publicidade hoxe
Fernando González Graña - Cabecera

Fernando González Graña

“A narrativa, pode ser un xersei;
o teatro, poden ser uns pantalóns.
A poesía, é esa roupa interior que te deixa espido”

fernando-gonzalez

Fernando González Graña, (Cuntis-Pontevedra, 1962), é un autor especializado en teatro, a pesar de que comezou a se coñecer no eido da nosa literatura coa obra O diario de Daniel, unha novela curta en formato diario. A partir de aí as súas publicacións son a maior parte en teatro para as idades máis temperás (Clave rosa / Sálvese quen poida / Eclipse / Cousiñas do mar e do río / O partido de fútbol do século/ Reciclaxe / O máxico e tolo camiño a Compostela), todas elas na colección “A Pinguela. Teatro escolar”de Edicións Fervenza. Máis tarde saíu a súa obra narrativa O misterio do faiado. Nestes días sae á rúa a súa obra O móbil do crime.

Ola, amigo Fernando. Sabemos de moi boa tinta que os teus comezos literarios foron xa durante os teus estudos, ou non? Por moito que un escritor se faga, ten que nacer…

Boas. Realmente foi no García Barros, durante a miña época de pseudoestudante, cando me empecei a dar de conta de que que algo bulía en min e precisaba esteriorizalo cara aos demais. Chámalle escrita ou como queiras, pero eu precisaba contar cousas. Que os meus compañeiros me esoitasen e, como non, se risen comigo.

fernando-grana-falandoHai unha característica en ti que non deixa de ser unha ferramenta fundamental na túa escrita, e estamos a nos referir á ironía, á retranca… Serías quen de te pór a escribir unha obra, teatro ou narrativa, seria, profunda…?

Depende da profunidade!!! Ha,ha,ha…. É broma. Por suposto que sería capaz. O que me pasa é que, como ti sabes, son moi dado a darlle a volta ás cousas. Buscarlle un segundo ou terceiro sentido. Non creo na verdade única, nin na irremediabilidade das cousas. Penso que sempre hai unha segúnda opinión, un…depende da cor do cristal…

E esta ironía sempre irá edulcorada cun xogo semántico das palabras… que nos vai levar case sempre ao equívoco, o que lle vai dar un fondo divertimento ao diálogo presente, ou non? -estamos a nos referir a xogos coma o do título da túa última obra O móbil do crime… con que significado nos quedamos de “móbil”?-

Efectivamente ten un dobre sentido: como “motivo”; e como instrumento de telecomunicación. De todos xeitos, non busco máis que tentar que o lector pase un intre entretido. Sen máis pretensión. Sei que non vai ser un número un de vendas, pero… que alguén poida pasalo ben un momentiño… compensa.

A “Terra dos Baños”, como sabemos que vos gusta que lle chamemos a Cuntis, será dende sempre o teu eixe, o teu campo de batalla cultural. E claro, tampouco podías fuxir ao engado de traballar a prol da dignificación dun personaxe cuntiense coma Xoán Xesús González…

Xoán Xesús, Roberto Blanco Torres…Olimpio Arca…penso que foron, e son fundamentais na preparación dunha terra complicada para o cultivo. Eles son os que nos abriron o camiño fácil para os que tentamos seguir os seus pasos. Heitor Picallo, Marcos Seixo, Martiño Picallo… Somos, como ti dis, de Terra de Baños. Respirarmos a carón das augas sulfurosas que nos transportan a mundos imaxinarios.

A túa primeira obra publicada foi O diario de Daniel, obra que mereceu unha segunda edición. Por que elixiches o formato diario para a súa elaboración? Que ten o Daniel protagonista do Fernando autor? Pretende ser unha obra na que se personalice a un neno galego inmiscido nunha Galicia da incipiente democracia?

O Diario de Daniel é, basicamente, unha crítica sutil dende a visión dun neno a como os adultos afrontamos a vida. É, se queres, unha canción protesta que puxen en mans dun neno por non ser eu quen de facela desde o meu posto de adulto. Dalgún xeito é tamén como a realidade vista sen tapuxos e, como non, os primeioros achegamentos dun neno cara o amor e a morte. No que preguntas do formato da obra, eu pensaba que se faría máis fácil de ler para un neno. Como varias historias seguidas que se podían ir lendo pouco a pouco.

fernando-na-presentacion-tilirinE a partir de aquí teatro… por que nos semella que é no xénero no que te sentes máis a gusto e no que realmente a túa linguaxe e a túa imaxinación acada o seu máis alto cume?

O teatro marcaoume realmente moito. Chegou un momento no que xa non era capaz de facer narrativa. É algo máxico e inexplicable. Cheguei a pensar que os personaxes non tiñan nada que ver comigo. Que falaban por si sós. Non me sentía dominador da situación. Eu so escribía ao ditado o que eles me dicían. Estaría poseído? Ha,ha,ha.

Pero especialmente un teatro para as novas xeracións… Isto require un moi grande esforzo á hora de escribir, de argallar a temática, de intentar transmitir ideas, liñas de conduta… e sempre tendo en conta que a este público hai que divertilo, telo en tensión… e non facer que renegue do teatro…

Xa. Cando escribo teatro teño moi presente que o fin último é velo no escenario. Vivo. Hai que tratar de xunta-las tres partes: escrita, actores, público. Se non hai conexión… aborrecemento. É moi importante, como dis, divertir. Pero tamén se poden tirar ensinanzas para os pequenos e, porque non, para os grandes.

A túa primeira obra teatral publicada foi Clave rosa, unha peza cun difícil artello temático… Por que a temática presente nela?

A temática é un pano de fume. Realmente, nesta obra, interesábame máis outros aspectos, como a sinxeleza no tema de homosexualidade. O raciocinio. A sensatez.

fernando-nun-colexioSálvese quen poida… que pretendiches exemplarizar con ela ao te mergullar na covardía como feito de vida e un tanto personalizado no clero?

Esta foi a miña primeira obra escrita alá polos anos… foron tempos de incredulidade. De cuestionar moitas cousas. Penso que é unha obra bastante barroca e rocambolesca nunha das miñas estapas “escuras”. Pero moi importante para min.

E a seguir, dúas obras didácticas, Eclipse e Cousiñas do mar e do río… Ecoloxía, explicacións dun feito onde hai que recorrer á voz da experiencia…

Xa. Foi un parto de Xemelgos. Naceron, como quen non quere a cousa, da miña experiencia nas charlas nese excepcional Colexio do Foxo. Tiven a necesidade de achegarme, dun xeito sinxelo, aos máis peques. E así naceron.

E para as aulas non podía faltar tamén unha obra exemplarizante de como reciclar (Reciclaxe)…

Reciclaxe foi unha obra feita á carta, xa que ma pediron dende o Concello da Estrada. Gardo moi bos recordos de cando a escribín e, como non, da súa estrea no Teatro Principal. Foron moitos os nenos dos colexios da Estrada que a viron. Entendo que é unha obra didáctica sinxela e fácil de asimilar ata para os máis cativos.

Sen esquecermos aquel tema tan enraizado nos máis novos, o fútbol (O partido de fútbol do século), unha realidade-sátira dun fútbol interparroquial, con moito en xogo, de todo tipo, e cun final indefinido…

O fútbol é importante coma a vida mesma. Por iso a Terra ten forma de balón de fútbol e non ao revés. Penso que a temática gustou. Ademais, os partidos non eran Barcelona-Madrid. Non. Troáns-Estacas ou, cada quen segundo a parroquia onde vivira. Máis rivalidade…Imposible. O final indefinido? Ti viches algunha vez rematar unha pachanga?

