Xosé Luna, Premio de Xornalismo Manuel Reimóndez Portela
O escritor estradense, colaborador de noticieirogalego.com, Xosé Luna Sanmartín, resultou gañador da XVIII edición do “Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela”.
Á xa dilatada carreira literaria de Xosé Luna, con máis dunha ducia de libros publicados e con importantes premios acadados como o Avelina Valladares ou o Roberto Blanco Torres, súmase agora un novo premio xornalístico polas colaboracións no noso xornal dixital cos artigos, “Feira da Construcción”, “Librerías Paraíso”, “Finalidade suprema da lectura”, “A paixón polos libros” e “Fútbol e Literatura”.
Que significa para Xosé Luna este novo premio na súa carreira literaria?
Para min é un orgullo e unha honra moi grande por dúas razóns fundamentais. Por ser un premio que se promove desde o meu pobo, desde A Estrada; e por ser levar o nome dunha persoa pola que sinto unha enorme admiración, Manuel Reimóndez Portela, un dos refacedores da nosa cultura.
Logo de gañar no 2003 o Avelina Valladares con “Memorias do Cairo” chega agora este premio que recoñece o teu traballo como xornalista, como escritor.
Estou feliz de que o xurado se fixase nestes artigos, que cavilasen –como diría Unamuno– que eran merecentes deste premio. Un escribe para que o lean. E neste sentido o gusto, o pracer polos libros, polas lecturas son parte do meu quefacer diario, dos meus soños, da miña vida.
Sendo escritor e mestre, como valoras os recortes en cultura e en educación?
Un país civilizado. Un país que quere progresar. Un país que ten ilusión e imaxinación. Que ten esperanza nun futuro ventureiro para os seus fillos. Non pode recortar nin en cultura, nin en educación nin, por suposto, en sanidade. Os recortes nestes eidos son indignos. O que hai que recortar, dunha vez por todas, é a miseria, a fame, as guerras, o terror terrorífico do terrorismos, a corrupción…
Falas nos artigos premiados de “Librerías Paraíso”. Que papel deben xogar os libreiros na lectura?
Eu sempre conto o que lle sucedeu a Carlos Casares cando entrou nun libraría na Rúa do Villar, en Compostela, alá polo ano 1967, e o libreiro, un tal Eduardo Hérnandez, meteulle entre as mans un libro que denominou de “alta plumilla”. Casares levouno máis que nada por non desairar a quen puxera tanto eloxio da obra. Levouno sen ilusión pois o nome do autor nin lle soaba. Chegou á súa casa e leuno de corrido. Foi así como (con 26 anos) descubriu “Cien años de soledad”, de Gabriel García Márquez.
Xosé Luna sempre fala de fútbol e literatura. Como é iso?
Un bo partido de fútbol é sempre unha boa historia para contar. Tanto o manexo do balón como o da linguaxe, sexa nos pés de Valerón o nas mans sensibles de Neira Vilas constitúen un auténtico desafío para a creaividade.
Que aprendemos nos libros?
Un escribe para que o lean. E neste sentido o gusto, o pracer polos libros, polas lecturas son parte do meu quefacer diario, dos meus soños, da miña vida.
Entre as “cousiñas” que aprendemos nos libros é que existen diferenzas abismais entre os corazóns dos seres humanos. Entre o corazón podre e irreverente dos que fan chorar e o corazón ardente e admirable dos que choran. Aprendemos a diferenza entre ser un rebelde e un revolucionario. Aprendemos que o ben máis prezado que posúe o ser humano é a dignidade, a autenticidade, a liberdade.
Nestes momentos estás a traballar nalgún libro ou serie de artigos?
Un escritor sempre está a escribir, a ensoñar algunha historia. Eu levo tempo cunha novela. Estou na fase de investigación e agardo no vindeiro curso podela rematar. Tamén estou cun poemario infantil que vai xirar ao redor dos beixos, porque teño moi claro que os beixos, os bicos (léase a tenrura) é imprescindible para vivir. En canto aos artigos penso seguir colaborando con noticieirogalego.com