publicidade hoxe
María do Cebreiro: poesía = verdade no sentido máis radical - Cabecera

María do Cebreiro: poesía = verdade no sentido máis radical

maria-do-ceberior-no-parque-de-bonaval-de-santiago

María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago de Compostela, 1976) coñecida a nivel literario como María do Cebreiro é unha poeta galega contemporánea, sen esquecermos o seu labor como ensaísta, froito da súa profesión como Doutora en Teoría da Literatura. A súa primeira publicación foi o poemario O estadio do espello (1998) e a partir de aí saíron da súa pluma obras como Non queres que o poema te coñeza (2004), Os hemisferios (2006), Cuarto de outono (2008) entre outras…

Prezada amiga María, dende cativa conviviches coa arte en xeral, e máis concretamente coa literatura e coa música… por que inclinarte un pouco máis cara á primeira?

Non estou certa de que estas cousas obedezan a decisións conscientes: desde logo, no meu caso non foi así. O estraño de calquera maneira, é que meu irmán se dedicase á música rodeado de poetas, hehe. Penso que vivín a miña dedicación á literatura, sobre todo ao comezo, como algo inevitable, non tanto como algo buscado ou desexado. De feito, pasei toda a adolescencia escribindo de costas a meus pais e eles non viron case nada do que escribía até que publiquei o meu primeiro libro. Imaxino que a necesidade de facer o meu propio camiño está tamén detrás da decisión de prescindir dos apelidos no nome de sinatura.

Coñezo poetas e novelistas, algúns bos amigos meus, que sempre tiveron o soño de entrar no mundo literario porque o consideraban de seu, algo desexable (queda por saber se, unha vez o conseguiron, o seguen a ver así). No meu caso, e dígoo con certa ironía pero non só, ás veces a pregunta sería como saír del. Non falo das persoas, consideradas individualmente, senón de certas inercias creadas, diso que Pierre Bourdieu, con moita agudeza, denomina “o interese no desinterese”. O bo de estar exposta desde pequena ao mundo literario, por algunhas cousas dese mundo que vía a través dos meus pais, é que desenvolves unha certa blindaxe ou un certo relativismo fronte a cousas que, vividas en primeira instancia ou por primeira vez, me terían resultado máis desconcertantes.

maria-do-cebreiro-na-virxe-da-cercaE claro, dentro da poética, convivir co asesoramento e coa (digamos) competencia-comparación familiar…

A grande aprendizaxe literaria que lles debo a meus pais, aínda que soe contraditorio, non é estritamente literaria. Sei que eles me len con moito agarimo, e agradézollelo infinitamente, pero unha das miñas grandes débedas para con eles é ler mellor a súa obra, que coñezo moi mal, moi fragmentariamente. En cambio, ser filla de quen son fíxome aprender a me relacionar co mundo literario desde unha certa distancia, desde un intenso desexo de independencia e liberdade. E iso é unha boa lección que extraín da miña orixe familiar. A xente ten a idea errada de que nunha familia de “artistas”, por dicilo así, todas as conversas son moi intelectuais e bohemias, e por sorte para a nosa, o noso trato discorre por lugares moito máis habitables; en definitiva polos lugares que marcan as relacións de todos os pais con todos os fillos.

Por outra banda, nunca sentín que meus pais tentasen asesorarme, e tampouco sei ben se eu o consentiría, hehe. Para as miñas lecturas e formación fun bastante miña, bastante rebelde ao que vía na casa. O que pasa é que estar nun ambiente tan afectado pola literatura faiche coñecer moi ben e moi desde dentro as súas luces e sombras, faiche querer o que fas e o que es en toda a súa complexidade, e non a velo como un privilexio adquirido. Se tivese que resumilo dalgún xeito, diría que no meu caso a literatura foi unha herdanza que tiven que aprender a administrar, e non unha batalla que tivese que librar en terra estraña.

Ah, e por que a inclinación cara o apartado lírico a pesar da presenza ao teu redor tamén da narrativa en xeral, tanto para lectores e lectoras máis xoves coma para máis adultos?

Podería aventurar que para min a poesía ten moito que ver coa verdade: non coa verdade experiencial ou vivencial, identificada coas cousas que nos pasan, senón coa verdade nun sentido máis radical, con aquilo que nos pon en xogo como persoas, fronte a nós mesmos e fronte a outros. Por outra banda, si que tiven algunhas ideas para facer novelas, pero até o de agora nunca callaron. Polo 2005 andaba escribindo algo de ciencia ficción que ía chamarse No land (isto dos títulos de libros que non existen é algo moi cunqueirián, pero ao tempo moi real). Logo comecei cun proxecto, unha caste de deconstrución da épica nacional, que se chamaría A guerra, título –e fragmentos- que logo foron dar ao libro de poemas que asinei hai dous anos con Daniel Salgado. E teño tamén escritas algunhas prosas, de corte máis intimista e conectadas co libriño O grupo, que pensaba titular A verdade. En todo caso, nunca vivín a literatura en termos de xéneros literarios, senón en termos dunha continuidade fluente da escrita que penso que me vai levar a onde me teña que levar en cada intre.

maria-con-ismael-ramos-autores-de-a-feridaE tamén dicirmos que en ti conviven dous espazos literarios: o creativo e o crítico… Como se comportan estes dous espazos á hora de escribir?

Pois como dous cativos que teñen que estar moi caladiños para que a súa “nai” se concentre e escriba. Bromas á parte, o que quero dicir é que eses dous espazos en xeral son como vasos comunicantes, pero hai outras veces nas que é bo que estean xebrados, para que a enerxía de cada un deles poida traballar ao seu ritmo. En calquera caso, vexo fondas relacións entre algúns proxectos ensaísticos e outros poéticos. Por exemplo, hai un fío moi claro entre As terceiras mulleres e (nós, as inadaptadas) ou entre Fogar impronunciable e Non son de aquí. E na medida en que concibo a poesía como un xeito de coñecemento, ao cabo investigación e creación non me parecen territorios tan distantes.

Ben sabemos como anda o mundo editorial en Galiza, especialmente a nivel lírico… Xa podemos ver como moitos poemas teus andan a vogar pola rede… Está o futuro da nosa lírica na rede, incluso para ser máis coñecida a nivel internacional?

Non creo que só o da nosa lírica, senón que a difusión da literatura está a experimentar mudanzas decisivas a día de hoxe, que por suposto que afectan tamén (aínda que creo que non só) ao soporte no que se publica. Quizais non sexa tanto que nos esteamos a mover do mundo impreso ao dixital, porque ambos coñecen intensas transferencias mutuas. O máis interesante, ademais desas novas canles para a publicación dos poemas, é a emerxencia de pequenos selos editoriais onde atopan saída propostas novidosas que o terían moito máis difícil nun mundo monopolista, ou repartido entre só dúas grandes editoras.

maria-do-cebreiroComezaches unha túa autobiografía coa seguinte nota: “Debe de ser difícil pensarse como “un”, pero aínda é máis difícil pensarse como “unha”. Realmente aínda nestes tempos a diferenza do “un” e da “unha” está aí?

Está mesmo gramaticalmente, e iso –sen determinismo lingüístico de ningunha caste- debe de significar algo…

E claro, vendo o anterior, non podía ser doutra maneira de que en ti e na túa obra xermolase o compromiso feminista…

Creo que o fundamental é o meu compromiso co pensamento crítico. Iso leva de xeito natural cara a calquera tipo de cuestionamento, e mesmo cara ao cuestionamento dalgúns aspectos da tradición feminista, ou da súa articulación presente, cos que non sempre concordo.

E agora coa reflexión que fai o paso do tempo segues a ter presente aquela máxima túa dos vinte e poucos anos que dicía: “Hai que desafiar o pensamento. Hai que ser radicais”?

Penso que a esta contestei na anterior e si, sigo pensando iso e tentando levalo á práctica, aínda que hoxe o sitúe na relativa melancolía dos trinta e pico, hehe.