E ao final unha peregrinación a Santiago (O máxico e tolo camiño a Compostela), unha sátira a unha realidade demasiado inserida nesta nosa sociedade…

Non creo que haxa Santos nin Demos. Hai xeitos de vivir e convivir. O respecto cara aos demais debe ser sempre unha máxima nas nosas vidas. Aprender. Compartir. Saber sacar un sorriso das situacións máis difíciles e absurdas.

picallo-pousa-arca-villar-fernando-a-sua-dona-abella-e-nunez-2

E claro, xa tardaba a aparición dunha mestura como é a ficción coa realidade, algo que acharemos en O misterio do faiado…

O Misterio do Faiado era, con perdón, un gran que me saíra no cu hai moitos anos. Fora finalista no “Merlín” hai uns cantos anos e tiña necesidade de sacalo á luz. Así me decidín a publicalo pola miña conta. Grazas a Deus, e a moitos amigos, tivo boa acollida. Para min foi un soño feito realidade.

Os recoñecementos ás túas obras foron moitos especialmente en forma de premios, pero quizais o máis salientábel fose que Clave Rosa for seleccionada pola Asociación Galega de Editores para figurar no catálogo “Children’s Books from Galicia” na Feira Internacional de Literatura Infantil (Boloña-2004), ou non?

Lembro o día, como agora mesmo. A nova dérama o amigo Xosé Luna, daquela responsable da editorial. Eu tremía coma unha corra. Non mo podía crer. Gardo con agarimo o catálogo no que sae a súa selección. Penso que ata chorei de alegría. Ao fin, eu, non son escritor. Era como chegar a xogar coa selección dende un equipo de afeccionados. INCRIBLE.

E chegamos á actualidade onde unha nova obra túa vai botar a andar (O móbil do crime). Unha parodia cunha finísima ironía verbo dun enterro típico galego… Perfectamente podemos enxergar a un narrador chamado Fernando acudindo a un enterro e narrando o que alí ocorre, o que alí se di e o que alí se deixa de dicir, pero que se pensa… estamos no certo?

Certamente sentinme coma un cronista. Penso que, ás veces, a obra, foi somentes froito da observación. Coma se eu estivera sentado na cima dun panteón contemplando a historia. Lendo na mente de todos e cada un dos personaxes. Ás veces era como estar vendo unha obra de teatro e recreándome nas súas explicacións. Recoñezo que o pasei moi ben escribindo esta obra e, ás veces, ata me ría só imaxinando as situacións.

fernando-falando-do-seu-teatro-nun-colexioRealmente cando escribiches esta obra estabas a pensar se facer unha obra teatral ou unha obra narrativa con moitísimo diálogo, como ao final sairá?

Veño de contestar á anterior pregunta e… coñécesme ben, Carliños. Tes razón. Penso que ten bastante de teatro. Como che dixen antes, o teatro marcoume moito e, dende aquela, paréceme un pouco máis complicado facer narrativa.

Tamén temos vistos algúns poemas teus por aí… Para cando unha escolma da túa poesía (supoñemos que quedan poemas agochados)?

A narrativa, pode ser un xersei; o teatro, poden ser uns pantalóns. A poesía, é esa roupa interior que te deixa espido. Recoñezo que a poesía é algo moi difícil. Non creo que a miña poesía sexa merecente de saír á rúa. Hai moita xente nova e creativa que fai cousas que a min nunca se me pasarían pola cabeza. Xa sabes que eu son moi Rosalián.

E nun banqueiro coma ti -perdón, un traballador de banca, que non é o mesmo- non pasou pola idea de escribir unha parodia, un esperpento… sobre a nosa banca actual?

Ao mellor se me chego a Xubilar…. Ideas non me faltan….

E para rematarmos, canto queda de inédito nos baúis de Fernando González Graña -ademais do versos dos que falamos antes-? E no maxín?

Vénche sendo como a cara oculta da Luna. Sempre hai algo…máis alá….

Moitísimas grazas, amigo Fernando, por nos forneceres para a nosa literatura obras literarias fundamentais en calquera literatura normalizada.

obras-varias

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 26 de Marzo do 2015 | 1:00 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura