publicidade hoxe
Xaquín Marín: “O cómic era o mellor vehículo para contar o que queríamos” - Cabecera

Xaquín Marín: “O cómic era o mellor vehículo para contar o que queríamos”

Comezou a debuxar sobre unha pedra cando as súas mans eran ben máis pequenas, e cando caeron nelas as súas primeiras pinturas gañou máis dun tirón de orellas na casa por ter manchado a roupa. Foron os comezos de quen se acabaría convertendo no pai do cómic galego. Xaquín Marín é un dos creadores desta forma de expresión que nace co obxectivo de contar a realidade dende o humor e a retranca. Esa retranca tan nosa, e que moi poucos son quen de recoller con tal mestría.  

Xaquín Marín

Nome e apelidos: Xoaquín Bieito Marín Formoso

Un lugar: Fene, onde pasei a miña nenez e case toda a vida

Un hobby: Debuxar

Unha comida: Ovos e patacas fritidas

Unha virtude : Teimudez

Un defecto: Teimudez

Un soño : Tantos… Non sabería escoller un

Canta xente abre o xornal pola páxina da viñeta Xaquín? A cantos lle meteu vostede esa manía no corpo?

Non o sabería dicir… O que non deixa de asombrarme é cando alguén da testemuña de que o mira, retalla, colecciona… Sigo quedando abraiado.

É unha óptica diferente dende a que ver a actualidade que engancha… Canta falta nos fai o humor, non si?

O que pretendía era nin máis nin menos que facer unha crítica desenfada da realidade. Só que a realidade vai superando o desenfado e as veces pode resultar máis serio do que quixera. O humor é imprescindible para quitarlle ferro á realidade.

Ademais das viñetas, están as caricaturas, carteis, ilustracións… Toda unha vida co lapis na man…

Fixen un pouco de todo, a cotío e case sempre con entusiasmo, ademais do lapis.

E por suposto, a banda deseñada. Se a banda deseñada galega tivera nome propio sería o seu xunto co de Raimundo Patiño, séntese orgulloso?

Supoño que de non ser nós serían outros. Patiño e eu tiñamos claro, naquel intre, que o cómic chegaba a máis xente que a pintura na que nos desenvolviamos, e que era mellor vehículo para contar o que nós queriamos. A nosa intención era facer un cómic estética e eticamente galegos, claro  que despois tamén te decatas de que non todos o ven como ti pretendías e que non todos entenden o que ti ves tan claro.Cabeza Galega 2011

Momentos iniciais seus coma debuxante e momentos iniciais da banda deseñada en Galicia… Foi como abrir a porta dun mundo por descubrir, non? Todo estaba por facer.

E co pouco que nos fixemos, chegou abondo para arrincar. As cousas foron cambiando ó longo deste tempo e penso que a cousa hoxe mellorou moito. Daquela era pouco doado publicar banda deseñada, os autores tiñamos unha técnica moi sinxela, non había edito

“A nosa intención era facer un cómic estética e eticamente galegos”

riais e ninguén pagaba nin mercaba, Naqueles comezos houbo que buscar solucións, e así se comezaron a facer exposicións e mostras. Eran a alternativa ás publicacións, que estaban moi complicadas…

Sentíronse apoiados polos círculos culturais e literarios do momento? Déuselle o valor que tiña e que tería despois? Ou a aquilo da ilustración custoulle máis facerse oco?

Houbo de todo. Sobre todo tivemos moi boas críticas fora das nosas fronteiras, nalgunhas revistas especializadas “2 viaxes” foi saudado coma o “underground” galego, cando aquí estabamos co arado romano. Si que é certo que tamén houbo crítica negativa, a única que recordo fíxonola un gran escritor galego que non entendeu o “xénero”. Esa edición, que supoño non foi moi grande, aínda se vende de saldo, e teño visto nalgunha librería especializada ó noso libro na sección de “libros estranxeiros”.

E como foi a relación entre Patiño e vostede ó longo dos anos? Son as dúas figuras máis destacadas da ilustración galega, isto une ou separa?

Ter amizade con alguén do que sempre estás aprendendo é algo grande. A nosa relación foi sempre estupenda, tiñamos discusións sobre as funcións da arte, pero estabamos de acordo en case todo o fundamental.

Cómo foron os seus comezos? Ten dito que vostede debuxaba dende neno, imaxino que un pouco coma todos, pero en que momento se da conta de que no seu caso a cousa vai máis alá?

Sempre digo que empecei a debuxar na Idade de Pedra, de neno debuxaba nunha pedra (pizarra) con outra máis branda (pizarriño), logo cuspías e coa mesma manga limpabas e a por outro debuxo. Pura ecoloxía! Logo xa sempre me gustou debuxar e mirar cómics. Pasei a querer ser pintor ata que Patiño me recomendou o cómic. Despois, da sucesión de viñetas, pasei á viñeta única, ó debuxo de humor.

“De neno debuxaba nunha pedra (pizarra) con outra máis branda (pizarriño), logo cuspías e coa mesma manga limpabas e a por outro debuxo. Pura ecoloxía”

Cales foron os seus primeiros debuxos e personaxes? Como se forxa a súa man?

Nun principio non  gustaba de copiar, non me saía ben, as láminas do bacharelato eran un tormento! Pero a inventar as miñas cousas, ou copiar viñetas de “Hazañas Bélicas” e outros polo estilo, si o facía con frecuencia, e certa soltura.. A man vai collendo habilidade a forza de moverse. Coido que a algúns  resúltalles doado e a outros custounos ben máis. O meu primeiro personaxe foi Gaspariño, pensei que as cousas que eu quería dicir serían mais publicables se as dicía un neno. E resultou.

E que lle dicían na casa? Non había algunha voz que lle dixese aquilo de… “deixa os debuxiños e ponte a traballar”?

Tiña máis problemas co fútbol que co debuxo, rompía tódolos zapatos xogando. Logo cando xa empecei a manchar a roupa de tinta ou pintura e algunha reprimenda si aturei, pero non demasiado, case todo foron facilidades.

E a través da ilustración, foDebuxo Xaquín Maríni vostede un dos máis ferventes defensores da cultura e a lingua galega nos últimos anos do franquismo. Naquel momento facía falta a unión de tódalas formas de expresión para conseguilo?

A miña idea era esa. Hai un pensador que dixo que os humoristas son aqueles que se sentan a beira do camiño a contemplar o paso da vida. Coido que non debe ser así, o humorista (podía dicir artista, pero sempre procuro fuxir desa cualificación) non se ten que limitar a observar, ten que marchar no medio da xente, cos seus problemas e preocupacións. E ademais, ten que usar tódalas súas posibilidades para tentar que o camiño sexa máis doado.

Sempre foi vostede un activista social, tomando partido en temas coma, por exemplo, a catástrofe do Prestige. Neste senso, que valoración fai da situación actual? Bota en falta quizais máis implicación por parte da sociedade en determinadas cuestións?

Non, nunca fun un gran activista, non me considero como tal. O meu compromiso nunca chegou a moito, polo que tampouco me atrevo a xulgar ós demais, nin antes nin agora.

Se hai algo característico das súas viñetas é esa sorna e esa ironía tan súa. Facía falta tamén naqueles momentos de represión? E hoxe en día? É un trazo da súa personalidade ou só un recurso de debuxante?

Unha das peculiaridades dos galegos é o recurso da ironía, e nos humoristas esta ten que ser unha das súas principais armas. Así o foi no meu caso, sobre todo naqueles momentos nos que se xogaba contra os “elementos” e nos que había que sortear a férrea censura, ó tempo que procurabamos dicir o máis posible. Cadra tamén que eu

“Eu teño un carácter que tira moito da ironía, así que mellor que mellor”

teño un carácter que tira moito da ironía, así que mellor que mellor.

Dende “Ratas” e “Gaspariño” ata “Trinta e tantos” ou “As dúas viaxes de Xaquín Marín” por exemplo, pasaron máis de vinte anos, en que cambiou a súa obra? En que cambiou vostede?

Fun cambiando as técnicas, tampouco demasiado, os procedementos de reprodución tamén cambiaron, e mesmo as condición físicas e as ferramentas de traballo. Tamén cambiou o mundo e polo tanto a temática, aínda que sempre procurei facer algo intemporal, que non fose de usar e tirar ou de actualidade perecedoira, que é un xeito de facer humor que practica a maioría.

Ademais da banda deseñada e das obras que ten publicadas, infantís ou ensaísticas, tamén colaborou vostede cunha morea de publicacións, “Teima”, “A nosa Terra”, “El Ideal Gallego”, “La Codorniz”, algunha que destacaría especialmente?Pehilton

La Codorniz, dende moi novo, foi unha das miñas aspiracións. Traballar con Mingote, Chumi, Serafín, Máximo,.. era o máximo, nunca mellor dito! (Risas). Cando cheguei eu xa non estaban algúns deles, pero non acababa de crelo. Logo fun comprobando que en cada nova publicación que traballei fíxeno coa mesma ilusión do principiante.

E que me di do Museo do Humor de Fene? Foi vostede o impulsor e director desta iniciativa que non tiña precedentes en España Como decidiu poñela en marcha? E como resultou?

Tiña noticias do Museo de Humor de Gavrobo (Bulgaria), mesmo pediran a miña colaboración para unha enciclopedia do humor. Logo, nas xuntanzas de humoristas sempre falabamos da necesidade dun organismo que servira de canle e dera pulo as nosas actividades, e entón pensei que en Fene poderiamos facer algo. Un concelleiro co que falei da idea trasladouna ao resto da corporación, e algo que comezou pensando no humor gráfico galego, ampliouse ao humor, e a todo o mundo. Se en principio as aspiracións eran cativas, co tempo chegaron a ser moi grandes e non se chegaron a colmar. Falla de presuposto, certa incomprensión, incapacidade miña…

Se falamos de galardóns… Cóntaos xa por decenas, Paletas Agromán, Premio Galicia de Periodismo, 1º Premio Bienal de Gavrobo, Vieira del Humor,… Cales foron os máis significativos? Cales lle emocionaron máis?

A Paleta era o premio máis importante que había en España, gañei a primeira vez que me presentei, polo tanto foi unha gran ledicia, logo a segunda vez que gañei xa non foi o mesmo! O de Gavrobo foi que me coñecían e din cun debuxo apropiado, escoitara dicir que alí xogaban moito ao xadrez… Logo perdín interese polos premios internacionais, o que me interesa é o que nos poida servir aquí, aínda que non sexa moi comprensible no resto do mundo. Iso si, por outra banda, é certo que os premios ós que non me presentei eu e sen retribución económica, dan tanta satisfacción como os que máis.

Moitas grazas, Xaquín por ter conversado con nós, e ata sempre.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 11 de Febreiro do 2014 | 12:03 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura