publicidade hoxe
Antón Riveiro Coello: “Acaso a literatura non é unha marabillosa mentira aceptada por todos?” - Cabecera

Antón Riveiro Coello: “Acaso a literatura non é unha marabillosa mentira aceptada por todos?”

Antón Riveiro. Foto de Simón Balvís

Soñaba con ser estrela de rock, comezou a prepararse para ser avogado, e acabou converténdose en escritor. Antón Riveiro Coello non naceu rodeado de libros nin ía camiño de coller a pluma dende pequeno, pero tiña unha “imaxinación hiperbólica” coa que algo había que facer. Defínese como un escritor disciplinado que remata todas as súas obras, obras ás que ademais trata de poñerlles sempre unha banda sonora.
Antón Riveiro

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964)

Un lugar: a praia do Vilar

Un hobby: a guitarra

Unha comida: marisco en xeral    

Unha virtude: curiosidade

Un defecto: desconcentración

Un soño: voar

Como é Antón Riveiro Coello como escritor? Como define a súa obra?

Coido que son un escritor curioso, atento, sempre na procura de historias. E a miña obra non é outra cousa que a orde de todas esas curiosidades.

De mozo soñaba con ser unha estrela de rock, guitarrista para ser exactos. Estudou dereito e despois comezou a escribir. Toda unha mistura… Comecemos pola música, a súa primeira paixón?

Un dos mellores agasallos que me fixeron na miña vida foi mercarme unha guitarra con oito anos e enviarme a clases de guitarra. Aí naceu unha paixón pola música que segue a acompañarme hoxe. Despois, xa estando no instituto, formamos un grupo de rock local e demos algúns concertos. A verdade é que aquilo foi unha experiencia creativa na que o pasamos realmente ben, pero a cousa non era demasiado profesional.

Ó fin é o cabo a cultura é un todo, en esencia a música non se afasta tanto da literatura, non si?

Si, de feito eu procuro que a miña literatura sempre teña música de fondo, unha reverberación espontánea que a faga apta para o ouvido.

Unha vez que pasou aquela etapa máis “rockeira”, rematado o instituto, estudou dereito. Nalgunha ocasión dixo “fixen o que adoita facer moita xente que non ten as ideas claras: dereito”…

Dereito era un caixón de xastre, e segue a selo, porque os camiños profesionais que se abren ao rematar son moi diversos. E eu, como non tiña moi claro que facer, déixeme levar por algúns consellos e apandei con ese erro durante un tempo.

Antón Riveiro. Foto de Eduardo Castro BalTería escollido outra carreira se volveramos agora a aqueles tempos?

Filoloxía. As letras e os idiomas dábanseme ben.

Malia todo, como avogado non chegou a exercer, non si?

Non. En Santiago non rematei a carreira. Deixeino e presenteime a unhas oposicións do Estado. Estiven traballando en Madrid e alí, mesmo me matriculei na UNED e saquei algunha matrícula de honra, pero a meirande parte das materias de Dereito, agás Romano, Civil ou Penal, non me atraían nada, e foi daquela cando descubrín a escrita e xa me esquecín por completo do mundo das leis.

Chegou entón ese momento no que alguén lle deu o empurrón que precisaba e empezou a escribir… Como foi?

Comecei a escribir con 23 ou 24 anos e fíxeno para seducir a unha moza que aínda segue comigo. Cando nos carteabamos ela teimaba en que eu escribía moi ben e animoume a escribir un relato que gañou un premio e dende ese día xa non parei de escribir. Sospeito que a literatura, desta volta, si funcionou. Ao final, escribir non é outra cousa que gustar, ou seducir, a un lector. Aínda que prefiro gustar, porque no seducir está a máscara, a trampa.

Así que non é vostede deses escritores ós que a vocación pola pluma lle vén dende cativos?

Non. Na miña casa máis ca libros había ferramentas, e nada parecía indicar que eu fose ser escritor, nin tan sequera un gran lector, pero había algo creativo en min que finalmente agromou. Moitas veces fágome a pregunta de se eu tería sido mellor escritor se nacese nunha casa chea con libros, e non o teño claro. O que si é certo é que de pequeno era un rapaz cunha imaxinación hiperbólica, é dicir, un gran mentireiro. E se é certo o que di Ciorán de que a mentira é outra clase de talento, podo dicir que estou realmente dotado… Ademais, acaso a literatura non é unha marabillosa mentira aceptada por todos?

Cal foi o primeiro libro que escribiu? Como recorda aquel proceso e como xurdiu aquela historia?

Como case todos os escritores, comecei escribindo algún poema e relatos. Coido que a primeira experiencia de libro foi unha historia costumista que escribín a finais dos oitenta e que por sorte para min e para os meus lectores rematou no cubo do lixo. Valquiria foi a primeira noveliña que viu a luz despois de gañar o premio Camilo José Cela. Xa non debe de ser doado atopala, o cal tamén me alegra, porque tiña moitas eivas.