E tampouco podiamos deixar de facer referencia á nosa mestra poética, Rosalía de Castro… Segue a ser Rosalía a estrela a seguir especialmente polas mulleres poetas contemporáneas tanto a nivel literario coma a nivel de compromiso persoal e social?

Rosalía é imbatible, e escollela como mentora ten demasiados riscos. Eu prefiro limitarme a lela en profundidade, a aprender onda ela, a tentar escoitar o que nos di… Creo que é tal a súa magnitude literaria que mesmo resultaría vaidoso pensar que un pode chegar a ser realmente influído por ela. E creo que neste aspecto cómpre falar dos escritores en xeral, non só das escritoras.

maria-con-isaac-lourido-e-basilio-losadaEn certo artigo teu, coidamos que en “El País”, falas verbo de dous temas socialmente algo enraizados: literatura e política. Pode a literatura ser allea á sociedade de onde nace ou máis ben será que os nosos políticos ven literatura por todos os lados e teñen medo de que xurdan Celso Emilios?

A literatura nace dun tempo e dun espazo concretos, é verdade, pero tamén é certo que dentro dese mundo dalgún xeito opera como un obxecto estraño (consideración, por certo, que retomaba hai pouco nun artigo o gran pensador e editor Carlos Lema).

Non creo que os políticos actuais teman a irrupción dun novo Celso Emilio; queirámolo ou non as palabras dos poetas non son agora mesmo detonantes dos procesos de transformación social. Como contrapartida, agora estamos a vivir algo extraordinario: por primeira vez en moito tempo, estamos a tomar conciencia de que podemos ser nós, e non os que gobernan, os verdadeiros suxeitos do cambio. Estamos a vivir un tempo político desacougante, pero tamén moi suxestivo.

Cando escribes poesía e pensas na súa edición non temes que deixe de ser túa para ser de todas e todos e así perder esa intimidade de onde xurdiu?

Creo que de feito esa prevención subxace á miña decisión de explorar canles de difusión da obra diferentes das convencionais. De feito, entre Non son de aquí e Os inocentes (coa excepción d’A guerra, en coautoría con Daniel Salgado) viron a luz dous libros, Poemas históricos e O grupo en pequenas tiraxes, que só distribuín entre os amigos. Tamén é certo que a propia condición da escrita parece esixir unha entrega e unha xenerosidade, un afán de nos dar aos outros. En canto os libros están no mundo xa non importa tanto aquilo que os orixinou, senón os usos que lles dan as persoas que os reciben. Daquela, a intimidade que realmente entra en xogo a partir da publicación non é a miña, senón a de quen le.

Por que a túa poética pasou dun maior universalismo cara unha maior introversión? Pode ser isto causa de que te fuches facendo algo máis reflexiva e protectora do teu?

O que creo é que houbo unha caste de despoxamento expresivo. Cando comecei a escribir interesábanme máis, por exemplo, os xogos de palabras e unha certa ironía estilística. Co tempo vou máis ao dereito coas palabras, tento procurar a fondura dos poemas, que medren cara abaixo e non tanto por fóra, que teñan moitas capas de sentido e poidan ser lidos unha e outra vez sen esgotarse. Non me interesa o brillo, senón os fulgores calados, a reconcentración dos afectos e dos pensamentos no corazón da linguaxe.

maria-nun-acto-no-ies-laxeiroHai pouco que saíu do prelo a túa obra Os inocentes onde aparece unha seria disputa en contra do sentimentalismo… por que esa visión negativa do sentimentalismo? Será que en ti o vangardismo aínda ten pegada?

Espero que si! Manter unha actitude vangardista –se cadra xa non tanto na linguaxe como na actitude- sempre me parece saudable. Debémoslle moito á vangarda, sen ela non habería modernidade poética, e Manuel Antonio é un dos meus poetas máis queridos.

As reservas cara ao sentimentalismo veñen dun traballo que desenvolvín hai anos no Seminario de Historia da Universidade de Zúrich, co profesor de orixe galega Luis Calvo Salgado, sobre teoría e historia das emocións. De feito, algunhas das miñas ideas entran en relativa consonancia coas hipóteses do último libro de Helena Miguélez Carballeira sobre Galicia como nación sentimental. Quero precisar que, cando menos no meu caso, en ningún sentido se trata dun combate contra as emocións, senón contra o seu uso perverso ou desviado, que pode ter efectos ideolóxicos moi perniciosos ao meu parecer, tanto desde o punto de vista nacional como desde o punto de vista do xénero.

Quen son (somos) os inocentes deste mundo actual que ti queres amosar nesta túa obra?

Como diría a crítica Margarita García Candeira –díxoo para min con grande acerto na presentación- os inocentes son as persoas que falan no último poema do libro. Non sei se a resposta resulta algo enigmática, pero penso que cada lector ten dereito a debuxar na súa cabeza a súa figura dos inocentes, así como a súa concepción da inocencia.

Deixando o vangardismo a un lado, que pensas do que dixo Vicente Aleixandre de que “A poesía ten que ser humana. Se non é humana, non é poesía” ou a propia Carmen Conde cando dixo “a poesía é o sentimento que lle sobra ao corazón e que che sae pola man”?

Hai unha frase de Wordsworth que me encanta, e que coido que entra en resonancia con estas dúas que evocas: “A poesía é a emoción evocada no acougo”. Sen corazón non hai poema, pero sen acougo, sen unha certa meditación ou reflexión serena, penso que tampouco pode haber poema bo.

helena-de-carlos-con-chus-pato-e-maria-do-cebreiro-en-lisboaPor que o título a unha obra túa, parafraseando outro título do Grupo Nós, Nós as inadaptadas? Nalgún momento ti te sentiches realmente unha inadaptada?

Penso que todas as persoas dalgún xeito o somos, desde a medida en que cómpre recoñecer que a normalidade non existe, ou que, como quería Deleuze, o que verdadeiramente existe non é a identidade, senón a diferenza. O importante do título é o xénero e o plural, non tanto o substantivo. No libro non fala un eu, nin un eu que se identifique comigo, senón un “nós” que quere referirse non tanto ás mulleres como a un xeito determinado –violento, incómodo- de situarse ante o que implica ser muller.

Vemos que contemporaneamente a lírica de autoría feminina está nun momento álxido. A que cres que se deba esta circunstancia? Será que aquela semente de Rosalía callou profundamente e que aquelas escritoras ponte como son Luz Pozo, Helena Villar, Xohana Torres, María Xosé Queizán… obtiveron os seus froitos coa súa semente?

Cada xeración debe inventar tanto o seu futuro como o seu pasado, pero é certo que a tradición literaria galega ten sorte con Rosalía: é ao mesmo tempo unha revolucionaria e unha fundadora. É un privilexio que sexa a nosa nai literaria, aínda que como tentaba expresar antes, a súa forza é tal que ameaza con nos devorar a cada verso.

maria-do-cebreiro-estadio-do-espelloCoordinaches a escolma e tradución ao noso idioma de música realizada por mulleres (Damas negras) A música non che ía ser allea, claro…

Desde logo que non! Ese interese tamén deu lugar a unha escolma de canción popular cubana que argallei con Yolanda Novo e que se chama Te seguirá mi canción del alma, ou nun disco que fixen en colaboración con David Miranda, titulado Lembrarás este cuarto?, con cancións baseadas en poemas, e que até hai pouco se podía descargar na plataforma web “A Regueifa”.

E para rematarmos, non serían convenientes na actualidade revistas tipo daquelas dos anos 80 e 90 (“Dorna”…) para que os e as xoves poetas comezasen a ver os seus versos voando?

Pois mira, até onde sei a revista Dorna arrancou hai pouco cunha nova xeira que promete esas descubertas tan necesarias das que falas.

Grazas, amiga María do Cebreiro, por nos poñeres en contacto coa túa poética e coa poética galega contemporánea.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 19 de Xaneiro do 2015 | 8:02 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura