemos esa tradición na nosa lingua e reinventámola todos os días.
Como empezaches a escribir Rafa? E sobre todo, por que poesía? Que hai neste xénero que non atopas noutros?
Pois comecei a escribir poesía case por casualidade, sen unha idea fixa, e pouco a pouco iso foime “enganchando”. Como xénero literario, a poesía é a expresión na que me sinto máis cómodo escribindo.
E en canto a literatura infantil? Tamén te sentes cómodo? Que che permite este público que non che ofrece o público adulto?
Si, tamén me resulta cómodo escribir para rapaces e rapazas. Penso que é un público que me esixe outras cousas cando escribo, e de feito eu cambio a miña escrita cando me dirixo ao público infantil. Por exemplo, xogo moito co humor, ou coa rima, que son elementos que non aparecen na miña poesía para persoas adultas.
Non é un xénero complicado se falamos de rapaces? Como o reciben?
Non me parece que sexa un xénero complicado para os rapaces e rapazas. É máis, seguramente eles teñan moitos menos prexuízos que o público adulto cando falamos de poesía.
E que me dis de “Animalario Estrafalario”? É un libro electrónico. Renovarse ou morrer como se adoita dicir? Debe o sector adaptarse ós tempos con iniciativas deste tipo?
Si, é un libro electrónico. Efectivamente, hai que estar cos tempos, e iso esixe tamén probar con novos formatos e formas para divulgar a obra poética. Porén, teño claro que, durante moito tempo, aínda van convivir o libro en papel e o libro en formato electrónico.
Ademais da faceta de escritor, tamén tomaches partido noutras actividades. Por exemplo formaches parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Como valoras a actividade desta asociación? Cres que é preciso que o sector se una en torno a unha plataforma que o aglutine?
“É crucial non agochar a cabeza, levantar a voz e reivindicar todo aquilo que pensemos que axuda ao noso desenvolvemento cultural” |
Persoalmente, son firme defensor da creación de espazos colectivos para a acción social, sexa no ámbito cultural ou en calquera outro ámbito. E máis alá de ver se debe haber unha única plataforma que aglutine o sector, ou máis, o importante debería ser a capacidade de poder traballar en común entre os espazos colectivos xa existentes e mesmo os que se poidan crear no futuro. O certo é que, para os nosos gobernantes, a nosa literatura e a nosa cultura carecen de importancia, e ante iso é crucial non agochar a cabeza, levantar a voz e reivindicar todo aquilo que pensemos que axuda ao noso desenvolvemento cultural.
Outra iniciativa na que tamén participaches foi na editora Letras de Cal, xunto con outros recoñecidos poetas. Cales eran os obxectivos deste proxecto? Que pasou con el?
Ben, Letras de Cal era unha pequena editora de libros de poesía, de carácter alternativo e sen ánimo de lucro. O que queriamos era facer labores de dinamización do feito poético en Galiza (con recitais e outros actos públicos), así como posibilitar a emerxencia ao espazo editorial de novos autores e autoras. Seguramente este foi un proxecto efémero de máis, pero este tipo de iniciativas moitas veces adoecen da falta do impulso necesario e sostido no tempo.
Como valoras a situación da literatura galega en xeral? E da poesía en particular?
Sen dramatismos, penso que estamos a pasar uns tempos difíciles, xa que a cuestión económica e a xestión dos gobernantes son elementos non favorábeis para a nosa literatura. Dito isto, eu sigo a percibir moita vitalidade en canto a xente escribindo, creando, e tamén na existencia de iniciativas de dinamización desa escrita. A outra parte, como industria cultural, está a padecer os rigores orzamentarios desta época e tamén a incomprensión dun goberno que non pon en valor a existencia dunha literatura nacional no noso país.
“O Arume recibino con moita ilusión, máxime cando foi concedido por unha fundación, a Neira Vilas, que leva o nome dunha persoa crucial na literatura galega” |
E xa para ir rematando Rafa, son varios os premios que levas obtido na túa traxectoria, cres que son importantes para darlle a un visibilidade? Ou pódese acadar o mesmorecoñecemento sen eles?
O dos premios debe ser ser algo aleatorio, por moi gratificante que sexa a nivel persoal. O importante está noutro sitio, no compromiso do autor ou autora coa súa obra e por construír con esta o seu discurso literario; un discurso literario que se insira no seu tempo e na súa sociedade, e iso é o verdadeiramente importante.
O último dos teus foi, se non me equivoco, o premio Arume que outorga a Fundación Neira Vilas, como o recibiches? Foi ademais un premio de poesía para nenos…
Obviamente, recibino con moita ilusión, máxime cando foi concedido por unha fundación, a Neira Vilas, que leva o nome dunha persoa crucial na literatura galega e que tamén está dentro de min, na miña formación como escritor galego. Ademais, o premio incluía a publicación do libro, o cal xa é especialmente ilusionante para calquera autor.