Portada 'Casas Baratas' de Antón Riveiro CoelloÉ ademais un escritor moi prolífero, diría que evolucionou a súa obra dende os primeiros libros ata os últimos?

Hai algo curioso no mundo da escrita e é que segundo pasan os anos, máis críticos e crueis nos viramos contra nós mesmos. Ao principio, canto peor escribimos, máis nos gustamos, e pola contra, co andar do tempo, o proceso faise inverso e gañamos en esixencia e calidade. Coido que a evolución da miña obra incide neses dous puntos.

Servíronlle as súas vivencias persoais para as súas obras? Canto hai da súa vida nos seus libros?

A nosa experiencia sempre se transfire a algúns dos nosos personaxes. É inevitable. E as paisaxes psicolóxicas da nosa familia acompáñanos sempre. Así, a miña identificación está máis preto de obras como A quinta de Saler, A esfinxe de amaranto e, sobre todo, Casas Baratas, que é unha especie de autobiografía novelada.

Tamén adoita dicir que é un home disciplinado e que sempre remata os libros que empeza.

Si, é certo, adoito ser bastante disciplinado e asumo o proceso da escrita non só como un pracer intelectual e estético, senón tamén como algo profesional. Todos os días traballo nas miñas historias e remato o que empezo porque non empezo nada que xa non teña un remate na miña cabeza.

Habería algún que lle custaría máis…

A obra máis difícil de escribir foi Laura no deserto. Con ela botei seis anos da miña vida e foi duro ordenar tantas historias, tantas páxinas, tanta documentación histórica e tanta dor como a que producen as guerras ou os campos de concentración.

Portada 'Laura no Deserto' de Antón Riveiro CoelloTocou todos os xéneros, máis narrativa sen dúbida, pero tamén houbo algo de poesía… Que lle permitiu cada un deles?

A poesía é unha iluminación, un abismo para min e ponme moito respecto. Eu son fundamentalmente narrador e síntome máis cómodo na novela e no relato que na poesía. De aí que as miñas experiencias na poesía adoiten ser narrativas. Limaiaé é un libro de poemas limiaos que xurdiu dun compromiso cos amigos e do que estou satisfeito porque foi unha viaxe moi especial pola memoria da Limia e o seu río.

Premios… Difícil resumilos. O máis importante para vostede? O máis especial?

O máis importante foi o primeiro, un accésit no Pedrón de Ouro no ano 1991. É certo que este premio despois gañaríao máis tarde en dúas ocasións e virían outros de máis prestixio, pero ese tivo o pulo da primeira vez. Foi como sacar o carné de escritor. A primeira vez sempre resulta sorprendente. É un recoñecemento, unha afirmación nese mar de dúbidas que asalta a calquera que aspira a ser escritor e que sempre está a navegar nun campo minado de inseguridade e incerteza.

Son importantes os premios para a Literatura? Para o sector como tal?

Precisámolos para a normalización dunha literatura. Dicir que hai moitos premios ou moitos escritores é o mesmo que protestar porque un bosque ten moitas árbores. Os premios cumpren varias funcións como a de confirmar carreiras, abrir camiños ou facerlles publicidade aos propios libros o que pode poñer medras nas vendas do sector. A min os premios servíronme para o máis importante, que non é outra cousa que atopar unha editorial de prestixio como Galaxia. De feito dende o ano que gañei o García Barros nunca máis me volvín presentar a un premio porque o fundamental xa estaba conseguido.

Xa para ir rematando, como valora a situación da literatura actual Antón? Mirando cara a literatura galega, como diría que se atopa?

Hai un nivel de altura. A verdade é que, malia a invisibilidade á que nos condenan e á situación pola que está a atravesar o galego, a nosa literatura nada ten que envexar a outras literaturas. A parte de fenómeno da poesía, sempre tan frutífero no noso país, ou da literatura infantoxuvenil, nos últimos anos eu salientaría a diversidade e a consolidación dunha xeración de narradoras tan interesantes como Teresa Moure, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Inma López Silva, Berta Dávila, María Reimóndez, Eva Moreda, Uxía Casal, Rexina Vega, Iolanda Zúñiga e moitas outras.

Proxectos de futuro? Algún libro entre mans? E se é así, de que vai?

O meu único proxecto neste intre é avanzar nunha novela longa que anda por Compostela e pola problemática que está a sufrir unha das xeracións máis formadas da nosa historia.

Moitas grazas por ter conversado connosco e ata pronto.

Antón Riveiro. Foto de Simón Balvís

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 14 de Maio do 2014 | 12:01 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura